17 oct 2006


Moi interesante: rúa xudea

Veño de coñecer, só hai uns minutos, a existencia dun blog feito dende Ribadavia e asinado por Xoán Salgado, que afonda no pasado xudeu da histórica vila ourensá. Xa leva meses en marcha e conta con artigos de historia, lingua, etc., de Suso de Toro, Gonzalo Navaza e Carlos Barros.

Moi recomendable, polo que quero compartir a nova cos meus lectores que aínda non o coñezan.
A xeración mileurista.
Cada día se fala máis nos xornais da xeración "mileurista", xa saben, esa que se incorpora ó mundo do traballo ben cualificada e con salarios por baixo dos mil euros (para ser exactos, nun recente estudo o soldo medio dos menores de 30 anos quedábase en 755 euros). Pois ben, aquí están, foron medrando entre nós case sen darnos conta, os nosos fillos e fillas, os nosos alumnos e alumnas. Como son? Contarei hoxe o que para min serían os riscos básicos dun posible retrato robot desta xeración, visto dende a miña persoal perspectiva, claro está (case 50 anos, a metade deles dedicados a traballar con rapaces desa idade).
Para empezar, son diferentes a nós, cando menos en parte, cando nós tiñamos a súa idade. Eu lembro que entrei na Universidade sen pensar nin unha soia vez en perspectivas de futuro ou no meu traballo ó rematar a fase escolar. Hoxe, os rapaces están dende a ESO fartos de escoitar comentarios do difícil que está o mundo do traballo, das condicións draconianas que padecerán ó chegar ó mercado laboral, etc. O tratamento que reciben no mundo escolar, coidadoso coa súa evolución psicolóxica, pouco ten que ver co que soportarán cando deixen as aulas e se encontren co mundo real, sen proteccionismos.
Son tamén, no plano tecnolóxico, máis espabilados que nós. Iso non quere dicir que teñan unha gran cultura –son cousas diferentes-, pero si que teñen medios para acceder ao desenvolvemento cultural que no noso tempo eran descoñecidos. Viven nun mundo virtual -o ordenador, o móbil, o MP3- onde todo parece posible e instantáneo.
Son tamén máis infantís nas súas reaccións e xeitos de ser. Todos os expertos coinciden nisto: a educación ralentizou os procesos de madureza. Pero quizais toda a sociedade estea máis infantilizada, en xeral, basta ver o mundo que nos rodea, dende as modas ata as TVs.
Son, en xeral, progresistas nos seus comportamentos e opinións. Din as enquisas que a maioría se move entre o centro esquerda e a esquerda, aínda que o horizonte familiar tamén marca condutas dominantes a este respecto. Son tamén solidarios e algúns (unha minoría) colaboran con ONGs e movementos sociais. Son máis remisos á militancia política, polo xeral: quizais porque o discurso dos partidos aínda non soubo comunicar co mundo xuvenil.
Outra minoría casou a inconsciencia e idealismo propios da mocidade coa falla de referentes e responsabilidades. Se a familia non cumpre o seu papel, e iso sucede demasiado a cotío, esa minoría cae nas poutas da desgraza: mortos nas estradas, alcohol, drogas, etc.
E as mulleres levan a iniciativa: máis responsables, con mellores resultados académicos, máis maduras. Cun panorama que deixa desnortados ós mozos do seu tempo (quizais tamén ós seus pais). Así os vexo eu, despois de 23 anos de traballar con eles. Pero todo o dito é, por suposto, só a miña visión persoal, discutible, como todo.
(Imaxe: fotografía de Joyce Tenneson. Publicado en La Región, 16 outubro 2006)

Máis sobre Unamuno.

Por consello dun amigo consulto o libro de Alberto Reig Tapia “La cruzada de 1936. Mito y memoria" en busca de información sobre o tremendo discurso de don Miguel no Paraninfo da Universidade de Salamanca.
Reig Tapia dedícalle 50 páxinas (pp.289-340) ó sucedido naqueles días e dá datos moi relevantes. Como estes:
(1) Unamuno levaba naquel acto a representación de Franco, que preferiu non asistir.
(2) O rector de Salamanca non tiña que falar naquela ocasión e improvisou, indignado, ó escoitar conceptos como a “Antiespaña”.
(3) Neses días asasinaban a amigos de Unamuno como o partor protestante Atilano Cocó ou o alcalde de Salamanca, deputado de Izquierda Republicana e catedrático de Universidade, Casto Prieto Carrasco.
(4) Nesa altura, Unamuno, que antes atribuía a crueldade da represión ó xeneral Mola, xa sabía que Franco non detería a barbarie.
(5) Reig Tapia deixa tamén polo chan a postura covarde e xustificatoria de Millán Astray que adoptou (e transmitiu nos seus textos) o escritor José María Pemán.
(Imaxe: caricatura de Unamuno polo debuxante Álvaro Cebreiro, coasinante do Máis Alá. Este breve artigo sae hoxe en La Región: velaí tedes unha mostra de como as vosas achegas neste blog, neste caso unha suxerencia de APC, tamén me son moi útiles para o meu labor no columnismo. Grazas).