6 dic 2008

O CARRABOUXO, 5-12-08 (La Región)

A gastronocracia galega
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 6-12-08



Cando lle di un a outro, por primeira vez, ‘pásame o tinto’ estase iniciando un fío de conexión moi interesante. E se logo lle comentas utilizando un plural de ocultación ‘¿Queredes por aí máis langostinos que aquí sobran?’, xa está a cousa feita. Non hai tensión laboral ou política que se resista a un moderado uso da gastronomía patria. E cando digo ‘patria’ refírome eu, escasamente nacionalista, á patria galega gastronómica. Esa que nos une na nosa preferencia colectiva da empanada de zamburiñas sobre a pizza margherita ou na do caldo de grelos sobre o gazpacho; salvando o tórrido verán, que para iso a nosa tradición é ser abertos e integradores.
Nós vivimos así nunha terra de acusadas tendencias gastronocráticas, ou sexa da creación e recreación dos poderes e das relacións ao redor dunha mesa ben habitada con amigos e bo ‘material’ por riba. Nalgúns casos que sen dúbida existen, pode caerse na esaxeración do neoloxísmo pseudogrego, ‘paparotocrática’: o poder, a seducción da megapaparota como elemento de promoción social e política; sonlles esas de ‘xuntáronse a comer trinta mil persoas e come ron sesenta mil quilos de polbo’.
Pero non. Eu prefiro a cousa positiva, normal, as ceas e xantares de confraternidade. De compañeiros no traballo facémolos case todos e aínda miramos con cara rara a aqueles que non a fan no Nadal. Son os xantares colectivos ao redor de cousas comúns. A historia de Galicia está chea de ceas e xantares lembrados. O Banquete de Conxo, 1856, marca o inicio do Rexurdimento e a alianza artesáns e estudantes: o Banquete de Lugo, 1918, o impulso ás Irmandade da Fala e logo o de Monforte, de 1922, a súa madurez. O Banquete da Barxa, 1930, a refundación do galeguismo. O do Hotel Roma, en Ourense, en 1930 a homenaxe a Otero. O do Hotel Compostela, en 1950, a fundación de Galaxia. No do merendeiro da Rocha, preto de Santiago, en 1964, ideouse ao redor dun cabrito a UPG. En maio de 1966, no Hotel Roma de Ourense clamou a sociedade civil contra o embalse de Castrelo con motivo de marchar Celso Emilio a Caracas, no 1968 o xantar da xubilación de Otero foi no Hostal dos Reis Católicos.
E podemos seguir, as ceas do Premio da Crítica en Vigo; os Xantares dos Premios de Trasalba...
¿E que dicir do mundo da emigración?
O corazón sempre queda a metade de camiño entre o estómago e a cabeza. Por iso, a saudade, o pensar na terra empeza ás veces, pola evocación das lembranzas, vistas, olores e sobre todo, sabores da casa.
Pero en fin, cando a sociedade civil se xunta festiva ao redor da comida, non está facendo só un acto de alimentación física; esta é só a unha disculpa de algo sempre máis importante. Verse. Charlar. Comentar. Saber do outro. Lembrar. Rir. Vivir en positivo.Por iso, a cea do outro día, do 29 de novembro de 2008, ao redor de Marcos Valcárcel non a lembraremos porque non funcionasen ben os micros, nin sequera porque non lle pasasen ao mantedor o telegrama de felicitacións que a Conselleira de Cultura enviou ao Liceo -desculpas señora Bugallo, foi sen intencion- e sí polo esprito xeral que alí nos uniu e polo discurso de Marcos. Sen pretensións, foi un banquete para lembrar onde a todos nos gustará dicir, algún día, que estivemos. Graciñas.
Hai que “mollarse como El Llanero Solitario”, pide Rivas
Manuel Rivas, que hoxe presenta no Cultur.gal o seu novo libro "A corpo aberto"
,

asegura que o xornalista debe seguir o criterio de "independencia pero tamén o de mollarse"
PALOMA CALVO . SANTIAGO


