16 mar. 2007


Día mundial da poesía, Helena Villar Janeiro
(El Correo Gallego, 16 marzo. Na imaxe, Luís Pimentel)

A Unesco, por iniciativa das autoridades marroquinas, iniciou en 1998 un estudio de viabilidade sobre a proclamación dun Día Mundial de Poesía. No empeño foi secundada polo escritor Alexander Blokh, ex secretario do PEN Club Internacional, que efectuou unha enquisa verbo diso entre cincuenta organismos especializados de todo o mundo.
Á xuntanza establecida para analizar a idea asistiron 15 poetas representantes das diversas rexións xeoculturais. Tras do debate formularon conclusión positivas sobre o papel da poesía como motor de socialización intersubxectiva, de impulso do recoñecemento dos valores ancentrais, do recoñecemento das orixes, e de promoción da tolerancia e do respecto pola diversidade cultural.
Por todo isto, recordando a importancia da linguaxe poética na construción dunha cultura de paz e non violencia, o Consello Executivo decide recomendarlle á 30ª reunión da Conferencia Xeral (París, 1999) a celebración do Día Mundial da Poesía cada 21 de marzo, día equinocial da nosa primavera, instando a que no evento participen as organizacións públicas e privadas: escolas, concellos, comunidades poéticas, asociacións, museos, editoriais e medios de comunicación.
Os poetas foron definindo ese poliedro que chamamos poesía de xeito luminoso. Pimentel di que é o gran milagre do mundo. Celso Emilio Ferreiro busca a verdade na rexa poesía. Para Mallarmé é a linguaxe humana tornada ao ritmo esencial. Segundo Miguel Ángel Asturias, o poema é o lugar polo que escapa a alma dun pobo. Non hai mellor exemplo que a obra de Rosalía de Castro, un dos grandes poetas universais por ser radical na expresión da espiritualidade colectiva de Galicia.
A Casa de Rosalía, vinculada a esta celebración case desde os inicios, foi escenario dunha das actividades do World Poetry Day que organizou o PEN Clube de Galicia no 2001. No 2006, houbo alí unha homenaxe ao soneto cun recital de sonetistas. Para este 2007, a Fundación Rosalía de Castro ten programada unha lectura pública da súa obra na Casa da Matanza. Alén diso, a institución anima a que ese día se lean versos de Rosalía de Castro, que escribe mollando no propio sangue a dura pluma, ten os máis variados rexistros, toca diversas poéticas, posúe a sinxeleza expresiva e fai canto individual canda a epopea colectiva.

Rosalía de Castro e a Academia (X.L. Méndez Ferrín)
Faro de Vigo, 16 marzo ("Os camiños da vida")

Parece mentira pero con tanto como se escribiu sobre Rosalía de Castro aínda hoxe é o día no que non existe unha súa biografía que una a veracidade co contexto histórico e sociolóxico e o conxunto cunha indagación psicolóxico en profundidade. Hai datos eruditos rosalianos, microtextos, excursións sen dúbida beneméritas, pro nada semellante a unha obra biográfica que una tanto fragmento. E por riba, existe a mitificación.E ollen que non me estou a referir ao mito nacional de Rosalía de Castro en tanto que representación máxima das letras galegas. Esa existe por é regra e, coma todos os mitos nacionalistas galegos, fundaméntase na verdade por moito que lle doa a toda esa riquitropa que convirte a combate permanente ao nacionalismo nunha forma, incluso económica, de vida. Estou a falar das estorias e episodios da vida de Rosalía de Castro que os autores máis serios aceptan acríticamente e que repiten sen dubidar unha liña do catecismo os historiadores da literatura, así os bons coma os menos bons.Por exemplo: que Rosalía fose abandonada pola súa naiciña dona Tareixa (así dicía Carballo Calero nos seus días de esplendor erudito) e que se criase coa familia do seu pai no Castro de Ortoño é algo que non pasa de ruxe-ruxe e que non ten nin unha proba na cal sosterse de pé. Que ela fose filla dun crego de pouco pelo apelidado Martínez Viojo constitúe só unha novela familiar fraguada polos sobriños e sobriños netos daquel señor e da cal tamén non existen probas documentais. Menos mal que, non hai moito tempo, apareceu unha investigadora seria e á cal non lle amarga o traballo, Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, e esta púxose a revisar todo. Despois dos traballos, por certo moi ben escritos, desta persoa unha boa parte dos boatos ou lendas ou falsidades ou medias verdades referidos á vida de Rosalía de Castro está sendo abolida e un novo perfil biográfico da nosa autora está a tomar xa imaxe no bastidor no que Victoria borda ou brosla. En fin, que o século XXI está agora a coñecer unha diferente biografía de Rosalía de Castro que non tardará en cobrar forma da man de Ruiz de Ojeda ou da man doutro escritor ou escritora de categoría capaz de, cos novos datos e cos mitos destituídos, insuflarlle unha vida nova á terríbel dama e señora de todos.Hoxe é día grande porque, na Coruña, a Academia Galega vai recibir da Caixa de Galicia a casa que habitou naquela cidade o matrimonio formado por Rosalía e Murguía coido que entre 1871 e 1875. Non se trata dunha doazón, que sería estatutariamente imposíbel, pero na práctica a casa de Rosalía e Murguía na Coruña vai converterse na primeira e principal sede da Academia Galega. A Caixa de Galicia estalle a dar un exemplo e unha lección a todas as institucións galegas no día de hoxe. (Observen: ningunha autoridade e ningún particular pensou en que a Academia Galega podería dispoñer duns poucos metros cadrados na Cidade da Cultura de Compostela). Finalmente, a cesión á Academia da casa na que viviu Rosalía escandalizando a boa sociedade da Coruña coa súa inobservancia relixiosa (explícao moi ben X.L. Axeitos) constitúe tamén un valioso contributo á nova visión biográfica da autora que nos fai sentir orgullosos de pertencer a esta Nación.
Incógnita

