
Cuniculus
Pan por Pan mércores 13 setembro
Un meu avó criou coellos na aldea, que por certo lle morrían con facilidade polas pestes. O neno que eu fun aínda lembra o tacto de veludo dos seus corpos e o seu inquedo correr dun lado para outro naquelas gaiolas cheas de palla. Pero aínda non sabía aquel neno do fondo simbolismo deste animal que os artistas asociaron a Venus pola súa inesgotable fecundidade e á luxuria e á voluptuosidade. Os símbolos son caprichosos. E admiten reviravoltas completas: por exemplo, nalgunhas pinturas relixiosas un coello branco aos pés da Virxe simboliza a castidade e a vitoria sobre as paixóns. Nos bestiarios medievais relacionouse a capacidade de escapar dos coellos e lebres co home que foxe das tentacións do demo. Ao carón de San Xerónimo no deserto representaban as paixóns e tentacións que sufría o santo. Pobres coelliños: eles ignorantes de todo isto!
(Imaxe: a lebre de Durero, que non hai moito estivo en exhibición en España, despois de cumprir requisitos de seguridade moi estrictos).