Antes de saír de vacacións, hai que escoller algúns libros que nos fagan compaña neses días. Tarefa ben difícil: hai un cento deles agardando, moitos deles ben importantes, e outro cento que imploran tamén o seu dereito a compartirme como lector. Pero, en fin, hai que escoller. Polo camiño mercarei algúns máis, seguro. E seguro que irán na maleta cando menos estes catro: o último poemario de Anxo Angueira (Fóra do sagrado, Xerais); un amplo estudo sobre La poesía de Quevedo (Universidade de Vigo), de Manuel Ángel Candelas Colodrón; a primeira novela de Lois Paradelo, Xelamonite (Galaxia) e, moi recente (chegou hoxe), a última entrega narrativa do xenial Xosé Miranda (As mans do medo, Xerais, colección Fóra de Xogo). Esa é a miña escolla hoxe: poida que algo teña que ver que os catro autores son bos amigos. Xa lles contarei se teño tempo para lelos todos.
28 jul 2007

Leo nos resumos da prensa que a arenga de Anxo Quintana en Compostela incluíu esta frase: "Nin o galeguismo histórico nin o nacionalismo contemporáneo entenderon nunca o exercicio do dereito de autodeterminación como un feito puntual nin como unha decisión plebiscitaria, senón como un proceso dinámico para lograr maior capacidade de autoorganización e de autogoberno". Eu estaría de acordo, se se me permiten algúns matices nese "nunca": en moitos núcleos nacionalistas pensouse sempre no dereito de autodeterminación co esquema clásico dos movementos anticoloniais dos anos 60.
A autodeterminación como un proceso vivo, constante e dinámico, que non se esgota nin se identifica necesariamente cun acto constitutivo no cal a nación se dota dun poder político propio. Non é, por suposto, un concepto novo. Hai bibliografía ó respecto: por exemplo, Gurutz Jáuregui, Contra el Estado-nación, 1986. Pero si supón un elemento modernizador no ideosistema desta forza política.
Agardo que o Bloque siga adiante nesas teses: as mesmas que defendían os militantes do PSG-EG nos 80. Daquela, por dicir iso, algúns alcumábanos como reformistas, liquidacionistas e traidores.
7. Espectros na brétema.
Cedo ou tarde?
Non digo que acontecese. Pero no 1969, un serán de xuño, víame no serio apuro de volver para a casa e recoñecer, por primeira e nunca suposta vez, que suspendera tres materias a fin de curso. Menos por pensar ca para atrasar o inevitable, no canto de enveredar por onda o Seminario tirei cara ó parque; xa viña neboeiro do río. Baixando Recatelo aínda o ánimo non tivera a ben comparecer e en vez de Ronda arriba botei Ronda abaixo, só ata o vello poxigo, para entrar e pola rampla subir á muralla. Andando só a angustia non marchaba, ao revés; polo menos, atrasábase a hora da decepción familiar.
En Lugo a brétema pode xurdir calquera día, pero en fin de primavera non é moi corrente aquela pea soup, como seica din en Londres. Onda as traseiras decrépitas da rúa do Miño quixen contemplar o balaústre de Dona Urraca; forzaba a ollada cando unha voz grave, con extravagante fonética, deixou oír curiosas palabras: “A escudeiro moço é devido mostrar valentia”.
Revolvinme súpeto á dereita, pois aquela dición que lembraba os antigos romances era posiblemente o que menos esperaba escoitar naquel lugar pretendidamente solitario. Tiña a carón unha como fosforescencia que medio se impoñía ao neboeiro; pero medida e contorno deixaban sospeitar tamén algo humano e, en efecto, logo se fixeron aparentes, primeiro, xibón, capa, calzas, botas, despois un rostro barbado en cabeza cuberta. Alta e arrogante figura que, descubrín, tamén levaba espada. “Que quere?” “Trago ajuda”. “Quen é?”. “Alma soo; fui homen e ua vez d’aquí mirey”.
“Éche o Espírito do Tempo Pasado como eu o do Futuro, segundo me avisaron”. A outra voz, algo enfastiada, viña da esquerda, e alí había nova ardora e humanidade cuberta por engurrada chaqueta, pantalón e zapatos. “Dentro de vinte e cinco anos hanme chamar Manolo Meiriño, vivirei encasoupado aí polo Carme e vamos axiña, que non me quero atopar comigo en versión infantil”. Case paralizado, sentín como me collían de cadansúa parte; considerándome alucinado, pouco estraño me foi o de descolgármonos polo pano da muralla que ningún transeúnte advertiu, pois ningún había; canto aos dous condutores do Seat 600 e o Simca 1000 circulantes no momento, terían dabondo que facer furando coa vista na sopa de ervellos. Nun tris estabamos na Porta Miñá e alí quixo parar aquel para min solemne individuo. “O amor que me adusse! Soidade de sennor ou cortesia... Poren non era eu eno mundo en era de mil e duzentos”; ollaba unha lápida colocada á dereita da porta na que eu nunca antes me fixara. Pero Meiriño, ou o que fose, deunos para adiante: “de boa gana miraba eu tamén a onde ha chegar o señor Mingos dentro dun tempo, e a Mercediñas” -acenaba cara a onde as prostitutas se amosaban, movendo as canelas contra o frío- “pero non lle hai ocasión, señor trobador; aquí vimos ao que vimos”.
