28 oct. 2009

O marciano militarista
AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN
Galicia Hoxe, 27.10.2009

Estoulles convencido de que se coou un extraterrestre militarista na Consellería de Educación. E resúltame estraño porque sei da profesionalidade dos seus funcionarios e da intención de facer as cousas ben dos que veñen ocupando, sucesiva e interinamente, os cargos políticos. Realmente coñezo poucos atravesados que queiran facer cousas mal a propósito, pero na Consellería que se encarga de que as persoas traten de ser máis cultas e educadas, ningún.
Por iso sei que se coou o extraterrestre. Evidentemente, non sei quen é pero igual que a constatación da presenza de mouchos e curuxas nun lugar pode facerse sen necesidade sequera de velas, só polas egragópilas que regurxitan, tamén os marcianos militaristas deixan rastros.
Estas pegadas son rastrexables nas preguntas da famosa e traballosa avaliación de diagnóstico coa que toureamos -ou nos tourearon que aínda non acabou a faena- nos centros de ensino o día 21. E estou convencido desa infliltración senón marciana cando menos extraterrestre galega -o que quere dicir de fóra do terreo do coñecemento desta nosa terra-, porque nas preguntas aos directores había unha que interrogaba sobre se o seu centro escolar estaba situado nunha cidade de máis de 500.000 habitantes. Que eu saiba e sen contalos pero botando man de San Google, santo patrón do dato buscado, Vigo tiña no padrón de 2008 exactamente 295.703 habitantes e A Coruña 245.164. Así pois, ofrecer unha escolla tan imposible sobre o país, dános a pista de algúen que non sabe absolutamente nada del. Un extraterreste desinformado.
O de militarista aínda o vexo máis claro. No cuestionario dos alumnos, pregúntaselles polo traballo dos pais e nais e, simpaticamente tamén, polo que fan no traballo pais e nais. Incriblemente nas escollas posibles de clasificación que debe facer o profesor corrector sobre a información proporcionada polo alumno, inclúen 11 items de profesións entre os que os tres primeiros responden a: 1. Oficiais das forzas armadas, 2. Suboficiais das forzas armadas, 3. Outros membros das forzas armadas. ¿Case un trinta por cento das profesións dentro das forzas armadas? Se temos en conta que en España o número de militares é de 3,9 por mil habitantes non parece que se axuste ao de hoxe, senón, se cadra, a un desexo trastornado despois de ver Salvar o soldado Ryan setenta ou oitenta veces seguidas sen durmir. Debe saber o marciano que en Corea do Norte, o país de máis militares por habitante do planeta Terra, só chegan a 49 por mil, ou sexa 4,9 por cento. Creo que é importante localizar e reducir o extraterrestre. Para ben da Consellería. Non vaia ser o demo.

25 oct. 2009






Coidado coas Caixas!
XOÁN ANTÓN PÉREZ LEMA
Galicia Hoxe, 25.10.2009
(Foto Man Ray)


Que queren que eu lles diga, teño certo medo da evolución que está a adoptar a cuestión da fusión das Caixas. Despois de albiscarmos un certo consenso social respecto da fusión de Caixagalicia e Caixanova, propostas como a do Círculo de Empresarios-Clube Financeiro de Vigo semellan retomar, canda outras informacións que de esguello saíron na prensa galega nestas últimas semanas, o vello proxecto de que as Caixas galegas vincularan a súa andaina empresarial a outras Caixas de fóra da Galiza.
Porque, saiban ben, o do Fondo de Reestruturación e Ordenamento Bancario (FROB) non lles é ningunha andrómena. Coa axuda dos cartos deste Fondo, o Goberno central e mais o Banco de España han reestruturar, si ou si, o mapa das Caixas ao nivel estatal. E das 44 existentes arestora han ficar en pé 14 ou 16. Saiban, tamén, que a meirande parte dos cadros dirixentes do PP e do PSOE estatais cren en entidades resultantes de fusións interautonómicas, que sexan quén de fuxir da regulación dos gobernos territoriais e vaian, de paseniño, reconducindo o mapa das Caixas de Aforro a entidades bancarias "normais", iso si, con sede en Madrid.
Todos somos conscientes de que unha fusión das Caixas galegas pode xerar, nos primeiros intres, unha certa perda de emprego e de competitividade canto ao pagamento do pasivo e á oferta competitiva do crédito. Mais estes efectos van ser, en grande ou moi ampla medida, neutralizados polos cartos do devandito FROB. Pola contra, de non se planificar de xeito matinado, rigoroso e inmediato esta fusión galega, podémonos atopar coas nosas entidades crediticias fóra do xogo, obxectivos inertes á mercé de calquera entidade financeira con músculo financeiro e institucional abondo para tirar as nasas.
Para o noso País, a nosa Galicia, sería un desastre perder a sede, a dirección empresarial, a vocación da obra social e cultural e, en último de contas, a galeguidade de calquera das nosas dúas Caixas. Os galegos e galegas sabémolo. E aquel Goberno, partido, organización ou grupo social que permita frivolidades neste eido pódese atopar coa reacción sen dúbidas dunha sociedade tranquila e europea, mais que tirou xa de si a pasividade e o individualismo coas que nos alcumaban no século pasado.

24 oct. 2009

Presentación do libro:
Miguel Barros, Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo, Vigo, Galaxia, 2009, 2 vols.,
407 + 673 páxinas.
Martes, 27 de outubro, ás 20:00 horas no Verbum-Casa das Palabras, Avda. de Samil, 17, Vigo.
Participan no acto Víctor F. Freixanes, Xosé Ramón Quintana Garrido, Xosé Luís Franco Grande, Xesús Alonso Montero e o autor, Miguel Barros.

