15 may. 2006


FALEMOS GALEGO
(La Región 15 maio 2006)
Unha xeración intermedia. Entre o galeguismo de preguerra e os novos grupos do tardofranquismo houbo unha xeración intermedia ás veces esquecida, a que se move na década que vai entre 1965 (a Auriense fúndase en 1967) e 1975. Quero hoxe relembrala nalgúns dos seus nomes: Carlos Guitián, Xosé Lino Vázquez-Monxardín, Salvador Rey, Eustaquio Puga, “Anxo”, Antón da Ponte, Nemesio Barxa, Antón Romasanta, etc. Era tamén a xeración do meu pai. Eles fixeron as primeiras pegatinas de “Falemos Galego” e corrixiron os primeiros topónimos castelanizados no noso país. Estaban arredor dos máis vellos, que viviran a guerra dalgún xeito, moitos aínda mozos (Otero e Ferro Couselo, Leuter e Bieito Fernández, Xoaquín Lorenzo e “Ben-Cho-Shey”, Luís Taboada). Impulsaron a Auriense, a misa galega do Santo Cristo e a Coral de Ruada (daquela con Manolo de Dios). Promoveron a Festa da Árbore e a presenza do galego nos xornais, se facía falla mandando cartas ao director a cotío. Ou protestando contra o xandasbolismo, a burla dos galegos que se facía no cine e na TV: teño nas mans unha carta dos anos 60 nesa liña, asinada por María Asunción Montero, a muller de Carlos Guitián.
Moitos deles participaron tamén nas grandes andainas culturais dos anos 60: con Antón Tovar, con Celso Emilio, con Blanco Amor, tamén no Ateneo e no Liceo ou nas asociacións culturais nacidas nas vilas. E nos primeiros recitais e concertos do que se había chamar Voces Ceibes. Eran anos intermedios: sobrevivían os rescaldos do galeguismo dos mellores, velaí Galaxia e o mundo cultural na súa contorna, pero aínda non chegara o novo nacionalismo de esquerda que dende 1972 se instala nesas plataformas e imprime outra dirección política. Foi unha xeración intermedia: das que abriron fiestras e crearon pontes co pasado e co futuro. Como a “Cova Céltica” na que militou Lugrís Freire moito antes das Irmandades e da Xeración Nós.
Andrés Mazaira. Leva varias semanas de despedida e véselle feliz. Mazaira, dende o seu posto de vicerrector na Universidade, derrubou muros. Non só aquel muro ignominioso que escondía as facultades dos ollos da xente do común. Sobre todo os muros mentais, máis difíciles de derrubar sempre. Mazaira puxo á Universidade de Vigo, no campus de Ourense, en contacto estreito coa sociedade: cos grupos empresariais, co mundo da prensa, co Parque Tecnolóxico e cos motores económicos, cos sindicatos, cos núcleos culturais da cidade, etc. Ninguén pode discutir isto. A Universidade creou novas infraestruturas (esa magnífica e modélica Biblioteca Universitaria) e tamén un novo discurso: unha Universidade ao servizo da xente e do progreso ourensán. Quédalle moito por aportar a Mazaira na nosa sociedade, é un home de ideas e de acción, e deses non hai demasiados.
(Na foto, entrega do Pedrón de Ouro a Xoaquín Lorenzo na Romaría do Viso, acompañado por Gustavo Valencia e Xosé L. Vázquez-Monxardín).