É o ruxe-ruxe de moitos institutos hoxe. Seica sobramos profesores/as en todas partes. En moitos centros os equipos directivos teñen que facer números de malabarismo cos horarios para evitar os desprazamentos dos numerarios hoxe existentes. Cando hai traslados ou xubilacións, por suposto, esas prazas quedan xa sen cubrir. E o número de alumnos/as, de momento, segue baixando.
E vai a Xunta e convoca 3.125 novas prazas de profesorado; máis que en ningunha convocatoria anterior. E convócanse tamén cátedras. Por que e para que? Onde os van meter? Ulas esas necesidades de profesorado cando case non se crean novos centros nin aumenta a poboación escolar? Alguén ten explicación para esta curiosa incógnita...

Hoxe no Liceo

Acto de Presentación do libro de Poemas Obertura sen heroe (obra gañadora do 1 Premio AntónTovar, concedido polo Concello de Rairiz de Veiga, e publicada por Ed. Follas Novas, colección Libros da Frouma), da poeta Yolanda López (Ourense, 1976), que terá lugar este venres 16 de marzo ás 20.15 horas, no Salón Nobre do Liceo deOurense, coa intervención de Marcos Valcárcel, Delfin Caseiro e a propia autora, cun recital a cargo de Tereixa Devesa e Loli Conde, acompañadas ó piano por Ángel Losada.

XOHÁN LEDO E O LIBRO GALEGO
(Andoliña 16 marzo)

Cando un se achega a un libro, pasa por varios momentos de fascinación e namoramento. Primeiro vémolo de esguello, quizais nun escaparate. Logo, xa lle dedicamos máis vagar, na libraría, revisando as súas páxinas, imaxinando o que suxiren aquelas follas tan novas. Logo na casa atendémolo con agarimo, expectantes dos mundos novos que esperamos abrir con ese volume. É fundamental a primeira impresión: a apelación da portada, por exemplo. Por iso é ben xusta a homenaxe que Grial lle decica a Xohán Ledo cun monográfico dos seus Cadernos.
Premiado en Trasalba en 1998, alí estivemos, a man de Xohán Ledo ten xa un lugar asegurado na historia do libro galego: cantas evocacións xorden nos seus debuxos para Galaxia dos anos 50 e 60! Recordan a súa figura os seus amigos (Del Riego, Xaime Illa), escriben os especialistas do mundo do deseño, recupéranse algúns dos seus traballos teóricos sobre Seoane ou sobre o superrealismo. Xohán Ledo na Galicia interior e Luís Seoane no exilio foron a imaxe do noso libro durante anos. “Habería que aforcar a quen non aprenda a ler, queimar os pés a quen non lea”, dille Xohán Ledo a Del Riego nunha conversa de 1956: solemne declaración, dende logo, de amor ó Libro.