Entrevista en GALICIA HOXE 6-12-08

A antoloxía de 1936

Andoliña 6-12-08

Co título Os poetas galegos (1936). Antoloxía consultada acaba de editarse, 72 anos despois, un proxecto encabezado por Filgueira Valverde, que recibiu a encomenda do Seminario de Estudos Galegos de facer unha ampla Escolma da Lírica Galega en seis volumes. Agora, Ana Acuña e Xesús Alonso Montero ofrécennos a edición do material recollido á altura de 1936, inédito en boa parte dende aquela. A guerra incivil impediu que aquel fermoso soño se fixese antes realidade.
O presente volume, publicado polo Museo de Pontevedra e a Deputación pontevedresa, é, en primeiro lugar, unha merecida homenaxe a Xosé Filgueira Valverde: Alonso Montero subliña o seu valioso labor como gran polígrafo, medievalista e autor desa xoia que en forma de Adral nos deixou en nove deliciosas entregas.
Esta Antoloxía é ademais un documento literario único no que un total de 32 poetas (os convocados foron máis) non só nos ofrecen unha escolma da súa obra, senón tamén datos moi valiosos da súa formación, poéticas e sensibilidades e opinións sobre a lingua, algúns de forma minuciosa como Otero Pedrayo. Noraboa, pois, ás institucións e personalidades que recuperaron este agasallo da palabra.
TRES COLUMNAS, ANT
Xan Carballa tivo a ben enviarme as tres columnas de tres amigos en ANT.

Marcos Valcárcel, por Damián Villalaín. A NOSA TERRA 4-12-08.

Marcos Valcárcel é unha desas poucas persoas que suscitan simpatía e recoñecemento xeral no mundo cultural galego, tantas veces corroído pola egopatía, a cutrería sectaria, os resentimentos e a mala educación dos que nel participamos. Como uns e outros incorremos con maior ou menor intensidade e compracencia nesas malas prácticas, cando nos atopamos cun señor como Marcos Valcárcel é como se désemos cun lugar de acougo onde refuxiármonos dese trebón estéril e cansino. Durante un tempo frecuentei moito o seu blog, esas louvadas "Uvas na solaina" que Marcos fai madurecer cada día. Discutíanse alí moitas cousas dalgunha importancia e os debates case sempre se impregnaban da atmosfera amistosa e da serenidade non ataráxica coas que Marcos sela todo o que fai. Agora o amigo auriense vese asediado xa non polos inevitables trolls e pelmazos cibernéticos, senón por unha doenza absurda que lle resta capacidade física pero que non lle impide a elaboración diaria dos contidos do seu excelente blog. Nin tampouco dos seus libros e artigos. A vida semella ás veces unha carreira de atrancos pragada de contrariedades innecesarias e inxustas. Pero Marcos Valcárcel sabe, arestora, que hai moitas mans dispostas a axudalo a saltar, como se viu o sábado, 29 de novembro, na multitudinaria homenaxe que recibiu na súa querida cidade de Ourense. Como me compremetera a asistir e finalmente non puiden facelo, gustaríame aproveitar esta columna para dicirlle a Marcos que, aínda ausente do acto do Liceo e da cea do San Miguel, eu tamén estiven con el e cos centos de amigos que o acompañaron.

-Marcos Valcárcel, por Xosé Miranda.

