18/11/2010






A CARBALLEIRA E OS IRMANS MARX
Marcos Valcárcel

Benqueridos compañeiros
Grazas a todos e todas. Por todo.
Dos 50 primeiros anos da miña vida, días de plenitude, pasei 25 nesta casa. Por iso a Carballeira segue moi viva nos meus recordos.
Sobre todo a nosa tobeira de Humanidades. Mila e Pilar debaten con Esther e Uxía sobre lingua e literatura, Marina e Joaquín aclaraban dúbidas de Inglés. Nos ordenadores, Pilar a filósofa de garda, Xabier o historiador e Marcos fochicando no blog coa axuda de Xulio o informático. Por alí andaban Rosa de francés e a outra Rosa cos mitos odiseicos e sumábanse ó faladoiro María José, Delia, Sara, Emilia e Angeles. E logo aínda chegaba Fidalgo con quilos de apuntamentos e fotocopias. Aquilo semellaba o famoso camarote dos irmáns Marx.
Lembro as longas conversas con Afonso Salgado, Manolo Míguez, Emilia, Sara, Uxía, o santiño de Pascual ou con Paco Bordas, quen, malia as nosas diferenzas ideolóxicas, pagaba sempre o cafés.
Lembro hai moitos anos un cortexo fúnebre de antroido, eu de crego á cabeza, que non gustou ós poderes fácticos. Ou aquela revista dos alumnos que eu coordinaba e que foi censurada por un artigo dunha alumna sobre sexualidade; a min sometéronme a un interrogatorio cos varios cregos do instituto (excelentes persoas por outra parte). A cousa non era para tanto: semanas despois a Xunta de Fraga publicaba ese mesmo artigo nos xornais.
Lembro as actividades extraescolares, os xogos matemáticos, os recitais do Liceo e os intercambios: nunha ocasión, convidado por Luís Sérrano, acompañeino cos alumnos gregos nun roteiro polo Ourense histórico. Lembro os claustros con Carlos e Vicente, cheos de discusións e emotivos, con Felipe e Marga como críticos asiduos, e o día que o director chorou pola marcha dos profesores de automoción, metal e electricidade.
Lembro os días moi felices co coro de Xabier e os compañeiros que cruzaron a derradeira fronteira: Eloy García, Bonifacio Borreiros, Antonio Prada, Javier Randulfe. Hai meses este último, sen saber eu do seu mal, agasalloume cunha colección de orixinais da revista Nós que pertenceu ó seu pai, o histórico galeguista Angel Martínez Doval.
Tamén os alumnos están nas miñas lembranzas de todos os días. Deixaime simbolizalos a todos na xeración do Prestige, aqueles que fixemos unha cadea humana desde a praia de Muxía. Boa xente abofé.
Nos últimos anos recibín varias homenaxes como a Medalla Castelao ou o Premio Otero Pedrayo. Pra min este recoñecemento de hoxe, que une o meu nome ós libros, éncheme do mesmo orgullo e gratitude.
Grazas a Juan Quíntana por transcribir este texto e a Benito Losada, un dos meus mellores amigos, por ler estas liñas.
Grazas a todos e todas.

P.S.: grazas ós compañeiros, alumnos e amigos que puideron asistir. Dedicado tamén a Eva Robles e José Manuel, hoxe en Valdoviño, que tan bos recordos deixaron na Carballeira.