23 oct. 2009


A cuarta sesión dos VII Encontros, na terceira e derradeira xornada, estivo a cargo de Joao Medina e de Andrés Torres Queiruga. O profesor portugués reflexionou sobre a construción do laicismo luso, situándoo nun contexto histórico-cultural ao longo de tres réximes sucesivos: o liberal (1820-1910), o republicano parlamentar (1910-1926) e a ditadura nacionalista (1926-1974). Esta última fase política institucionalizou un longo réxime autoritario de base tradicionalista, conservadora e católica. O maior paradoxo deste triunfo revelarase en 1940, ao estabelecer o Concordato coa Santa Sede, cando o ditador Salazar mantivo a separación da Igrexa e o Estado, conservando, no esencial, os parámetros da lei de 1911 instituída polo “irmán Platón” do Grande Oriente Lusitano.
Torres Queiruga cambiou o título e enfoque do relatorio, despois do debate das conferencias de Peña-Ruíz e Sebastián Aguilar, o día anterior, e improvisou sobre un novo tema: A presenza pública da relixión. Para o teólogo, a ética dun crente e dun non crente non ten por que diferir. Cada un vívea dende unha perspectiva diferente. “A relixión, exista ou non exista, é unha relación orixinaria e orixinal coa realidade, autónoma con respecto da ética”. A relixión -subliñou- significa recoñecer as leis naturais como mandato divino. “O que é bo para o fillo é bo para a nai”. Recordou Torres Queiruga unha polémica interna a raíz dun artigo seu sobre o caso de Ramón Sampedro no que escribía que o que era bo para Ramón Sampedro era bo para Deus. Non hai tampouco, para o teólogo galego, unha ética política, nin mesmo unha ética civil, senon un uso ético de valores en ambos campos.
A sesión vespertina comezou coa Mesa Redonda que reuniu a Antón Baamonde, Basilio Lourenço e Victorino Pérez Prieto. Para Basilio Lourenço o problema fundamental que nos ocupa non é un conflito de ideoloxías, senón de estruturas de poder. “É máis importante -salientou- o problema do diálogo entre as distintas tendencias da Igrexa católica que o diálogo externo que esta pode manter”. Antón Baamonde foi máis lonxe, reflexionando sobre a posibilidade de estarmos no esgotamento do ciclo histórico do cristianismo e nos albores de novas formas de sincretismo relixioso. Dende o punto de vista do teólogo, Victorino Pérez Prieto sostivo que moitas persoas que son relixiosas son, á vez, laicistas, porque a Igrexa é ampla e plural e nela hai tamén unha cultura da laicidade. Para el o problema non é que o laicismo e o catolicismo sexan incompatibles, senón que reside nas loitas de poder entre a xerarquía eclesiástica e o poder político.
Ás 20.00h comezou a sesión de clausura, que correu a cargo de José Bono e versou sobre Cristianismo, globalización e sociedade no século XXI . Para Bono existe compatibilidade entre cristianismo e socialismo e, do mesmo xeito que este necesita un proceso de profunda renovación, os católicos deben desembarazarse dese “catolicismo sumiso” do que falaba o recén desaparecido Miret Magdalena. Uns e outros non deberían aceptar o dogma coa docilidade co que se fai. O dogma -resaltou Bono- é a cousa máis contraria á fe que un poida imaxinar. Para o actual presidente do Congreso dos Diputados, que foi presentado por Gregorio Peces-Barba, os valores do cristianismo poden e deben incorporarse ao socialismo pero sen mesturar as savias de ambas árbores. Recordou que o socialismo foi sempre internacionalista, aínda que hoxe o internacionalismo reside nos capitais que se moven con tanta frivolidade polo mundo globalizado.”O valor da relixión no mundo non debe ser desprezado”, insistiu Bono, que recordou ao bispo brasileiro Helder Cámara. Non obstante, alertou contra o uso partidario de asuntos polémicos. “É obsceno usar o tema do aborto como proposta ideolóxica e resulta farisaico na boca de quen tendo responsabilidades de poder non o modificou no seu momento”, dixo en alusión a José María Aznar.

20 oct. 2009



Ecos da Berenguela
O idioma galego unifica dignidade
XOSÉ LOIS GARCÍA
Galicia Hoxe, 20.10.2009



A manifestación do domingo en Compostela, en favor do uso do galego, foi un acto de dignidade fronte ás barreiras coas que Núñez Feijóo intenta degradar o noso idioma por medio dun decreto exterminador. A data do 18 de outubro xa pasa a engrosar esas páxinas históricas das nosas reivindicacións. Un data inicial que nos levará a tantas outras convocatorias e debates que se teñen que abrir en todo o país.
Galiza non pode seguir sendo escarnecida. Se o permitimos sería compracer o inimigo. Porque aínda que moitos non o saiban tódolos galegos somos froito dunha cultura que nos fai diferentes, e polo tanto existentes. Aceptar o tiro de graza que Feijóo e o seu xuntoiro deciden darlle ao noso idioma, sería aceptar o asasinando do atributo que nos mantén nesa coherencia de chamarnos e definirnos galegos.
A manifestación do día 18 é un complemento desa dignidade que nos mantén posicionados nesa verdade intanxíbel en defender a toda costa o noso idioma. Pero defendelo a toda costa, non significa que este tipo de manifestacións maioritarias poñan fin a esa degradación que potencia Núñez Feijóo. Esta manifestación abre unha porta segura cara a outros extremos belixerantes como deben ser os debates en tódolos sectores da sociedade. Non nos vale ir a unha manifestación para exhibir a credencial partidaria; para facer ver que un está no trollo alborexando bandeira reivindicativa, cando despois disto se fai moi pouco por explicarlles o problema ás persoas. Abrir fendas de comprensión cara a aqueles que aínda están nun estadio de orfandade ou de pasividade é aí onde hai que facer un traballo no que se indique que se somos galegos é sempre no idioma.
O decreto de Feijóo non é mais que unha trama para desarticular o idioma e continuar domesticándonos. Pero desta vez, agresivamente. As provocacións de Núñez Feijóo, Jesús Vázquez e compañía van alén do que moitos non agardaban. Creando situacións anómalas e inventando problemas de profundo calado para unha sociedade galega indefensa. Nesta dirección, apunta toda esa estratexia do nacionalismo español na súa continxencia de pórlles atrancos aos idiomas das tres nacionalidades do Estado español. Eles saben que o galego está desprotexido e en peores condicións que o catalán e o éuscaro, e nesta situación vulnerábel poden obter vantaxes para impor un poder exemónico e totalitario do castelán sobre as outras linguas. Esta é a estratexia dese unitarismo fundamentalista e reaccionario que se pretende impor, tendo ao galego na antesala desas probas loxísticas.
A manifestación do domingo pasado dignifica esa unidade. Pero isto aínda sabe a pouco, ten que haber máis contidos de centrar as estratexias en todo o territorio galego e levalo a institucións internacionais como remata de facer Teresa Táboas na ONU. Temos que polarizar a estratexia nunha loita eficaz en todas as nosas xeografías. Tanto na sensibilización como na procura de apoios. Esta loita non debe admitir voluntarismos senón pragmatismo. Adiantarse dialecticamente ás contraofensivas que procedan da Xunta será sempre un acto de coraxe patriótico en defensa do noso idioma. Cando isto se produza baixarán a tensión do problema que eles crearon. E buscarán apoios incondicionais naquelas grupos que están supeditados ás subvencións da Xunta e que manteñen asociación de tipo cultural que moitas veces non comungan cos ditados do Partido Popular e que son capaces de facer un traballo honesto en favor do idioma, serán apartados da dádiva ou aceptarana agradecidos. Estas doazóns son unha maneira de condicionar e en momentos clave de rebaixar a tensión ou buscar alianza co fin de desbaratar o proxecto das masas. Polo tanto, crear independencia e liberdade de acción é unha prioridade que pasa pola dignificación do país.

