Cousas veremos, M.A. Fernán Vello, g.h. 6-3-09Na pell de brau -"a terra ancha de España", tal como entendía Maria Aurèlia Capmany o emblemático título de Salvador Espriu- o acontecer diario reserva sempre sorpresas de toda caste e condición, dende o vulgar ao grotesco, dende o desvairado ao prodixioso. ¿Que opinan vostedes, por exemplo, do caso do ex ministro de Xustiza, señor Bermejo, expedientado e multado pola Junta de Andalucía por cazar -furtivo el- sen licenza? Mais sigamos. Porque a pel de touro dá para moito e o pasmo é un río que non deixa de levar auga. Como saben vostedes, o alcalde de Zaragoza, o socialista Juan Alberto Belloch -ministro que foi de Xustiza no sétimo Goberno de Felipe González-, aprobou a creación dunha rúa dedicada a José María Escrivá de Balaguer, santo católico que foi fundador do Opus Dei. O Concello de Zaragoza ten aínda pendente a retirada de 43 nomes de rúas relacionados co franquismo -eis a Lei de Memoria Histórica-, mais o socialista Belloch -¿lembran vostedes o de Bono coa monxiña Maravillas?- quixo premiar, segundo as súas propias palabras, un dos aragoneses "máis coñecidos no mundo, creador de trece universidades e máis de cen centros escolares de formación". Xa ven vostedes. Pura lóxica escolástica.
E pasemos ao País Vasco. Resulta altamente curioso que Patxi López, candidato a lehendakari do PSE-PSOE, fale e actúe con toda naturalidade nestes últimos días -vese o home investido lehendakari-, como se xa tivese o apoio do Partido Popular de Basagoiti, co cal, por certo, aínda non falou, cando menos oficialmente. Tendo o PSE 24 escanos e o PNV 30, chama a atención que, fronte a un contundente triunfo dos nacionalistas vascos, ande o socialista Patxi López celebrando, por adiantado, un pacto contra natura entre o PSE, Partido Popular e o tamén triunfal UPyD de Rosa Díez. ¿U-la ética política neste caso? ¿Trátase de gobernar como for, chegando a acordos con quen sexa, e contra a maioría social de Euskadi? Cousas veremos. Mais no ruedo ibérico, outra boa definición, pode pasar, e pasa, de todo.