20 oct 2006

Cuarta tertulia no Liceo (20 outubro 2006)

Celebramos hoxe a cuarta tertulia do Liceo (xuntámonos agora no segundo piso, nunha saliña en exclusiva para nós sós) e, como xa sucede unas anteriores, foi moi densa e enriquecedora. Tanto que vai ser moi difícil resumila aquí, só aspira a apuntar algúns dos temas que se trataron para que os lectores (e tamén os que non puideron asistir) se poidan facer unha idea de cómo foi a cousa. En primeiro lugar, paso lista: estaban nesta ocasión Antonio Piñeiro, Pepe Trebolle, Pilar Charro, Javier Casares, Serafín Alonso, Rosendo Fernández, Sexismundo Bobillo, Abelardo de Gabriel, Xulio Prada, Carlos Varela, César Ansias e este cronista, ademais de Millán Picouto e Xerardo Méndez, que cito ó remate porque viñeron por primeira vez e se incorporan así ó núcleo inicial.
Retomamos inicialmente o tema da última cita –políticas culturais- falando do noménclator urbano: da xa aprobada no Concello, pero non cumprida retirada de todos os nomes franquistas da cidade (quedan aínda Coronel Ceano, Capitán Eloy, Xeneral Aranda e algún máis). Tampouco se levou a cabo a tamén aprobada (contouno Millán, concelleiro daquela) recuperación dos nomes históricos, medievais, do casco antigo. Puxéronse exemplos doutras cidades de España en que a cousa é peor (Santander, etc.), pero iso non lle resta importancia ó caso ourensán. AG amosouse sorprendido pola falla de referencias en Granada a García Lorca, agás un parque a el dedicado, onde sobran en cambio nomes franquistas.
Despois a cousa saltou á memoria da guerra e da represión e falamos abondo: de cómo foi a represión, do silencio de tantas xeracións, da propaganda que ocultou todo no franquismo. E das formas de sociabilidade na posguerra: quen non pasaba por Acción Católica pasaba polo Frente de Juventudes, non había máis, ou pola Sección Feminina (CV comentou o documental emitido en TV sobre a Sección Feminina –eu non o vin- onde mulleres de moitas anos contaban aínda orgullosas a súa pertenza á mesma); PCh contou dalgunhas xornadas que lle tocou participar e do que se facía nelas, arredada da política, dicía (quizais, engado, porque a concepción machista do réxime esixía xa que a muller estivese fóra da política).
XP e máis o cronista falamos abondo do Ourense da época, a partir dos nosos estudos, e do poder da dereita católica que todo o controlaba dos anos 30 en diante. XP amosouse convencido de que a Falanxe, que só medra a partir de febreiro do 36, foi despois convertida no partido de grupos de choque de Franco, pero non se pode considerar, nese momento, como un partido fascista, agás en núcleos moi reducidos. Os fascistas orixinais foron neutralizados e Franco fixo e dispuxo todo o que quixo, neste país de sacristías e hisopos (desto temos falado aquí máis veces).
Tamén falamos moito do papel das tertulias de posguerra e das Academias privadas onde se refuxiaron os profesores represaliados: Albino Núñez, Manuel Luís Acuña, Vicente Bóveda, etc. (qué interesante sería un estudo histórico ó respecto). Houbo anécdotas simpáticas: AG contou do Raúl, que moitos vían moi comedido, cómo, nun día de chuvia moi intensa, lle dixo a unha alumna moza: “Ves ese cano a rebordar de auga sen parar. Pois así mexa o bispo”. Despois de rirnos un pouco, relacionamos isto co tradicional anticlericalismo que marcaba o republicanismo e a esquerda ourensáns dende vellos. JC deleitounos con varias anécdotas dos mozos católicos de Xinzo (nos que el ía) que xogaban ó fútbol contra os de Falange e estes metíanlles grandes malleiras (5-0, etc.); logo, ó rematar o partido, ían a un local onde había protestantes, vixiados de perto polo crego, e alí lles cantaban aquilo de “Protestante, protestante/ vete fuera de esta patria/ que aquí estamos, los del Sagrado Corazón” (a cita non é literal, pedireilla con detalle a Javier Casares).
MP amosou a súa tristura pola historia do país: nas escolas estamos sempre co mesmo, esta etapa foi moi mala para o galego e a cultura, e logo vén outra, e tamén foi mala, e sempre así... todo escuridade, sombrío... Só nos queda, engadín eu, destacar os momentos de luminosidade que xurdiron en medio desa triste historia nalgunhas das súas personalidades máis valiosas. E tamén falamos do exilio, da persecución de todos os relacionados co Frente Popular e dos problemas naquela época de personaxes como Celso Emilio Ferreiro ou Ramón Cabanillas Enríquez (pai) e da importancia que puido ter nalgúns casos algún parente crego ou falanxista para salvar a cara: un irmán de Celso Emilio (Sindo) tiña un cargo relevante na Falange ourensá, como contou Antonio Piñeiro.
En fin, saíron moitas máis cousas, pero sería imposible resumilas todas. Pero os lectores/as percibiran cando menos que si celebramos ben o Ano da Memoria. E nesa liña seguiremos.

Fonte de informação valiosa
Reenviada pola AELG, esta mensaxe que pode interesar a moitos lectores/as:

Imaginem um lugar onde se pode ler gratuitamente, as obras de Machado de Assis, ou A Divina Comédia, ou ter acesso a contos infantis de todos os tempos. Um lugar que lhe mostrasse as grandes pinturas de Leonardo Da Vinci, ondesepode escutar músicas em MP3 de alta qualidade.Esse lugar existe!!!! O ministério da educação disponibiliza tudo isso, basta aceder ao site: www.dominiopublico.gov.br
Só de literatura portuguesa são 732 obras! Estamos em via de perder tudo isso, pois vão desactivar o projecto porfalta de uso, já que o volume de acesso é muito reduzido. Vamos tentar impedir esta desgraça, divulgando e incentivando amigos, parentes e conhecidos, a utilizarem esta fantástica ferramenta de disseminação da cultura e do gosto pela leitura. Maria Augusta Araújo


Franco lexionario.

Di Paul Preston que Millán Astray foi a persoa que máis influencia exerceu na formación moral e ideolóxica de Franco: nomeouno o seu segundo xefe e comandante de campo e upouno a dirixir a Academia Militar de Zaragoza. De Franco soldado en África tamén quedan historias lóbregas: el mesmo lle contou ó seu curmán como ordenou fusilar a un lexionario por non gardar o respecto a un superior por un incidente insignificante arredor da comida.
Na Lexión adquiriu Franco a teoría nacional-militarista que logo impuxo dende o poder: odio ó liberalismo e o Exército, encarnación da patria.
En 1906, un ano antes de iniciar Franco a súa carreira militar, Millán Astray casaba con Elvira Gutiérrez de la Torre, filla dun xeneral. Ó rematar a voda, “Elvirita” díxolle que xurara castidade de por vida e así foi: converteuse en criada do seu marido para sempre xamais.
(Imaxe: "Franco, o asasino", de Luís Seoane, do álbum Trece estampas de la traición).