19 oct. 2009

Poesía e silencio
M. A. Fernán Vello
Xornal de Galicia, 18/10/2009
Ao mesmo tempo que Axel Honneth, un dos filósofos sociais máis recoñecidos de Alemaña, arremetía contra Peter Sloterdijk, tamén filósofo e animador dun popular programa televisivo na ZDF (“segunda televisión alemana”), celebrábase na Universidade de Paderborn (Instituto de Romanística), coordinado polas profesoras Christina Bischoff e Annegret Thiem, un coloquio internacional sobre ‘Poesía e silencio’. Talvez contra o ruído do mundo, contra a confusión, a corrupción e a barbarie, sexa preciso invocar e experimentar o silencio como espazo de reflexión, como territorio activo para a creación ideolóxica e para o debate. Na Universidade de Paderborn, cidade alemana fundada por Carlo Magno e coñecida como “cidade da auga” –velaí o entrañábel río Pader, que nace no centro da urbe–, falouse con profundidade e con amplitude sobre o silencio e a súa relación coa poesía, un tema fulcral que chega a transcender os límites mesmo do que entendemos, na forma e no fondo, por linguaxe poética. O profesor Javier Gómez-Montero, da Universidade de Kiel, falou da linguaxe da memoria na poesía de Antonio Gamoneda e abríronse aí perspectivas novas e ben iluminadas sobre a gran poesía do leonés, quen se viu acompañado por análises da obra de San Juan de la Cruz, José Ángel Valente, Andrés Sánchez Robayna, Jaime Siles e Claudio Rodríguez, entre outros autores. “As palabras –dicía Novalis– son a configuración acústica das ideas”, e aquel poeta francés que foi Émile Deschamps tivo o gran acerto na miña opinión de afirmar que a poesía é “música que pensa”. En Paderborn brillou o discurso (música pensante) do profesor e crítico literario arxentino Enrique Foffani, lúcido e límpido á hora de falar sobre o “dicir” e o “calar” na poesía latinoamericana, centrándose sobretodo nas obras, excelentes as dúas, de Sor Juana Inés de la Cruz e Juan Gelman. A poesía, ensinounos Goethe, é unha fenomenoloxía da vida humana e eu, nesta mesma dimensión, sinto un particular pracer en coincidir coa idea que Claude Debussy expón sobre a condición da música e que se pode aplicar perfectamente á poesía. Sería así: “A poesía é unha transposición sentimental do que é invisíbel na natureza”. Vexan que profunda iluminación para o pensamento. Palabra, silencio, memoria, sentimento: configuración acústica das ideas. En Paderborn tamén brillou a voz poética de Rafael José Díaz e de Ada Salas, talvez esta última unha das máis grandes poetas españolas de hoxe. Diante do actual ruído existente no mundo, ruído e furia como signos dunha nova barbarie, o “silencio” da poesía acaba sendo unha denuncia contra toda orde perversa e obscena que aquí impera. Por iso a poesía, agora mesmo, é absolutamente útil e necesaria.

15 oct. 2009

Pan e coitelo
Réptiles
BIEITO IGLESIAS
El Correo Gallego, 15.10.2009

Por parte de xornais decentes (os outros calan como vulgares petos trepadores), tamén estou a ler estes días un hilarante romance de Carlo Emilio Gadda: Quer pasticciaccio brutto de via Merulana ou ben Aquela meada de vía Merulana. Destarte é inevitable que se me apegue o estilo daquel enxeñeiro metido a novelista e desa narración dos crimes perpetrados no 219 dunha rúa romana de nome evocador dos merlos. Que escribiría Gadda sobre o embrullo de corrupción do PP, tan expansivo que xa rolda os corenta ladróns? Probablemente apostrofaría aos capos populares cunha lindeza como esta: Oh doces próceres, embutidos cun bo forrollo, tesouro dos anos, inopinado esterco dos equinocios! No entanto Carlo Emilio finou en 1973 e a novela de avangarda está nas últimas, xa non lle dá nin ao pé nin á perna. Por contra, seguen na grella teleadicta os "culebrones" e nas librerías os esoterismos vaticanos e as historias policíacas ben pensantes, xéneros literarios compatibles coa onda neoconservadora que entroniza líderes putañeiros ou venais. A realidade supera á ficción pero rebaixándoa, arrastrándoa polo zudre das miserias humanas. Eu publiquei un relato protagonizado por un conselleiro da Xunta corrupto, resolvido a angazar follatos de papel moeda para vivir o resto da súa idade coa barriga ao sol de Ipanema. Nunca se me ocorrería fantasear con políticos que van a serrucho con tramas delitivas a troco dun popó de luxo, duns traxes ou dun albornoz rendado con fíos de ouro, porque semellantes raspas non dan a talla de herois novelescos. Hai, así e todo, razóns para a esperanza achegadas polo cientista James Lovelock, quen vaticina que a final de século quedarán mil millóns de persoas no mundo fronte aos seis mil millóns actuais, por efecto do quentamento global. Consolémonos pensando que, se non os electores, será o cambio climático quen acabe con incontables simoníacos destinados ao pozo de réptiles do inferno dantesco.

14 oct. 2009

As zaragalladas lingüísticas
ANXO TARRÍO VARELA
Galicia Hoxe, 14.10.2009

Debido ao abracadabrante trato que o goberno da Xunta lle está a dar ao galego, volven xurdir plataformas que recordan aquela APADEL, dos tempos de Fernández Albor. A estas alturas, non deberían ser necesarias, pero cómpre insistir. Un pregúntase retoricamente por que existe nos partidos políticos, e sobre todo nos responsábeis perfilados para aspirantes aos máis altos e medios cargos da Xunta de Galicia e do Parlamento galego, un desleixo tan grande cara ao idioma do país; unha lingua ben doada de falar aceptabelmente? Deixemos á parte o agarimo cara á lingua dos avós, un agarimo que, se non é falso, débese obviar, non proclamalo decote urbi et orbe e si manifestalo politicamente coas accións pertinentes que se teñan ao alcance das posibilidades de cada quen en cada momento, para que a lingua prospere, se fortaleza e se amose á cidadanía non só como un ben cultural e unha herdanza que temos a obriga de transmitir, mellorada, á nosa descendencia, senón tamén, fundamentalmente, como un instrumento de prosperidade social e económica que nos pon en relación con cento oitenta millóns de habitantes do planeta. Pero cando ese agarimo é finxido tradúcese en babecadas hipócritas detrás de cuxas eclosións líricas con retórica de todo a cen pode disimularse unha renarteira ignorancia, unha traizón encuberta e unha enciclopédica incompetencia política.
Así, de primeiras, todo parece indicar que os líderes políticos, en xeral, coidan que falar galego é meter polo medio do castelán algunhas pinceladas enxebres. Fan como aquel que coidaba que dominar o inglés consistía en falar galego amodiño. E este pensamento, sostido por quen aspira a presidir, por exemplo, a Xunta de Galicia, sería ben grave e indicaría moita ignorancia en cuestións idiomáticas, pois a xente podemos pensar que esa incapacidade para falar galego, unha lingua tanto ou máis próxima que o castelán, haberá que estendela a calquera outro dos idiomas modernos cuxo manexo deberiamos esixirlle a un presidente da Xunta de Galicia para que nos represente polo mundo adiante sen que se nos poña a cara arrubiada. Ou é que pensarán facelo só en castelán cando gañen as eleccións, como ocorreu con alguén que non quero mencionar en canto se randeou nos moles resortes da cadeira municipal e agora xa semella non renunciar a vestirse de púrpura camiño do papado? Pois miren, ben pensado, mellor sería que comezasen xa a facer iso nas campañas electorais, e sería unha decisión respectábel, por transparente e honesta. Para que finxir? Está claro que teñen aderentes abondo a quen tamén lles molesta o galego. Por que forzar unha situación que, por riba, supón un insulto á lingua de Galicia? Deste xeito, todos saberiamos a que carta xogar, e quen se presentase á candidatura presidencial aforraríanos eses patéticos espectáculos de zaragallada lingüística que decote nos ofrecen.
Conste que penso isto bastante sinceramente e quero dicilo sen acritude, aínda que con certa indignación, pois hoxe en día, e dende hai moitos anos, xa ninguén pode aducir falta de instrumentos para aprender a se desenvolver nun galego estándar e medianamente culto; o galego mínimo que debe saber falar todo aspirante a ocupar un alto cargo público en Galicia. Porque a lingua galega sobrevivirá aos parricidas e dará brotes verdes como os que enxendrou Dánae baixo fina choiva de ouro.

