20 dic. 2007

A vidreira de Díaz Pardo no Parlamento de Galicia

Inaugurada onte. (Se alguén ten unha foto mellor, agradeceríase o envío)


Camisas de cobra (Bieito Iglesias en ECG 20 dec.)
Imaxe: Adoracíón dos pastores, de Murillo.

Na modernidade líquida que diagnostican certos pensadores actuais, os individuos debemos ser flexibles, elásticos, cambiantes e virachaquetas, cunha identidade moldeada en plastilina capaz de afacerse a un mundo mutante de ritmo vertixinoso. Todos e calquera un dos que lapexamos no fluído moderno, podemos adoptar como divisa esta declaración do romancista brasileiro Rubem Fonseca: "Eu son unha persoa totalmente consumida polo presente". Así as cousas, a memoria comunal vólvese un estorbo e as lembranzas particulares tórnanse pelicas resecas abandonadas polas cobras que rexuvenecen trocando de coira cada primavera. Ese desexo de refundarse e renacer outro alcanza proporcións apoteósicas cada fin de ano, cando a xente ve a posibilidade de renovarse co auxilio da loteria ou coa soa axuda do propósito de emenda.
Os festexos de Aninovo encaixan perfectamente na tendencia hodierna á muda constante, non tanto a Noiteboa, minada pola disolución da familia tradicional e pola escaseza de nenos (un Nadal sen ferreñas nin pequenos é case inconcibible). Moitos arrenegan do arborico iluminado, do belén napolitano e do bacallau con verdura para tocar a chanca por roteiros turísticos, coa pretensión de vencer a monotonía do tempo cíclico e do espazo familiar. Mal saben que o mercado global disolveu a autonomía e calidade dos lugares ("A puxanza da homoxeneización é a artillería pesada que esbarrúa tódalas murallas de China". Guy Debord).
Será mellor apañar musgo e introducir na casa -no Nacemento- a xeometría dos valados; será ben cantar os Reis, aloumiñar os parentes e acordarse dos agasallos que ilusionaron a nosa nenice: do camión, da bicicleta ou do tomiño con aventuras de James Bond. O raparigo que sobrevive en nós aínda apampa diante dun Misterio entalado entre boi e burra, entre pallas.
A boutade do día

Un fillo de Cacharro deixa o PP para promover o partido de Rosa Díez
"A mi padre el proyecto de la UPD le parece interesante", afirma
CRISTINA HUETE en El País.

CHARLES CHAPLIN
PAN POR PAN xoves 20 decembro
Inaugurouse en Barcelona unha exposición sobre a evolución do personaxe de Charlot, creado por Charles Chaplin: inicialmente era un tipo pouco escrupuloso que só quería roubarlle a paga ó amigo ou deitarse coa muller do veciño. Logo, xa co bigote incluído, o personaxe foise pulindo cara o vagabundo de bo corazón de “O chico” ou o home comprometido de “O gran dictador”. Supoño que algo hai nese personaxe da súa propia vivencia persoal: abandonado polo seu pai alcohólico, Chaplin viviu unha infancia angustiada coa idea de que a súa nai acabase no asilo, e así foi (morreu tola), e logo co medo a ser atrapado pola policía. Viviu nun mundo marxinal e coñeceu o que era a fame: lembrarán aquela xenial escena na que persegue unha bota que el ve como unha galiña coa que se vai dar un banquete: quizais tiña que ver tanto coa imaxinación como coa súa propia vida.

Presentacións de libros na Biblioteca de Ourense
Un orixinal sistema de presentacións na Biblioteca Pública, coa colaboración de Galaxia e os Institutos. O luns non puiden asistir porque falaba eu noutro lugar, a esas horas. Onte compartín un anaco dun animado debate con A. Riveiro Coello.
Na imaxe fotográfica: Carlos Varela, María (a alumna que presentou o libro), A. Conde e Afonso Monxardín.
Sobre o acto do luns, transcribo unha carta do amigo e profesor Carlos Varela:

O pasado luns, no salón de actos da biblioteca da rúa Concello, Galaxiaorganizou a presentación da última novela de Alfredo Conde, María das Batallas. Con anterioridade, a editora fixérame a proposta de escoller algún alumno do instituto para que lese a novela e participase no seu día na referida presentación, opinando sobre a mesma, expresando as vivencias persoais que lle producira ou preguntando ao autor sobre aspectos da mesma.Tiña oído falar de María como excelente alumna e mais ávida lectora, e foi a ela a quen, un venres, lle propuxen presentar o libro (daquela tamén podía optar polo de A. Riveiro Coello, Os ollos de K, que xustamente tamén sepresenta hoxe). Aceptou decidida despois de lle botar unha ollada na fin de semana. Canda ela participou outro rapaz (Alexandre?), que viña do Otero Pedrayo. E foi un éxito. Para Galaxia, que soubo escoller un formato áxil e cheo de credibilidade, moi axeitado para este tipo de actos. Para Alfredo Conde e a súa novela, que recolleron dos mozos loanzas e parabéns que soaban sinceros.Para o público, ao que nos resultaron gratas e mesmo emocionantes estas presenzas xuvenís tan competentes. E para a moza. María González puido facer exhibición dunha capacidade de análise que escapou da rixidez dos guións académicos, comunicando con naturalidade (espontánea só na aparencia), nun galego conciso, enxebre na gramática e auténtico na dicción. Era o ton que cumpría, sen deixar de ser rigorosa e profunda.María é de Chandrexa de Queixa. Souben no acto que tiña gañado un concursode relatos no Centro Galego de Leoia. Creo.Un saúdo.