Realismo suxo de campaña MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO, galicia hoxe 27-2-09Xa saben vostedes que o realismo suxo é un movemento de creación literaria que propón nos seus textos unha certa sobriedade e parquidade no relativo sobretodo ao elemento descritivo, véndose a linguaxe enfiada dun xeito moi directo e descarnado, coloquial, rozando mesmo ás veces, como un efecto de expresividade artística, o indecente, o violento e o badoco ou indelicado. E velaí, por exemplo, o escritor cubano Pedro J. Gutiérrez, que non dubida en titular un dos seus contos Yo, revolcador de mierda, ou o mestre Charles Bukowski, autor de obras tituladas Fuck Machine ou Erections, Ejaculations, Exhibitions and general tales of ordinary madness. Pois ben, salvándomos adecuadamente as distancias e sobretodo por parte dalgúns dos seus protagonistas, a campaña electoral que hoxe remata moi ben poderiamos situala dentro da estética do realismo suxo. E do realismo suxo, por suposto, de baixa ou ínfima calidade; con expresións directas, si, mais ateigado dunha violencia expresiva baseada no infundio, na patraña, na argallada, no engano e na mentira. Con razón dixo Quintana, sen irmos máis lonxe, que
o líder do PPdeG "está a facer a campaña máis suxa e rastreira que se recorda na historia política deste país". E até o presidente Touriño, que cualificou ao aspirante do PPdeG de "aprendiz de brujo", acaba de pedirlles aos cidadáns galegos que lle dean as costas a Feijóo pola súa "campaña suxa", xa que "quen non pode facer unha campaña limpa non pode gobernar de forma limpa Galicia". Xulguen vostedes mesmos. Porque o certo é que esta campaña electoral que hoxe remata pasará á historia, sen dúbida, polo seu realismo suxo de trazos extraordinariamente túzaros e grotescos, onde se baixou mesmo á difamación e onde os insultos á intelixencia dos electores brillaron coma nunca. E pobres os cidadáns galegos, que se ven sometidos a visitas de políticos de fóra, que falan dos problemas de fóra e que só pensan en si mesmos -mercaderes do voto- condenando a Galicia a ser unha simple e ás veces vulgar anécdota.