16 dic. 2007

PROXECTO ROTEIRO CARLOS CASARES NA SÚA CIDADE NATAL

Este é o Roteiro Casares, tal como o propuxen no Simposio e como se desenvolveu onte. Queda sobre a mesa a súa posible oficialización (agardemos que o Concello sexa receptivo).

1. Liceo Recreo Ourensán
A súa segunda casa en Ourense. Encontros do Liceo. Os faladoiros e os amigos.
Espazo clave do Ourense do século XIX estudado por Casares: Curros Enríquez, Xoán da Coba. Estatua pendente de XDC, empeño persoal de CC que o concello rematou por non facer.
2. Antigo Pazo do Bispo (hoxe Museo Arqueolóxico)
Na Praza Maior.
Escenario posible de Ilustrísima.
3. Rúa da Paz / Lepanto / Praza do Ferro
Dende o Museo ata a moi achegada Rúa da Paz (antiga Rúa dos Zapateiros). Casas de Otero Pedrayo, Vicente Risco e Xoaquín Lorenzo. Biografías casarianas de Otero e Risco. Deus sentado nun sillón azul.
Moi perto, na rúa Lepanto, casa natal Eduardo Blanco Amor e en fronte, redacción O Tío Marcos d´a Portela, a quen Casares dedicou algún estudo.
Na Praza do Ferro, casa de Florentino Cuevillas, a quen CC admiraba como escritor e investigador.
4. A Revista Nós (antiga casa, hoxe só placa, na rúa de Santo Domingo)
Antiga redacción de Nós e despacho Vicente Risco, que coñeceu CC. Estudos sobre a revista Nós e a súa época.
5. Ubicación da casa natal
Antiga casa, xa derruída, á altura de Cardenal Quevedo, 10 (hoxe Mobles González). Primeiros anos. Casa grande, con oratorio incluído e horta por detrás (ata a actual Valle Inclán), segundo nos contou Javier Casares. Alí estivo os primeiros catro anos de vida.
6. Café Parque
Núcleo de faladoiros ó carón de Risco e grupos intelectuais de Ourense, tantas veces recreado nos seus artigos dos xornais.
7. Antiga sede da Libraría Tanco
Paseo fronte Goberno Militar. Libraría progresista e galeguista da posguerra (Carlos Vázquez). Lugar de traballo do poeta Antón Tovar: o modelo, triste, dun escritor para o primeiro Casares. Moi perto, fixemos mención á placa que marca o local da antiga Sala Auria, memoria sentimental da cidade (aínda que Carlos non era moi bailón, seica) e case enfronte a casa do escritor José Luís López Cid, con quen tamén tivo amizade.
8. Café Miño e La Región.
Núcleo de faladoiros ó carón de Risco e grupos intelectuais de Ourense. Vicente e Antón Risco, Xocas, Trabazo, Gimeno, Manuel Luís Acuña, etc.
Moi perto, máis abaixo, a antiga sede do xornal e libraría de La Región, onde empeza a publicar Casares xa nos anos 60. Tamén traballaron alí, como redactores, Fernández Ferreiro e Arturo Lezcano, e o que foi editor e o seu amigo, Luís Mariño.
9. Cardenal Quiroga (e regreso final ó Liceo)
Restaurante San Miguel (unha das súas entradas): núcleo de homenaxes ó propio Carlos Casares (organizada polo Clube Cultural Alexandre Bóveda) e doutros a figuras da cultura ourensá nas que el participou como os irmáns Quesada, o poeta e compositor Manuel de Dios e ó escultor Buciños.
Moi perto, na mesma rúa, o café restaurante La Mejicana: José Suárez e Antón Risco.
Tamén nesta rúa estivo o cine Mary: Xornadas de Cine das Nacionalidades e Rexións, nas que participou CC.
Outros espazos posibles. Seminario de Ourense. Os cines. Radio Ourense (rúa das Tendas). O derruído Volter do Tucho na praza do Eirociño (Risco e os artistiñas).
















O ROTEIRO CARLOS CASARES EN FOTOS (grazas, Trebolle)

A crónica do acto en La Región (na versión en papel inclúe un plano)

Nas fotos de Trebolle pódese recoñecer, entre outros, a Cristina Berg, Javier Casares, Xoán Fonseca, Ana Carballal, Xoán Fonseca, Iago Martínez, Miguel A. Murado (Fundación Casares) e Fernando Román.
Nota: os risos da primeira foto, a máis inferior, teñen explicación: iniciamos o Roteiro coincidindo con todo o barullo dunha voda en Santa María Madre. Case nos botan a nós arroz tamén.

Casares, Torga, Del Riego, González Tosar
PAN POR PAN domingo 16 decembro. Caricatura de Miguel Torga por Suso Sanmartín.

Chea de intervencións de interese estivo a última xornada do Simposio Carlos Casares: o luns falarei dalgunhas delas. Inauguramos un roteiro dedicado ó escritor na súa cidade natal e centro de boa parte da súa obra de ficción e dos seus estudos. Rematou o encontro o poeta Luís González Tosar, que evocou as súas viaxes de amizade con Casares, sempre cheas de anécdotas asolagadas en humor. Relembrou cando visitaran en Coimbra ó poeta portugués Miguel Torga, que se ergueu da sesta para recibilos e foi moi amable con eles (aínda que non era ese o seu carácter habitual). O mesmo Miguel Torga veu noutra ocasión a un acto en Vigo e don Paco del Riego tentou convencelo de que escribise sobre Galicia: “escriba algo sobre esta terra tan fermosa, cunha paisaxe tan verde...”. Pero o xenial autor dos “Diarios” só acertou a dicir: “Si, é unha terra ben verde. Pero eu non son unha vaca”.