13 oct. 2009

Nobel de Economía
Alén da teoría dominante
Elinor Osrom e Oliver E. Williamsom gañan o Nobel de Economía pola súa análise da acción colectiva e as empresas como estruturas de goberno
Galicia Hoxe, 13.10.2009


Os estadounidenses Elinor Ostrom e Oliver E. Williamson son os gañadores do Premio Nobel de Economía 2009 polas súas análises sobre o goberno económico e sobre os límites das empresas, informou onte o Riksbank de Suecia. Ostrom será a primeira muller en recibir un Nobel de Economía, polas súas teorías sobre o papel das empresas na resolución de conflitos e as súas análises de como as transaccións económicas se realizan dentro das empresas, asociacións e familias.
Williamson sumou a estas análises as relativas ó rol das empresas como estruturas de goberno alternativas e os seus límites. Estudou como os mercados e as organizacións xerárquicas, como as firmas, representan estruturas de gobernanza corporativa que difiren nos seus achegamentos cara á resolución de conflitos de interese.
Ostrom é catedrática de Ciencias Políticas pola Universidade dos Ánxeles. Williamson exerce na Universidade de Berkeley. O traballo de Ostrom sobre a propiedade pública desafiou a crenza de que a propiedade común é mal xestionada e debería ser regulada polas autoridades estatais ou privatizada.
O economista Mancur Olson, por exemplo, defendeu no seu libro A lóxica da acción colectiva que "só un incentivo individual e selectivo estimularía a unha persoa racional dun grupo latente a actuar cun espírito grupal"; é dicir, que só un beneficio reservado a membros dun grupo motivaría a alguén a unirse e contribuír ao grupo, polo que os individuos actuarán colectivamente para proporcionar bens privados, non para proporcionar bens públicos. En relación con isto, a economía convencional asume a teoría da "lóxica do free-rider": o individuo tenderá a tentar beneficiarse dos bens públicos sen pagar por eles cando lle é posible desfrutalos igual. Este tipo de teorías serviu de base ao neoliberalismo para defender os procesos de privatización.
Pois ben. Sobre a base de numerosos estudos da xestión dos usuarios dos "stocks" de pastos, pesca, bosques e lagos, Ostrom conclúe que os resultados son frecuentemente mellores que os previstos polas teorías estandard. A economista decátase de que os usuarios destes recursos desenvolven sofisticados mecanismos para a toma de decisións e reforzan a regulación para manexar os conflitos de interese.

Estados Unidos lidera as escollas
Os estadounidenses Elinor Ostrom e Oliver E. Williamson completaron, co Nobel de Economía, o claro dominio do seu país na edición de 2009 destes prestixiosos galardóns, que, salvo nun par de excepcións, foron a Norteamérica, incluído o da Paz para o presidente Barack Obama. O mero feito de que o máis cobizado galardón internacional fóra para Obama deixaría de seu un selo estadounidense nesta edición, caracterizada polo mimo dos académicos escandinavos a investigadores e políticos dese país.
O Nobel de Literatura foi o único que recaeu integramente fóra do ámbito estadounidense, xa que o recibirá a escritora romanés-alemá Herta Müller, mentres que os de carácter científico foron ben en exclusiva, ben compartidos, para investigadores norteamericanos.
A rolda dos Nobel abriuse o luns da semana anterior co de Medicina para tres investigadores de EEUU, Elizabeth H. Blackburn, Carol Greider e Jack W. Szostak.Ó de Medicina seguiu o de Física, o martes, para os así mesmo estadounidenses Willard Sterling Boyle e Georges Elwood Smith, así como o británico-estadounidense de orixe chinesa Charles Kuen Kao.
O mércores, co de Química, compartiron honras dous estadounidenses, Venkatraman Ramakrishnan e Thomas A. Steitz, xunto coa israelí Ada E. Yonath, por desvelar o mapa do ribosoma.Co de Literatura Europa recuperou momentaneamente as rendas, ó serlle recoñecidos os méritos a Müller, en tanto que representante da voz dos desposuídos e das minorías alemás no leste de Europa. O venres, o Instituto Nobel deu a badalada ó outorgarlle o premio da Paz a Obama, o que ademais de derrubar todos os prognósticos cultivou tantos encomios como críticas.

