Cen anos de historia cultural
1997: Caneiro, Fernández Paz, Borrazás
(Imaxes: Lino Braxe, en caricatura de Siro; portadas dos libros de Fernández Paz e Borrazás).
Ano moi intenso 1997 en produción literaria: na narrativa e na poesía (vimos o ensaio e a investigación na entrega anterior). No campo da narrativa, subliñemos novelas como Morgado, de Ramón Loureiro; Manso, a mellor novela de M. Lueiro Rey; Fumareu, de Xurxo Souto; O cable inglés, de Xosé A. Moreno; O paxaro que canta un home, de Xavier Lorenzo Tomé, premio Blanco Amor 96; Co medo nas mans, no rexistro do terror, de X. Fernández Ferreiro; O lume de Santo Antón, novela negra e histórica de Luis García Mañá, ou Eu é, novela amorosa de Xurxo Borrazás que aposta polas claves eróticas.Xosé Carlos Caneiro gañaba o premio de novela Torrente Ballester con Un xogo de apócrifos; e Xavier Queipo o García Barros con O paso do noroeste, ambientadas nos tempos previos á Revolución Francesa. Pola súa banda A. Riveiro Coello achegaba A historia de Chicho Antela; Xosé R. Pena, A era de Acuario; Emilio Valadé del Río, A pedra beizoar, e Xavier Frías Conde, As esperanzas de Abu el-Hol. Do mesmo ano son A guerra do tabaco, de Carlos Reigosa; As horas que nos quedan, de Xerardo Méndez; Por unha presa de machacantes, novela-western de Isy New (Isidro Novo), e Manancial, de Xavier Manteiga, premio Xerais do ano resolto no Castro, Sada.
A narrativa breve e os relatos ofrecen outra manchea de títulos. Como Sarou, de Ramón Caride, premio Café Dublín de narrativa breve; Terra queimada, de Xesús M. Marcos, premio Carvalho Calero en Ferrol; Os ollos da sentinela, mestura de relatos de humor e terror, de Xesús M. Valcárcel; os contos de Estro Montaña, As armas delicadas; así como Bágoas de facer illas, de Anxo Angueira; Noites de papel, de Manuel Lourenzo González; Vida e morte das baleas, de Antón Castro; ou Carne de can, de Isidro Novo.
A literatura para nenos e mozos non quedaba atrás. Un dos grandes títulos de Agustín Fernández Paz, en clave de ciencia-ficción: O centro do labirinto. De Pepe Carballude, Romaxe de desventuras; de Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Pedro e as nubes; de Fina Casalderrey, ¿Sobrevives?; de Antón Cortizas, O ladrón de ar; de Carlos Vila Sexto, Gárgola, VI premio Rúa Nova de narrativa. Ademais reeditábase Anagnórise, de María Victoria Moreno, e traducións (Xerais) de Jack London, M. De Pedrolo, Andreu Martin, E. Allan Poe, A.Conan Doyle, etc. Máis traducións. Noutras editoriais (Sotelo Blanco, Positivas, Laiovento) saían os Contos de E.T.A. Hoffmann; Corazón de escuridade, de J. Conrad; Mr. Vértigo, de Paul Auster; o Fausto de Goethe en versión de L. Tobío e Capital da dor, de Paul Eluard (EM).
Os clásicos galegos tamén tiñan o seu oco. O Centro de Estudos Medievais de Ribadavia recuperaba a biografía de Eduardo Chao, por Curros Enríquez; e reeditábanse obras como Arnoia, Arnoia, de Méndez Ferrín; Era tempo de apandar, de R. Valenzuela; As crónicas de Sochantre, de Cunqueiro; O libro dos amigos, de Otero Pedrayo, e diversos títulos de Ánxel Fole no seu Día das Letras Galegas. De Fole saía tamén o Cartafolio galego (ANT) e aparecían estudos de Claudio Rodríguez Fer, Armando Requeixo, Neira Cruz e Alonso Girgado.