O cabaleiro riu francamente. “Vossa mercee é putanneiro e semella fodedor. Frade sabia eu de tal guisa, e abadessa de que aver proveyto. Mas non haja oimais escarnno en presença do pastor”. Estaba eu certamente escandalizado, non por feitos e palabras seren para min totalmente novidosos, senón por tan abertamente usadas e referidos. Pero xa culminaramos a rúa do Miño e o portador de espada encamiñábase, primeiro, pola da Catedral (algo dixo de “Iohannis Rulan” ou así), despois cara á basílica mesma ata o pé do Pantocrátor.
Contemplou o Cristo en maxestade coma cousa familiar, fixo reverencia e meteunos dentro. Onda a pía da auga bendita santiguámonos ambos; Meiriño -que inicialmente non- acabou facendo o mesmo, quizá xulgándoo cousa que a ocasión demandaba. Dubidou o guía, pero acerto ou casualidade levouno cara á esquerda ata a Capela da Virxe dos Ollos Grandes, onde apenas unha velliña, unha moza e dous homes paraban naquel intre; notoriamente as dúas ardentías non eran visibles para eles, por canto só a min a rapaza dedicou breve e disimulada ollada ao que o titulado trobador me levara ata un dos reclinatorios da dereita instando a “preegar por vós e por min”. Boteille un breve Padrenuestro e, en tanto o parceiro remataba máis delongada prece, considerei de esguello como o outro, que non axoellara, con leve sorriso irónico parecía ensumido en cousa como evocación; alí cabo miña, sentinlle lene rosmido: “Gustaba de saber que será por este tempo do Gaiarre, no seu tobo das Rías Baixas”.
Saímos á Praza de Pío XII, e no medio do adro e néboa o tal Meiriño tomou iniciativa en tanto o compañeiro de misión asumía posición secundaria. “Mira, rapaz, ti estás un apuro e mandáronnos aquí para orientarte. Segundo ves, o fidalgo ten boa crianza, o que non sei é a quen se lle ocorreu escollerme a min, que nin de min mesmo dou gardado; supoño que alí, onda a Porta do Carme, non había nada mellor á man”. Parou e gargarexou; fungou algo así coma que “agora, o que tiña era eu que ter xa sete ou oito zóspiros tomados, e máis con esta borraxeira do carallo”. Decateime de que levaba máis de media hora sen dar chío pero seguín calado, el xa volvía: “non podes ser tan cagán porque é inútil: tes que ir á casa, dicirlles aos patróns que suspendiches e aturar o que che caia. Ti fuches un pasmón: de toda a vida, o que che gustaba eran a Historia e a Literatura, pero nada: polo que din das saídas, que seica ao mellor acabas enxeñeiro e non sei que conas, vas e matricúlaste por Ciencias”.
Sabía a miña vida coma min. “Non che digo o que tes que facer, cadaquén labra a súa leira, cago no leite negro, pero eu de ti pensaba se vas ben ou cómpre mudanza”. “Quiçá quadrivium non é bon consello; quiçá trivium for mellor, e cantigas de Johan Romeu, Lopo Lias, Coton e El Rei don Afonso. Esforço e valentia, escudeiro luguees!”.
Ergueu ollos e fronte o barbado, concentrou a mirada o da chaqueta engurrada. Fitáronme ao pé de medio minuto e deron volta cara á rampla, Meiriño calado e de mans nos petos, o outro entoando un aire no que quixen entender as verbas “Que me queres, amor”; subiron á Muralla e tiraron á dereita, posiblemente cara á Porta Miñá. Por un momento quedei parado no adro, despois botei a andar coa cabeza remoendo. Na Praza do Campo subín soportais arriba. Á esquerda quedaba o Antón Grande -sen barba, con melena, sen coleta- rebrincando onda unhas nenas. Pasei onda as tabernas, nunha certa moza fermosa e elegante -a quen lle chaman Julia- atende os parroquianos; no mostrador dunha segunda -por dentro- ten os cóbados Xaime Dapena e asoman as bochechas coloradas do Rodri suxerindo qué tal iría se, en vez de bar, tivesen unha tenda de discos e roupa: “menos soño, rapaces, que hai clientela” di desde atrás a señora Lola Ceide; “unha de naturales!” piden noutro sitio e sae un home portando bandexa de grosos, celmentos e fumegantes mexillóns.
Todo iso pasa pero eu nada vexo, vou na rúa da Cruz camiño de San Roque. Hai que dicir na casa que suspendín as Matemáticas, Química e Debuxo Técnico; aguantar a arroiada e, no cabo, anunciar que quero cambiar para Letras. A brétema levantou.