10 oct. 2009

Día mundial contra a pena de morte
Cincuenta e oito países manteñen en vigor a pena de morte, pero o 90% das execucións concéntranse en cinco países, afirman os movementos abolicionistas
Galicia Hoxe, 10.10.2009
A Coalición Mundial contra a Pena de morte, da que forma parte AI, conmemora hoxe o Día Mundial contra a Pena de morte. Aínda que a meta final da organización é lograr a súa abolición total, como medida previa busca unha moratoria das execucións ou unha redución do uso da pena máxima.
(AI) denunciou onte que Sudán, Arabia Saudita, Iemen e Irán continúan impondo a pena capital e executando a menores, mentres que Xapón executa enfermos mentais ou que nalgúns lugares, como o estado indonesio de Aceh, se reinstaurou a lapidación. AI tamén denuncia que esta condena se aplica de xeito discriminatorio, posto que se impón nun número desproporcionado a persoas sen recursos.
Nun novo informe, titulado "Pena de morte: ¿unha pena en vías de extinción?" que a organización publicaba onte, ponse de relevo como a maior parte do mundo intenta avanzar cara á abolición deste castigo "con paso lento pero firme".
"Miles de persoas seguen en risco de ser executadas nos 58 países que manteñen en vigor a pena capital. Só en 2008 se soubo que 8.864 persoas foron condenadas á morte, moitas delas en xuízos inxustos e arbitrarios, vítimas da discriminación e de erros xudiciais que seguen levando inocentes ó patíbulo", asegura AI no seu informe.
Unha terceira parte de países do mundo aplican a pena de morte, aínda que o 90 por cento das execucións se concentran en China, Arabia Saudita, Estados Unidos, Irán e Paquistán, afirmou onte un grupo de activistas en favor da abolición universal desa sanción.
Esta denuncia coincide coa celebración hoxe da Sétima Xornada Mundial contra a Pena de morte, que este ano destaca a importancia da educación, a información e, en xeral, a sensibilización da opinión pública na loita contra a pena capital.
Neste contexto, as autoridades suízas e varias organizacións comprometidas con esa causa anunciaron onte a celebración do cuarto congreso mundial sobre esta temática, que se celebrará en febreiro próximo en Xenebra, para facer un balance da pena capital, á que renunciaron cerca do 70% de países, aínda que moitos reservaron a posibilidade de volver instaurala.
USA executa menos porque sae caro
O número de execucións en Estados Unidos mostrou unha tendencia a diminuír desde que alcanzou as súas cotas máis altas a mediados da década dos noventa. Con todo, a 5 de outubro de 2009, o número fora xa pasado con 39 execucións e están programadas outras 15 máis para antes de que finalice o ano, mentres que 58 presos esperan no corredor da morte. "A cuestión da pena de morte estivo practicamente ausente dos discursos e da axenda do novo presidente de Estados Unidos, Barack Obama. Pero a situación cambiará en pouco tempo, cando teña que lidar con varios casos de condenados á morte a nivel federal cuxos procesos de apelación se achegan á súa fase final", indica AI. O propio presidente Obama declarou que apoia a pena de morte para "heinous crimes" (delitos atroces), aínda que non especificou cales eran.
Algunhas fontes citadas pola prensa estadounidense relacionaban o descenso de execucións en 2008 coa crise económica. Autoridades e lexisladores de varios estados resaltaron a cuestión do custo dos casos de pena de morte como un factor determinante ata para abolir a pena capital. No estado de California, a Comisión para a Correcta Administración da Xustiza ditaminou en xullo de 2008 que o actual sistema con pena de morte lle custa ó estado 137 millóns de dólares por ano, mentres que un sen pena capital custaría menos de 12 millóns.
Outros estudos realizados en Maryland, Tennessee e Kansas confirman, con distintas cifras, o sobrecusto dos casos nos que o fiscal solicita pena de morte con respecto a outras condenas: teñen dúas fases separadas, máis gastos de investigación e para a selección do xurado, así como para as fases de apelación.
Outro dos puntos para ter en conta á hora de ser condenado á morte é a capacidade para pagar unha boa defensa, para ter acceso a sectores influentes da sociedade, ou ata para retribuírlles ós familiares das vítimas para que accedan ó indulto, convértese na "clave" para poder eludir o patíbulo. "Tanto é así, que en moitos casos o status socioeconómico do acusado determina as posibilidades de ser executado ou non, asegurou, e resaltou que esta condición pódese dar en Nixeria, Estados Unidos, Irán ou Arabia Saudita, segundo AI.
DATOS
Un ano máis, a República Popular China foi o país que máis execucións cometeu, e máis condenas á morte emitiu, durante 2008, cun total de 1.718 execucións e 7.003 condenas á morte. Ademais, AI sinala a polémica cuestión do uso de órganos de presos executados como fonte de transplantes.
Segundo un artigo publicado polo diario "China Daily" o pasado 26 de agosto, o viceministro chinés de Sanidade, Huang Jiefu, recoñeceu que dous de cada tres órganos trasplantados en China se extraen a presos executados. "AI teme desde hai moito tempo que o comercio lucrativo de órganos sexa un grande incentivo económico para continuar coas execucións"
En Irán, menores e lapidadas
AI indica que en Irán se produciu un notable incremento das execucións desde as eleccións presidenciais "En pouco máis de 50 días documentáronse non menos de 115 execucións, unha media de máis de dúas diarias". Desde 1990 Irán executou polo menos 44 menores de 18 anos, o país máis "activo" neste sentido. Polo menos oito desas execucións tiveron lugar en 2008, e outras tres, en 2009. A isto únese a lapidación, un castigo que afecta en maior medida ás mulleres porque non gozan de igual trato ante a lei.
Arabia Saudí mata estranxeiros
Nos últimos anos, o Goberno de Arabia Saudita executou máis de dúas persoas á semana. Polo menos 102 persoas foron executadas en 2008. Desde comezos de 2009 e ata o 17 de setembro, tívose noticia da execución doutras 55 persoas. En 2008 case a metade dos executados eran cidadáns de países como Nixeria. Dos 55 executados ata o pasado 17 de setembro de 2009, 40 eran sauditas, dunha poboación duns 21 millóns, mentres que 15 eran estranxeiros residentes en Arabia Saudita, cuxo número rolda os seis millóns.

9 oct. 2009

Barros, Villares, Beramendi
(Foto: Ramón Escuredo)

A "modernización" dun ideario
Miguel Barros afonda nun ensaio na tese da "revisión do nacionalismo"
por parte de Ramón Piñeiro
Galicia Hoxe, 09.10.2009, M. DOPICO.

"Adaptarse sempre á realidade, sen renunciar nunca aos seus principios". É o principio que guiou, ao ver de Miguel Barros, a acción política de Ramón Piñeiro. O politólogo, ex deputado e ex concelleiro do PSOE, na actualidade presidente do Consello de Administración de Promocións Culturais Galegas S.A., presentou onte en Santiago o seu ensaio Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo, editado por Galaxia e froito da investigación que realizou para a súa tese de doutoramento.
Barros, autor tamén da obra Ramón Piñeiro. Nas olladas do galeguismo, publicada este ano por A Nosa Terra, afonda no dobre volume que onte deu a coñecer no pensamento de Piñeiro e analiza a súa traxectoria política a partir da revisión de bibliografía e fontes primarias -cartas, manuscritos, informes, entrevistas gravadas...-. Sitúase na senda das interpretacións sobre a figura de Piñeiro que resaltan a contribución deste á apertura do galeguismo a perspectivas políticas situadas alén do nacionalismo.
Así, o autor sostén que a "Xeración Galaxia" impulsou a "modernización do ideario galeguista" adecuándoo ás circunstancias históricas. Piñeiro sería, deste xeito, peza fundamental do "galeguismo revisionista", un "novo galeguismo" ideoloxicamente "plural", afastado da "quimera do Estado-Nación", do Principio das nacionalidades e da arela de "patrimonializar en exclusiva o ideal -galeguista- nunha soa organización política".
"Ramón Piñeiro estima superadas as fases mítica e romántica do nacionalismo", escribe Barros. O autor de Filosofía da saudade partiu, así, dun concepto de "pobo" como "conxunto humano que presenta unha personalidade propia" e da convicción de que non serve "reclamar un status de nación" sen antes "espertar unha forte conciencia colectiva de pobo diferenciado".
O Estado español era, ademais, para Piñeiro -comenta Barros- o responsable da ruptura da unidade cultural de Galicia, aniquilada por medio da diglosia. Así, regaleguizar a terra dende a recuperación da lingua era o alicerce do seu programa político. Ramón Piñeiro parte dunha "ontoloxía do home galego" para rematar "nun ideal político humanista", -apunta Barros-, alicerzado na integración dos ideais de igualdade, liberdade individual e xustiza económica, segundo unha síntese entre a tradición do cristianismo, o liberalismo e o socialismo.
Coa consolidación do réxime franquista tras a fin da Segunda Guerra Mundial, "Piñeiro dá por rematada a misión histórica" do Partido Galeguista, -salienta Barros-, e pon en marcha un proxecto político encarnado na editorial Galaxia que procurará a recuperación da conciencia galega a través da cultura.
Barros rexeita as acusacións de "culturalismo" e de "aniquilamento do PG" que Xosé Luis Méndez Ferrín e outros mozos situados daquela no ámbito do nacionalismo dirixiron a Galaxia. Pois, subliña, a "xeración formada por Piñeiro daba por superado o nacionalismo, que identificaba cun período concreto da historia europea do século XIX e que agromara co romanticismo, que se podía dar por superado a finais da I Guerra Mundial".
A proposta do revisionismo galeguista era, segundo Barros, o federalismo, nun contexto no que os estados precisarían vincularse a estruturas supraestatais, ao xeito da actual Unión Europea. Ademais, Piñeiro propugnaba estimular o galeguismo nas opcións políticas que se ían desenvolver nas democracias europeas: a socialdemocracia e a democracia cristiá.
Deste xeito, Barros confronta o "galeguismo revisionista" co "histórico", que identifica con Castelao e o Consello de Galicia, -os galeguistas do exterior-, que seguían a defender a volta á República e o Estatuto nun momento no que Piñeiro non o vía factible. "A tendencia histórica", escribe Barros, "encomiable polo seu labor galeguizador" (...) "non entendía, porén, que a realidade impón a adaptación racional ao seu imperio" (...).

