19 jul. 2006

DA CINEFILIA DOS DICTADORES
Chaplin e a caricatura de Hitler (1)
Incorporo á miña filmoteca persoal o DVD de “O gran dictador” (1940), a xenial parodia de Charles Chaplin. Sempre revisito os clásicos con certo tremor, pero este non perdeu a súa frescura nin a súa corrosiva denuncia, polo medio máis eficaz e que goza de meirande permanencia: o humor. A capacidade de xerar emocións pervive mesmo no coñecido discurso final de Chaplin, un alegato pacifista e de democracia radical: “Síntoo, pero non quero ser emperador. Non quero gobernar nin conquistar a ninguén. Gustaríame axudar a todo o mundo: a xudeus, xentís, negros, brancos…” O que segue non só está vivo senón que podería servir, aínda hoxe, a 65 anos de distancia, para interpretar a realidade en que vivimos: tan pouco cambiou o mundo?
Hitler viu a película en dous pases persoais que pensaría ao verse reflectido nese espello cruel?. En España “The Great Dictator” non se puido ver ata a morte de Franco: quizais alguén máis se podía dar por aludido. E aínda daquela o humorista gráfico Siro López padeceu un consello de guerra por reproducir, en galego, o citado discurso no xornal “El Ideal Gallego”, naquelas excelentes páxinas dominicais que preparaba daquela a Asociación Cultural O Facho.

A cinefilia de Hitler e Stalin (2)
Por desgraza non sabemos qué pensou Hitler da grotesca caricatura de “O gran dictador”, que viu en dous pases persoais. Hitler gustaba das apoloxías da raza aria de Leni Riefenstahl e de alegatos antisemitas como “O xudeu Süss”. Polo camiño rematou coa fecunda semente do cine expresionista e de Alemaña fuxiron os grandes mestres: Pabst, Fritz Lang, Max Ophüls, Siodmak, Billy Wilder, etc. moitos deles xudeus e demócratas. O nazismo perseguiu con toda a súa forza todo aquilo que anatematizou como “arte dexenerada”.
Tamén Stalin tivo paixóns cinéfilas. Potenciou o estéril realismo socialista e a épica de mitos como “Chapaiev, o guerrilleiro vermello”. Pero, segundo Simoni Sebag Montefiore, o dictador fíxose coa filmoteca de Goebbels e rematou seducido polo cine de vaqueiros, de Chaplin e Tarzán. En todas as súas casas había salas de proxección e el mesmo interveu como actor, productor, guionista e director en varias cintas da época. Eisenstein tivo serios problemas coa segunda parte de “Iván o terríbel”, anque Stalin non o mandou fusilar, como pedían outros. Disque antes de ver cada película bromeaba así: “Vexamos que tal está. Se non nos gusta, fusilamos ao director”.
Franco, Raza, ese home (3)
As cinefilias de Hitler e Stalin, tamén de Goebbels, que xa comentei, son un risco curioso que une aos dictadores por riba das diferencias ideolóxicas. Tamén Franco era afeizoado ao cine e facíase proxectar en privado moitas películas. Os seus gustos confundiríanse cos que a censura impuxo aos españois durante décadas; as primeiras películas franquistas, en plena guerra, locen títulos ben transparentes: “Alma y nervio de España”, “Frente de Vizcaya y 18 de julio”, etc.
Franco quixo aportar o seu grao de area á nova arte co guión de “Raza” (1941), asinado por Jaime de Andrade, seudónimo do dictador. A película estúdase xa como compendio do seu pensamento e tamén achega autobiográfica, desde unha lectura psicoanalítica do destino da familia Churruca. Alfredo Mayo encarnou aquel Franco de cine e o real chorou abondo cando viu a película. Saénz de Heredia, que dirixira “Raza”, asinou logo a haxiografía “Franco, ese hombre”, éxito de taquilla que se exhibiu durante moitos anos (ata o propio ocaso biolóxico do protagonista). Pero, segundo conta Paul Preston na súa biografía do líder nacional-católico, a este non lle gustou. E cando a viu, cun aquel misterioso, só comentou: “Demasiados desfiles”.
A maoísta que choraba coa Diviña (4)
Os estudantes das universidades europeas coñecimos os discursos de Mao Ze Dong no Foro de Ienán como o “summum” progresista das artes desde o marxismo: en realidade, aqueles textos eran só unha defensa do realismo socialista e da submisión dos intelectuais aos partidos comunistas. Tampouco a Revolución Cultural, que provocou ríos de tinta nos anos 60, foi aquela gran primavera de ideas que se nos contou; na mesma Compostela algúns militantes de grupúsculos maoístas, velaí Organización Comunista de España-Bandeira Roxa deixaron as Facultades para proletarizarse porque os estudantes debían confundirse cos obreiros e “enchouparse de pobo”.
Mentres os gardas vermellos esparexían o horror, a esposa de Mao, Jiang Quin, exactriz paranoica, choraba seguido cada vez que vía a Greta Garbo, a Diviña, en “A raíña Cristina de Suecia”, a súa película preferida. En 1979 Deng Xiaoping viaxou aos Estados Unidos e nunha cea coñeceu a Shirley MacLaine. A actriz contoulle que entrevistara a un físico nuclear chinés deportado ao campo a cultivar tomates e que este lle manifestara sentirse máis feliz na horta que no laboratorio: “Mentiulle, dixo Xiaoping, iso era o que lle obrigaban a dicir a el…”.
(Andoliñas 16 ao 19 marzo 2005)

Portela, o libro, a cultura
(Andoliña mércores 19 xullo)
"Cada libro de especulación e de ciencia que saia en galego será un bloque que se poña para o futuro do idioma", escribía Manuel Portela Valladares en 1923 na revista Nós, que dirixía Vicente Risco. Portela non foi militante orgánico do galeguismo, pero coñecía ben a importancia da cultura e do desenvolvemento do ensaio para que Galiza puidese ter conciencia de seu. A cita segue sendo válida: queda aínda moito por facer na normalización lingüística e cultural. E creo, ademais, que segue a ser un labor de resistencia: iso din algúns datos.
O noso consumo cultural mantén índices minguantes en moitos campos: no 2005 descenderon os espectadores de teatro e cine no noso país, segundo o Anuario da Sociedade de Autores. Aparecen novos campos de posibilidades inéditas para a cultura e a lingua: aí está internet, onde moitos estamos a facernos presentes e onde tanta xente traballa con entusiasmo. Pero segue a ser unha minoría na rede, quizais a mesma minoría repetida que xa se fai presente no consumo cultural. Moitos outros, a maioría, úsana só para usos e utilidades que ben pouco teñen de culturais, xa saben. Teremos, pois, que seguir insistindo, cos mesmos azos de Portela Valladares, aló por 1923. (Imaxe: debuxo de Egon Schiele)