13 sept 2008


ourensáns no seu recuncho gloria vidal suberbiola
«Unha cousa é a educación e outra o ensino. Un profesor de matemáticas pode dar valores»


Viaxe no tempo
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 13-9-08
(a foto do Parque de San Lázaro procede da web fotografiasdegalicia.com, e vai dedicada, se mo permite, a Chesi)

Uns científicos israelís construíron un modelo teórico polo cal seica sería posible viaxar no tempo, pero con limitacións. Ou sexa que só se podería ir ao futuro ou para atrás desde o futuro ata o momento de construción da máquina. Moi complicado parece todo, pero quen nos ía dicir hai trinta anos que queceriamos o leite dentro da cunca nun aparello con aparencia de televisor no que non habería lume, que o televisor parecería un cadro no salón ou que mocosos de 10 anos andarían con teléfono encima. Vai ti ver o que, con sorte, veremos.Pois como é difícil viaxar no tempo máis alá dese desprazamento lento e inercial que vai arrincando as follas do calendario sempre no mesmo sentido e que nos vai adornando pouco a pouco con cicatrices de vida, pois como é moi difícil, á xente dálle por viaxar no espazo, ir dun lugar a outro a coñecer paisaxes, xentes e cidades.Claro que se non nos movemos dun sitio, poñamos o Parque de San Lázaro, ese desprazamento lento vai facendo que cambiemos tamén de cidade e podemos viaxar no tempo de memoria coa propia ou coa pres tada. Podíamos, pero non é cousa, achegarnos ao século XII no que había unha leprosería cunha capela no comezo de Bedoya e un grande espazo por onde vagaban os lazarados. Ou achegarse a fins do XIX en que ao abrir Bedoya e chimpar a vella capela, o concello constrúe unha nova na esquina oposta. Podiamos pensar en 1911 en que a apertura da travesía cara á proxectada nova ponte esgaza o campo da feira en dúas metadas (ao leste as vacas, ao oeste, con perdón das súas caras, os marraus). Ou voltar ao 1923 en que marcha gando e feira para os Remedios. Ou a 1929 en que, sometida a un proceso de redución como as cabezas dos xíbaros, baixa a Igrexa de San Francisco á súa localización actual. Podiamos pensar en 1948 cando se fai o Goberno Civil, ou 1951 cando Asorey nos deixa o seu Monumento aos Caídos a ver se non lle dá a ninguén por dinamitar o anxo-, ou no tránsito do 50 ao 60 cando marchan as pedras da capela municipal a Peliquín pouco anos antes de erguer a Torre, entre o 1963 e 65, creo.Pero non é preciso tanto. Chega para esta viaxe ter máis de cincuenta anos anos e ter saudades do Bar Azul. Ou para xente aínda máis nova, lembrar o Alaska cos seus entrañables camareros e centro da nosa mocidade que daquela tiña oculto tras das chapas de madeira o valiosísimo mural de Quesada, restaurado eficazmente non hai tanto. Chega para ese percorrido moverse polas lembranzas iniciáticas da discoteca 3A, ou pensar no ‘Paxaro’ sentado na entrada do Dímax xogando ás cartas e charlando consigo mesmo a dúas voces. Ou pensar no Bar da Sindical... Ou na penultima grande puñalada, a desaparición da Confitería Ramos... E se collemos polo Paseo... acabo por maldicir a nosa historia. ¿Por que nos fan isto? ¿Cando lle demos nós as costas? ¿Cando deixou o público de encher o Miño, o Cortijo, o Alaska, a Ramos, o Hotel Parque? Se cadra ten que ser así a cousa. Pero dáme a impresión de que se non somos capaces de establecer tránsitos no de cada un de nós, debemos reinventar a cidade a cada xeración. E en en vez de sumar, subsituímos. O Latino, o Real, o Miudiño,o Moucho... demostran que o sabemos facer. Pero Ibense, por favor, ti resiste. Ti es o que nos queda de antes. Parte da nosa alma

DON LIMPO
Pan por pan SÁBADO 13 setembro.

Están situados, cando se fan enquisas, nos peores postos da consideración social. A costa de moito traballo, estrés continuo e o móbil sempre na man. Falo de políticos en exercicio e non lles teño, poden crerme, ningunha envexa. Todos os días teñen vinte xuntanzas para repetir o mesmo, unha presión excesiva de protocolo e propaganda e ata algunha cea inevitable na que lles poden poñer vieiras amnésicas ou coquinas contaminadas. A algúns ademais tócalles cada cousa!
Por exemplo, no Parlamento Europeo hai unha comisión que estuda como regular a publicidade sexista. Ata aí todo vai ben. Pero o xornal “Público” informa que entre os anuncios considerados como discriminatorios están os de marcas como Dolce & Gabanna e Don Limpio por usar “un físico musculoso que podería implicar que só os homes fortes son abondo poderosos para acabar co lixo”. Sen comentarios.