DATOS
Outras interpretacións Os "fracasos" dun proxecto O autonomismo e a opción pola integración nas listas do PSOE
Piñeiro temía, ademais, segundo Barros, no contexto da Guerra Fría, que os comunistas se aliasen cos nacionalismos para provocar a "descomposición interna do occidente europeo". Rexeitaba o nacionalismo marxista inspirado no terceiromundismo, ademais, -engade Barros-, porque non o vía compatible co seu proxecto para Europa -que incluía a democracia-.
"Non resulta excesivo concluír que a UPG era unha escisión do galeguismo revisionista", escribe o autor. "Para contrarrestar a invasión ideolóxica do galeguismo polo marxismo", engade Barros, Piñeiro impulsa a fundación do PSG. Miguel Barros xustifica máis adiante a opción de Piñeiro polo autonomismo, -que cristalizou no grupo Realidade Galega-fronte ao rupturismo e o nacionalismo do Consello de Forzas Políticas Galegas, como unha postura pragmática ante os intentos do Estado de rebaixar os dereitos dos galegos como pobo, así como a súa decisión de presentarse ás eleccións nas listas do PSOE, que ve como un "sacrificio" necesario para que Galiza acadase a automonía política e ante a evidencia do fracaso do sostemento dunhas forzas políticas propias.
DATOS
Ferrín, como outras voces críticas con Piñeiro, considera que este entorpeceu a formación dun partido nacionalista de masas forte a partir do Consello de Forzas Políticas e do galeguismo do exterior.
As conclusións de Barros difiren, así, das dos que pensan que Piñeiro fracasou no seu intento de galeguizar os partidos estatais e ademais contribuíu a debilitar un proxecto nacionalista de esquerdas que si era viable.

6 oct. 2009

In Memoriam
Anselmo L. Morais, cronista auriense
AFONSO VÁZQUEZ-MONXARDÍN
Galicia Hoxe, 06.10.2009

O domingo pasado, no cemiterio de San Francisco de Ourense, case ao pé da irónica lápida de Ben-Cho-Shey (aquela que prohibe hipotéticas homenaxes postmorten "porque as cousas se fan a tempo ou non se fan") enterramos a Anselmo López Morais.
Sen medo a enganarme e a pesar do manido da expresión, creo que foi un personaxe histórico. É dicir, deses que durante décadas -el sobre todo na transición política e vinte anos máis posteriomente- influíron coas súas opinións e actuacións o devir da cidade. Anselmo foi o Anselmo do PSP de Tierno, o Anselmo da Xunta Democrática, o Anselmo da Fundación Santamarina, o Anselmo do Grupo Francisco de Moure, o Anselmo delegado de Cultura, o Anselmo colaborador de prensa, pero sobre todo o Anselmo do Ateneo e mais o Anselmo pai. Porque o Anselmo fillo é o reputado medievalista que ten como irmáns a Xesús, concelleiro de Cultura de Vigo, e mais a Leo e a Mari Carme, que, seguramente para a súa sorte, non andan tanto polo medio.
Eu agardaba que dada a xerarquía do seu posto honorífico, Cronista Oficial da Cidade, houbese alí maceiros e algunha intervención oficial -do alcalde, por exemplo- que fixese unha protocolaria laudatio. Non houbo nada, agás a dobre interpretación do Himno de Riego. Non sei se as cousas transcorreron así simplemente por esa famosa desidia ourensá, que mesmo nos fai deixar caer o claustro se San Francisco sen mover unha pestana que enterrar o cronista oficial sen nada que levar á crónica do acto ou se foi polo que sería respectabilísimo desexo da familia, que tampouco interveu.
Ou se cadra é simplemente que aínda non está ben maduro o protocolo da morte laica.
O do matrimonio civil está moi consolidado. A xente vai ao concello ou ao xulgado, e o xuíz ou o alcalde din palabras formais e bonitas, len textos legais e outros máis ou menos poéticos e logo faise o banquete para consumar o matrimonio e dar lugar a outros coñecementos de solteiros e solteiras. Pero no protocolo da morte civil as cousas van máis lentas. Son momentos menos planificables, nos que sempre anda a xente triste, agobiada e, aínda por riba, apurada resolvendo papeis que non sabía que existían e buscando outros que non sabe onde van. Ademais, aquí non hai crego profesional que leve a iniciativa; pero tampouco hai alcade ou xuíz que lea un texto para dicir que o morto queda declarado morto e poña o punto e final.
En fin, os budistas falan das tres mortes. A primeira a física, a segunda a que se produce cando morre a derradeira persoa que te coñeceu e a terceira cando morre a derradeira lembranza do teu paso polo mundo. O sábado pasado Anselmo iniciou o camiño ao morrer na primeira, pero ha vivir aínda moito nas outras dúas. Deixa unha moi boa lembranza.
(Foto: Raíces de Rosa Puig)
Anselmo

Afonso V. Monxardín

La Región, 6.09.2009

Ultimamente, quero dicir as últimas veces que me crucei con el na rúa ou que mo topei no quiosco do Javier en Samuel Eiján comprando a prensa, hai disto xa uns mesiños, parecía un xunco. O cinto semellaba darlle dúas voltas ao redor da cintura, sen apertar, só axudando a ter conta daquela sucinta e elegante arquitectura vertical que desprazaba un punto atoutiñante pero, coma sempre, veloz e apurada. Os seus ollos azuis vivísimos, escrutadores, intensos, seguían falando tanto como a súa palabra rapidísima, aínda que non tanto como o seu pensamento. De aí que a medida que se metía no tema, na charla, no debate, subía o ton, apaixonábase, e arrastraba algunhas sílabas longamente, case tatexando pero sen chegar a facelo.Cando lin o outro día que morrera lembrei que era vox populi neste Ourense que conserva dimensións humanas no trato persoal, a nova, xa non tanto, de que o Anselmo andaba moi, moi maliño. 85 anos non son demasiados, pero tampouco son poucos como para dicir que é unha vida truncada inesperadamente. Cóntanme os que estiveron ao seu redor que tivo unha morte tranquila. Que estaba canso e se deixou ir sen pelexar máis do debido, máis do razoable; que se foi apagando tal que unha veliña; ou sexa, que tivo unha morte doce e prácida, algo que a medida que nos facemos maiores, valoramos cada vez máis. Tamén pensei, vendo as follas deste xornal, en que morría alguén que podemos definir, con certo pudor nacido do excesivo uso que se fai da expresión, como unha figura histórica da cidade. O Anselmo do PSP de Tierno, o Anselmo da Xunta Democrática, o Anselmo da Fundación Santamarina, o Anselmo do Grupo Francisco de Moure, o Anselmo colaborador de La Región, pero sobre todo o Anselmo do Ateneo e o Anselmo pai. Ou sexa, o pai de Anselmo fillo, per alter nome, Selmi, e de Leo, Jesu e Mari Carme, eses catro fillos que tivo coa que noutrora foi a súa encantadora muller, Leonor Carrera.Por ourensán militante, chegou incluso a mancarse moito ao caer nunha zanxa do Paseo, que se ben non era estritamente municipal si que o era dunha empresa concesionaria das obras. E contan as crónicas escritas nos fíos de néboa da cidade que da relación persoal xurdida con esta caída veu o engaiolamento do anterior alcalde con Anselmo, de forma que, como é público e notorio, foi el o que se empeñou en nomealo, contra vento e marea, alá no 2002, como Cronista da Cidade. E moitos fomos os que o saudamos encantados nesta protocolaria e bastante inútil distinción.Seica din os budistas que unha persoa morre tres veces. A primeira cando falece e a enterran, a segunda cando morre a última persoa que a coñeceu e, por último, cando desaparece a última lembranza das cousas que fixo. Anselmo morre, agora, só na primeira das formas. A bonhomía do seu trato e compromiso e as súa realizacións farán que non morra das outras dúas maneiras en moitos anos. Entrementres, seguirá vivo. Desde aquí, envíolles apertas á familia e aos amigos do Ateneo, entre eles, especialmente, claro, a Rosa que tanto o apoiou nos últimos anos.O vello Anselmo, na casa e fóra dela, só estivo rodeado de boa xente. Un motivo de satisfacción nesta despedida, como corresponde, saudosa e acougada.

