Á morte non lle teño ningún medo, de
Fiz Vergara Vilariño(
Cen Poemas- Escolma Persoal, 4) Non tiven a sorte de coñecer ao poeta Fiz Vergara Vilariño. Só o puiden ver nunha ocasión, xa estaba el moi enfermo e empuxándose con caxatos, na entrega dos Premios da Crítica do Círculo Ourensán-Vigués (eu estaba noutro xurado, déranlle o premio da crítica en 1991). Pero teño algúns dos seus marabillosos libros. O Diccionario da Literatura Galega- Autores (Galaxia) comenta polo miúdo
“Nos eidos da bremanza” (Galaxia, Dombate, 1990), que foi o libro premiado na cea de Vigo precisamente. Excelente sonetista, ten merecido a atención crítica entusiasta de autores como Darío Xoán Cabana, Alonso Montero, Xavier Rodríguez Barrio, Luís Alonso Girgado e Helena González, entre outros. A riqueza do seu léxico sitúao entre os grandes poetas constructores da nosa lingua literaria. Se tivese que escoller algún dos seus poemas (algúns anos fago tamén unha escolma persoal para os meus alumnos de bacharelato, ao rematar o curso, e doulla en fotocopias), quizais debería estar algúns dos seus magníficos sonetos de
“Pastora de sorrisos”, (Lugo, Sons Galiza, 1993) cheos de sensualidade e erotismo, de amor á natureza e de valentía case lúdica ante a morte.
Por exemplo, este:
Quero ser enterrado na Xabreira,
xunto ós meus devanceiros benamados,
nun sartego de terra viva e fértil,
onde ti tripes sen notarse apenas.
Que me deixen os ollos ben abertos
pra poder contemplar os altos cumes,
a casa e o muíño, os horizontes
onde lindes lizgaira o meu sorriso.
En canto chegue o Día de Difuntos,
vén visitar a miña tumba aberta
e tráeme un ramallo de panqueixos.
Que eu seguirei amándote decote
dende debaixo a terra campesiña,
ata que cinza sexan os meus ósos. (A imaxe é do pintor A. Sucasas)