24 may 2007


Entre copas (Bieito Iglesias)
El Correo Gallego, "Pan e coitelo", 24 maio 2007

(Un pouco bastante abrumado, case avergoñado, reproduzo este artigo que o amigo, extremadamente xeneroso, Bieito Iglesias, me dedica hoxe en ECG. Creo que son, xunto cun limiar dun libro que me fixera o finado Carlos Casares, as palabras máis amables que sobre min se escribiron nunca. E aí quedan, para compartilas con todos vostedes. Pero a que vai quedar máis contenta co artigo, sen ningunha dúbida, é a miña muller)

Unha mañá destas da ponte das Letras Galegas, desafiei o biruxe das primeiras horas e fun almorzar na praza maior, oficialmente denominada del Caudillo, de Carrión de los Condes, Palencia. Anoto de pasada, antes de seguir co conto, que me opoño ao proxecto da Consellería de Cultura de converter outra volta en laboral a festividade do 17 de maio. Tal efeméride debe continuar como vacacional, polo menos para os escritores en galego, meravigliosas creaturas protagonistas de tan asinalada data. Naquel bar palentino coincidín con homes de pelo en peito (víaselles a pelame e as cadeas douradas con medallas da Virxe porque lucían a camisa parcialmente desabotoada), con señores que trasfegaban ao romper o día copas de coñac e anisete -sol y sombra- ou viño quinado. Só algún pusilánime bebía cervexa con aceno esquivo, pedindo perdón por semellante mariconada. Eran individuos tan alleos á sociedade da información como poidan selo os indios yanomani do estado brasileiro de Roraima.

Sufrín un ataque de envexa porque estar informado non te volve máis feliz. De que me serviu a min saber (por artigo de Alfredo Conde neste diario) da armadilla que lle prepararon ao meu amigo Marcos Valcárcel? Serviu para pórme de malas, pois Marcos foi atraído a unha emisora co achaque de falar de historia cando o que pretendían era encalatralo para que rifase cun adepto do xugo e as frechas. A noticia circula no ciberespazo: "Comunista se niega a debatir con falangista". O meu amigo aturou falanxistas no bacharelato (sádicos profesores de ximnasia e de Formación del Espíritu Nacional), aos seus anos xa está ben libre de ter que rebaixarse en espectáculos circenses de mouros e cristiáns. Por certo que a etiqueta de "comunista" non o retrata con precisión. É galeguista, de esquerdas, historiador rigoroso, orador ameno nas palestras, columnista brillante e boa persoa. Tamén é un tipo máis calmo que O home tranquilo filmado por John Ford. Aínda por riba a súa muller, María, parécese a Maureen O´Hara.

OS POLÍTICOS QUEREN SER XENTE
Andoliña 24 maio (Imaxe: Dona en camisa, A. Derain)

Desta campaña electoral, a diferenza doutras anteriores, deduzo dúas novidades. A primeira, a riqueza de medios que exhiben todos os grandes partidos: os dous que cogobernan no bipartito e o principal da oposición. Todos seguen unhas estratexias xerais que se cualificarían non hai moitos anos como un exceso de electoralismo: ata a contratación, mesmo no BNG, de figurantes mozos para un mitin.
A miña segunda conclusión é que os políticos queren ser xente do común. Verán. Escoitei hoxe na radio este eslogan: “Vota PP, o partido que máis se parece ós galegos”. Creo que vai na liña de flotación daquel “Galego coma ti” que tantos éxitos lle dera noutros tempos a Fraga Iribarne. E os nacionalistas, cando menos en Ourense, o mesmo: levan días a dicir que o seu candidato, Álex, é o máis parecido á xente normal da cidade. Xa o dixo Quintana e repíteo a cotío o propio candidato. E velaí a música deste mesmo grupo: “Xente que camiña...”: por certo, a mellor banda sonora da campaña, da man de Berrogüeto.
Que sucede? Vense os políticos como marcianos doutra galaxia para insistir tanto en que son xente normal? Ou teñen medo do menosprezo que as enquisas reflicten sobre a clase política en xeral?