4 oct. 2009

(Foto: R.X. García Romero)

Asemblea de presentación da plataforma
Botadura oficial de ProLingua: dorna plural "para que non afunda a ilusión"
Unha iniciativa para que a lingua e cultura galegas non sexan condenadas a ser "un bonsai ao que lle cortan as pólas cando se atreve a medrar demasiado".

Vieiros, R. Noguerol, 03/10/2009

Ilusión, rebeldía, esperanza, gañas de traballar, vontade de colaboración e optimismo inxectouse este sábado na asemblea fundacional da plataforma ProLingua. Unha iniciativa que botou a andar con masiva afluencia este primeiro sábado de outubro ao salón de actos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Interveu en primeiro lugar Francisco Fernández Rei, quen subliñou o escenario de preocupación e desalento do que hai uns meses xurdiu a idea de unir voces en favor de "crear algo apartidario e plural capaz de traballar a prol da visibilización da lingua" e para "devolver o idioma ao lugar que merece". Fernández Rei definiu a xornada como "un día feliz para acudir á botadura de Prolingua" á que comparou cunha dorna "de fasquía plural" e "símbolo do país". Botando man do vocabulario mariñeiro, continuou o profesor Fernández Rei apuntando que "mesmo no mal tempo a dorna é barco seguro se leva bo patrón ou patroa". Ao fío, advertiu que, logo dun tempo con vento lixeiro "de popa", para a lingua o vento chega agora de proa, ameazando freala. Por ese motivo, remitiuse ás verbas dos vellos mariñeiros, que tiran da expresión "voltaghear" para definir a estratexia de aproveitar os refachos para navegar nesa condición adversa. "O que Galiza necesita" "Estou en Prolingua porque quero estar cos bos, coa xente miña, e estou totalmente seguro de que temos razón e ademais non mentimos", expresou de seguido Xabier P. Docampo, de cuxa cabeciña saíu inicialmente a idea de crear algo semellante ao que agora abrolla como a plataforma Prolingua, e encargado de explicar máis polo miúdo os detalles do funcionamento do colectivo. "Sempre puxemos fe e traballo, pero agora hai que poñer algo máis", salientou en referencia á vontade de Prolingua de autofinanciarse coas achegas dos seus asinantes e renunciar a calquera subvención de institucións públicas ou privadas. "Dise que cada país ten o que merece, pero Galiza neste momento debe ter o que necesita", desafiou Xabier Docampo, instando os presentes ao compromiso activo para garantir que a plataforma poida desenvolver "unha chea de cousas visíbeis e necesarias" en favor da lingua galega. Como primeira acción, Prolingua distribúe un pequeno pin co símbolo da plataforma. O abrocho, destacou Docampo, quere "visibilizar o orgullo da nosa lingua e a necesidade de defendela, promovela e falala". A curto e medio prazo, o escritor avanzou unha ducia doutras ideas que Prolingua pretende desenvolver, entre outras: a elaboración dun amplo argumentario "que contrarrestre as mentiras que se están a difundir", a distribución de colantes con lemas a prol da lingua, a promoción do galego en ámbitos como o da Igrexa ou o ensino e a organización dunha "gran marcha pola lingua" en maio de 2010. "Motivos" plurais para o apoio a unha iniciativa plural "Actuar en positivo" e despregar "accións sociais que ninguén fará se non as facemos nós", foron obxectivos destacados polo escritor Agustín Fernández Paz na defensa do nacemento de Prolingua, ao que definiu tamén como acción de "rebeldía ante o intento de deslexitimar dereitos dos galegofalantes". Evocou Fernández Paz á histórica Rosa Parks, figura clave do movemento polos dereitos civís nos Estados Unidos e protagonista dunha faísca decisiva o día que se negou a cederlle o asento no bus a unha persoa branca. Recordou o escritor vilalbés as palabras de Parks: "Estaba farta de ceder e ceder", e considerounas inspiradoras á hora de reclamar para os galegofalantes igualdade de dereitos no país para que a nosa cultura "non sexa un bonsai ao que lle cortan as pólas cando se atreve a medrar demasiado". Falou tamén Mercedes Queixas quen repasou o contexto de represións e prexuízos que lle fora imposto a seus avós e pais e dixo estar segura de que a xeración de súas fillas "habita unha páxina en branco que entre todos podemos axudar a escribir" contribuíndo a que "estean orgullosas de quen son e de onde veñen". "A cidadanía debe marcar os tempos e ser o motor dos cambios", engadiu Queixas. "Eu estou en Prolingua por meus fillos", sentenciou tamén Henrique Costas. Pola súa parte, Pilar Ponte destacou unha vez máis a heteroxeneidade das persoas que apoian Prolingua arredor "dunha causa común que nos une: o galego". Da súa banda, e para ilustrar a tal pluralidade, Martin Pawley quixo cinxirse á breve lectura dalgunhas das ducias de profesións dos primeiros mil asinantes do manifesto: mestres, avogados, camareiros, historiadores, economistas, labregos, mariñeiros, un fareiro, farmacéuticos, editores, carteiros, libreiros, pasteleiros, veterinarios... Xosé Luís Rodríguez Pardo chamou a defender a lingua "como se fose a nosa vida". "Será, se todos queremos, Prolingua para sempre", arreboloulle ao auditorio. Finalmente, Rafael Cuíña, pechou a rolda de motivacións da decena de promotores que falaron inicialmente, recordando o paradoxo de súa infancia cando na escola lle impartiron "aulas de galego en castelán" e subliñou o seu "compromiso absoluto coa lingua" e a vontade de loitar contra "complexos de inferioridade" que lastran o idioma na sociedade. O núcleo de traballo de Prolingua artellarano neste inicio un grupo de arredor de corenta persoas, entre os que están os antes mencionados, mais na asemblea quedou lanzada a chamada á colaboración e o traballo de todo aquel que queira realizar achegas de calquera tipo. Na web Prolinguagalega.org está toda a información ao respecto, incluídos enderezo electrónico e ligazóns a redes sociais. Prolingua constituirase a efectos formais como asociación, pero sublíñase que internamente seguirá un funcionamento "non xerárquico". En breve, comezará a constitución dunha rede de núcleos comarcais de apoio, información e traballo. "Necesitamos máis ollos, máis mans, máis cerebros e máis corazóns, porque os inimigos da lingua son poderosos", advertiu Xabier Docampo. "Dependemos das nosas forzas... e xogamos na casa", animou.
(Foto: Paco Vilabarros)


Ramón López Facal, catedrático de Historia
‘A historia debe desmontar mitos nacionais’
“A historia académica é do XIX, os profesores do XX e os alumnos do XXI. É moi difícil reunir nunha aula tres séculos tan distintos”.