No ano 1976, se a memoria non me é infiel, coñecín un grupo de rapaces ourensáns brillantes coma estrelas da mañá: Bieito Iglesias, Xan Guerra, Marcos Valcárcel, Bieito Alonso. No piso onde vivían celebrábanse reunións contínuas e clandestinas, non só de ERGA, a organización á que todos pertencían (menos Manolo Cao), senón tamén da UPG, e por alí pasaban xentes como Elvira Souto ou Margarita Ledo. Como toda regra ten a súa excepción, entre os ourensáns había un que non o era: Perfeto Ramos, que é de Crecente (pero que, penso, estudara en Auria).Marcos Valcárcel, naquela constelación de intelixencia, enerxía e xenerosidade que foi ERGA, (aínda que algúns dirán que ERGA foi máis ben unha supernova, e estalou en luces de todas as cores), foi desde o inicio, e continúa sendo hoxe, unha das máis belas estrelas. O seu lume daba calor verdadeira. Na faculdade de Historia ERGA contaba con personalidades autenticamente xeniais: os lucenses Xosé Manuel Sarille, Xullo Gaioso, Pilar Meilán; o coruñés Xullo Cuba; a ferrolá María Xesús Arias; Bieito Iglesias; tamén estaban Rosa Bassabe e Alberte Esteban, que non eran de ERGA, pero como se o fosen. Aínda así, Marcos destacaba pola elegancia, a seriedade e a bonhomía, ademais de por ser un auténtico sabio xa daquela.Marcos, o home tranquilo, o factotum cultural de Auria, é o home que todos quixeramos ser: partidario firme da igualdade, a fraternidade e a liberdade, da cultura, da paz e do progreso; amigo dos amigos e opoñente educado e amable dos inimigos (non dos seus, que estimo imposible que os haxa, senón dos das súas ideas); cunha cultura enorme, enciclopédica; ameno, claro e didáctico; demócrata practicante; tolerante, pero defensor das súas ideas; convencido, pero non tanto como para impoñerllas aos demais por activa nin por pasiva; bo, xeneroso, no sentido profundo e orixinario destas palabras; bo cos seus e cos outros; sempre con Galicia no corazón, sempre pensando nos desfavorecidos, sempre da parte dos oprimidos, pero sen sectarismo, sen demagoxia e sen ningunha caste de dogmatismo; capaz, eficaz, organizador incansable; con requintado gusto estético, literario, artístico, cinematográfico e musical.O seu mundo comeza e non remata coa súa familia, os amigos (que son, somos, numerosísimos), Ourense, Galicia, Europa e o Mundo, pois Marcos sabe, e di, que unha cousa non quita a outra; que o amor a Ourense fundamenta o amor a Galicia, e o amor a Galicia, o amor ao mundo. Que a atención aos seus funda o aprecio polos demais.Ninguén fixo tanto por Ourense, nin estudou tanto a súa historia, desde o seu devanceiro espiritual, don Ramón Otero, do que é lexítimo herdeiro. Non se comprende, por iso, que non lle teñan dado xa a medalla de ouro da cidade.A todo isto, e aos seus moitos libros, traballos, conferencias e artigos, engadiremos o seu prodixioso blogue, As uvas na solaina, que leva dado xa moito mosto e moito viño novo, e que a min me parece non só o mellor de Galicia (e se fose preciso do mundo mundial), senón un dos escasos foros de debates auténticos, libres e democráticos con que contamos no país.

Mil Marcos, por Federico Cocho.

De seguro que con mil Marcos este país sería outra cousa. Galicia non necesita mil primaveras máis, como adoitamos repetir nos nosos rituais literarios. Galicia necesita clonar Marcos, repartilos ben de norte a sur e deixalos facer. Outro galo cantaría.Pero Marcos, por desgraza, non hai máis ca un. Só temos un e andamos a mimalo estes días, xusto cando saca un novo libro. Desde Ourense para o mundo, un clamor cívico reivindica o impagable labor do Marcos Valcárcel historiador, animador e organizador. Do referente da cultura galega na cidade de Otero Pedrayo. Do intelectual convertido en punto de encontro cultural ao longo de media vida dedicada, con discreción e xenerosidade infinitas, a espallar saber. Literario e histórico, sobre todo.E sempre desde un compromiso galeguista aberto e integrador, prefectamento reflectido nesa súa perenne expresión beatífica, mesmo merecente de compartir gloria pétrea co sorriso do profeta Daniel, alí no alto do pórtico compostelán.Durante a homenaxe do sábado, lembreino coa esa mesma faciana pacífica mentres o irmán Sandoval, cos pés enriba da mesa por cousas da circulación, corrixíanos as traducións de grego nos anos dos Maristas. Co mesmo aire anxelical e imposible que levaba o día do noso reencontro andaluz, vestidos de caqui os dous no 1981. Con esa mesma serenidade sabia coa que fai cultura e fai país. A dos bos e xenerosos, que aínda non somos quen de clonar. Iso si que sería I+D+i estratéxico.