Desvío, de Bieito Iglesias (ECG. 2-10-08)
Stephen Hawking foi ovacionado polos viciños na súa visita a Fisterra. Recibimento tan caloroso podería significar que os naturais daquelas partes lle están agradecidos polas súas pescudas relativas aos buratos negros e polos seus libros divulgativos sobre a historia do tempo. Está o pobo verdadeiramente interesado nas metáforas que achega a astrofísica en dura competencia coa poesía, tales como big bang, materia escura do universo, desvío ao vermello das galaxias ...? Quere saber a xente que sucede cando un obxecto traspasa o horizonte de eventos, alén do cal a frecha do tempo se dispara en caprichosas direccións? Polo que eu sei, diría que non.
Entendo que as preguntas formuladas polo común dos mortais son máis crasas. Aínda estes días escoitei, ao pé do edificio de Correos, a un señor que interrogaba cantando, con música da Raspita: "Ladrón, ladrón, ladrón, roubáchesme a miña muller; ladrón, ladrón, ladron, que lle querías facer?" Co anterior non quero negar o fascinio que exercen os astros sobre tódolos corazóns, calquera que contempla en agosto un firmamento no que ferven as estrelas sentirá a emoción que o escritor Edmond Jabès rexistrou en frases lapidarias: "A dor é un ceo estrelado, a noite enteira está en nós".
Pero a admiración popular por Hawking é, en realidade, un xeito de homenaxear a Providencia. Non sei se saben -se non o saben dígollo eu- que o vulgo pensa que se Deus tolle algún membro, a forza do órgao mancado acode á cabeza, volvendo ao baldadiño máis intelixente. Certo que, sendo eu eivado, non me aplauden como ao Stephen, pero iso débese a que, en lugar de entregarme á astronomía, dediqueime a actividades que Chichi Campos (en paz estea o lembrado humorista) englobaba baixo o rótulo de astrodeterminación.
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 5 días