Ramón López Facal, catedrático de Historia en Santiago, resume así un dos dilemas da educación actual. Desde a súa tese de doutoramento (O concepto de nación no ensino da Historia, 1999) e a través de varios libros, mostrou interese pola problemática do adoutrinamento dos escolares e a función do coñecemento histórico na sociedade actual.
A Nosa Terra, 03.10.2009. Entrevista por Xurxo González.

Cal é o grao de coñecemento da Historia de Galicia entre a poboación en xeral?
Non é moi alto. Os contidos sobre este tema dependen dos libros de texto que se empreguen, e a inmensa maioría dependen das grandes editoriais estatais, Anaya, Santillana, Vicens Vives e SM. Fan un texto único para toda España e engádenlle un pequeno anexo referido á comunidade concreta.

Cales son os principais problemas do ensino da historia?
O problema non é específico de Galiza. Os plans académicos seguen presos de tradicións creadas no século XIX, que son pouco funcionais para o desenvolvemento intelectual e crítico da xente. Existe xa unha historiografía moi rigorosa, pero desconectada do ensino e a divulgación. Así, prímase coñecer persoeiros e etiquetar épocas, non a relación que existe con procesos que repercuten no presente.

A situación é diferente nos estudos universitarios?
A historia de Galiza non ten unha presenza destacada nas carreiras. Estanse comezando a facer teses interesantes sobre a creación da sociedade civil moderna en Galiza, pero teñen pouco que ver co que se ensina e co que a xente identifica como historia do país. Moita xente ve esta materia como a historia do galeguismo ou, máis ben, como a historia dos galeguistas. Murguía, Castelao e outros sóanlle á poboación pero non se entenden as relacións coa cultura da época. Por exemplo, a conexión, máis ben desconexión, destes persoeiros coas vangardas en Europa só é coñecida polos expertos.

A historiografía galega ten, coma outras, mitos?
A historia académica creouse no século XIX para nacionalizar á poboación, para crear patriotas dos distintos estados. Os nacionalismos subestatais déronlle a mesma función, a de armar ideolóxicamente á poboación e crear conciencia nacional. Pola contra, a historia debería explicar determinados problemas para intentar que non se repitan.

A historia segue funcionando como adoutrinamento?
Continúan aparecendo elementos que provocan falta de perspectiva histórica, aínda que máis subliminalmente que en épocas anteriores. Os mapas que aparecen nos libros de texto fan unha proxección do mapa actual cara o pasado. Por exemplo, a ilustración dos pobos prerrománicos faise nun mapa que ten marcada a fronteira pirenaica e as Illas Canarias, que foron ocupadas logo do descubrimento de América. Non se trata dunha idea directa, pero crean a imaxe de que o Estado é inmutábel desde a antigüidade. Con Galiza pasa o mesmo, aparecen mapas coas fronteiras actuais onde se marcan as minas romanas. Proxectar unha imaxe do presente cara o pasado é o menos histórico que existe. Así perpetúase a idea do mito nacional.

Dificulta esta concepción mítica da historia a creación dunha conciencia nacional galega?
Non se pode construír unha nación no século XXI con argumentos do XIX, porque se leva as de perder. A articulación política da sociedade debe basearse nos dereitos e na vontade da xente. Non se poden combater os nacionalismos subestatais emerxentes con máis nacionalismo español baseado en mitos, nin viceversa. A historia ten importancia na política, pero non para fundamentar a lexitimidade. Non é sensato que a xente que desexa a articulación política de Galiza como unha comunidade nacional diga que isto ten que ser así porque existiu no século XII un rei que dicía que era de Galiza. A historia ensina que a articulación política ten moito de aleatoria, pero sempre responde á vontade social. A historia debe desmontar mitos, non substituír uns por outros.

Hai dez anos houbo unha polémica coa Academia da Historia de España, que defendía que se estudase unha historia común en todo o Estado. En que punto está ese debate?
Hai pouca discusión, pero pódese dicir que conseguiron o seu obxectivo. Os alumnos de segundo de bacharelato estudan unha visión canónica da historia de España desde Atapuerca até a Transición que responde en grande medida a unha visión mítica. Nos estudos preuniversitarios, España é o único país de Europa que inclúe unha historia xeral deste tipo. En Francia, Portugal, Italia ou Reino Unido os alumnos estudan historia do mundo actual, desde 1945, que inclúe os grandes procesos que afectan á actualidade. Con todo, está bastante sobrevalorada a influencia da escola. Os rapaces aprenden máis sobre os mitos nacionais vendo a televisión, lendo xornais ou con videoxogos.



2 oct. 2009



Ásescondidas

Os galegos presumimos de discretos e circunspectos. Foron tempos, agora rachan co tópico esas señoras de Ferrol que acoden a Gran Hermano para exhibir carnes vedraias e bastísimos discursos. Na época en que eramos case británicos no recato e no respecto á intimidade dos demais, estaban moi mal vistos os guichóns e entremetidos, tanto que o noso idioma contaba con varios recursos para nomear e censurar aos amigos de axexar vidas alleas. Distinguíase entre o "olláparo", que te velaba gacheiro detrás dun valado ou guichaba polo ollo da pechadura, e o "escoitagrilos", que espiaba conversas como o neno cazador puña a orella no burato do grilo para asegurarse de que estaba na casa, antes de introducir a palliña e obrigalo a saír.

A Guerra Fría converteu en lucrativo mester o vicio de guichar e pór a orella, de paso que alumeou un xénero literario cultivado con grande arte por John Le Carré (O espía que xurdiu do frío) ou Graham Greene (O factor humano). Ao esbarruarse o Muro de Berlín cabía esperar un rápido declinio do oficio, volvéndose a figura do espión tan anacrónica como a do seitor de fouce e botixo. Pero velaquí que inzan as escoitas legais e ilegais, puntualmente transcritas nos diarios e de lectura bastante entretida. As liaisons dangereuses de Francisco Camps, por exemplo, levan traza de best-seller. Non é milagre, porque esas férvidas declaracións de amor entre tipos relambidos e pulcramente traxeados compiten con vantaxe coas máis tórridas escenas rosas ideadas por Corín Tellado.

Ora ben, a cisma de espiar seica transcende xa o ámbito da lideira política e esténdese por todo o corpo social. Así, os directivos do Barça vélanse mutuamente, contratan detectives coa mesma ansia coa que fichan dianteiros centros, e iso que a equipa xoga de luxo. As emocións do fútbol non teñen punto de comparación coa rexouba de brincar ao escondite.

Bieto Iglesias : PAN E COITELO (El Correo Gallego:1-10-2009)