17 oct 2008


Unha mirada.
PAN POR PAN venres 17 outubro

Subimos ó autobús, a miña muller e eu, e pouco despois unha nai co seu fillo. “Ola!” e “Ola!”, di o fillo dúas veces. E repite “Ola!”, “Ola!”. Só cala cando a miña muller lle responde agarimosamente “Ola, bonito!”. A miña muller ponse a falar coa nai do rapaz, que eu xa recoñecera: cando era moi neniño, ía ás veces ó colexio coa miña filla, collidos da man. Os nenos con síndrome de Down son moi cariñosos, seino por un meu primo, na miña familia. O rapaz, R., ten xa 18 anos, está feito un home e mantén esa mirada limpa, moi fixa, que che esculca ata o fondo do corazón, abríndoche as comportas das emocións. A súa nai, unha muller leda e miudiña, cansa de pelexar cos xogos do destino, que non nos pide opinión. Trala mirada da nai adiviño horas de sufrimento, incerteza, angustia. Pero hoxe a súa mirada só transloce unha sensación xigantesca de dignidade.
Sección de literatura Liceo de Ourense
OURENSE, 17 OUTUBRO 2008
VI ENCONTRO DE ESCRITORES OURENSÁNS
Xornada dedicada a Manuel Curros Enríquez

17 de outubro 2008 - venres
20.15 horas.- Aula de Cultura.
Mesa Redonda co título ‘‘Vida e Obra de Manuel Curros Enriquez’’, coa
participación de
Serafín Alonso Pintos, Afonso Vázquez-Monxardín, Antonio Piñeiro, moderada por Marcos
Valcarcel.
22,00 horas.- Sala de Tertulia. Cea Coloquio, á que se convida a todas as persoas interesadas para debatir sobre
todos os aspectos da vida de Curros Enríquez, e que estarían introducidos polos seguintes escritores e temas:
Bieito Iglesias: ‘‘Lingua e estilo en Manuel Curros Enríquez’’
Luis González Tosar,: ‘‘A Masoneria en Manuel Curros Enríquez’’
Francisco X. Fernández Naval: ‘‘Curros protestante’’
Manuel Guede Oliva, ‘‘O meu Curros Enríquez’’
José María Pérez Álvarez (Chesi), ‘‘Escritor e compromiso civil: Manuel Curros Enríquez dende hoxe’’.

Patrocina CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

MATERNIDADE E NATUREZA
ANDOLIÑA venres 17 outubro
Dende cativiños recibimos unha mensaxe subliminal: a concepción do home como o gran centro do universo e dominador da natureza. Por iso os antigos imaxinaron os seus deuses e mitos como humanos laretas e caprichosos e nos contos infantís inventamos animais adobiados con xeitos antropomórficos. Pero o certo é que o mundo animal rexistra, na práctica, as mesmas condutas que a especie humana.
Fala un documental da TVE-2 das nais adoptivas no mundo natural e dos fillos criados por elas: nalgúns casos, como o cuco, trátase dun engano e a nai adoptiva non o percibe, polo famoso fenómeno da improntación (xa lembran: os parruliños que ó nacer seguían a Konrad Lorenz), de xeito que coida da cría pensando que é a súa propia.
É dunha crueldade sorprendente a escena do cuco recén nacido roubando o niño e botando fóra., con todas as súas forzas, os outros ovos. Pero velaí o macacus rhesus, cun poderoso instinto de maternidade: tanto que algunhas femias secuestran as crías doutras, ás veces provocando a súa morte porque non teñen leite. Como Rebecca de Mornay en “A man que mexe o berce”, máis ou menos. E vemos unha femia cunha cría colgada, que xa leva días morta: de certo, hai moitos centros no universo.