Perspectivas.
MARCOS VALCÁRCEL
ANDOLIÑA,19 diciembre 2008.En cumprimento da Lei de memoria histórica, retírase a estatua de Franco a cabalo en Santander. Por certo, unha cidade moi fermosa, pero tamén chea de símbolos franquistas por todas as partes. Fernando Ónega di que, ademais de praza do Generalísimo, a nivel popular a praza da estatua "era a dos seis ovos: os do cabalo, os do ditador e os do alcalde que mantivo alí o monumento". Porque ese é o tema: suprímese a última estatua do xeneral empoleirado e ben está, pero pasaron xa 33 anos da súa morte física. Hora era, dende logo.
Porque todo é cuestión de perspectiva, claro. Ou "asegún" que dicía don Vicente. Os nostálxicos falanxistas protestan, pero a maioría dos cidadáns ve ben esta limpeza, pura "hixiene democrática".
Escoito tamén o presidente do goberno eloxiar o labor das forzas de seguridade contra o terrorismo etarra. Labor encomiable, sen dúbida. Zapatero dá a cifra de 365 detidos en dous anos, un etarra cada dous días. O dato ten unha lectura positiva. Pero tamén aquí hai outras perspectivas: despois de baleirar os cárceres de presos políticos coa amnistía en 1977, é tremendo tamén pensar que cada dous días hai un novo mozo ou moza vasco disposto a penetrar no camiño da barbarie.