11 mar. 2009

A lexislatura nefasta
XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR
ECG. 10-3-09


Aí teñen aos socialistas de Galicia. Feitos un sinvivir porque o Bloque non lles deixou lucir o talento nestes catro anos. Abatidos por non saber transmitir ao público os logros acadados polo goberno bipartito; debe tratarse dunha revelación profética a transmisión esa. Di o Conselleiro de traballo que non conseguiron chegar aos electores para explicarlles o positivo da xestión e a continuación enumera unha serie de conquistas, que todas xuntas veñen tendo a solidez aproximada da auga. Despois, intuíndo que algo fallou cos votantes de sempre, afirma que deberon amosar máis a ideoloxía de esquerdas. Pois non, porque non se trataba de soltar palabraría ideoloxista, senón de afrontar con siso e con valentía as reformas que Galicia necesita e que agora ninguén vai levar a cabo.
Máis pinturero está aínda Méndez Romeu, Conselleiro de presidencia. Convencido tal vez de que emulou ao Conde de Floridablanca coas súas reformas administrativas, atrévese a botarlle a culpa de todo ao socio de goberno, como se a perda de votos non fose idéntica nos dous partidos, como se o PSdG non xestionase a sanidade sen resultado ningún, a educación, o medio ambiente. E agora quere entrar a matar nas coalicións municipais.
O semiótico italiano Gillo Dorflles explica que para ser un profesional consolidado de calquera cousa é preciso dominar os ritos da profesión. O taxista de Roma pode conducir ben ou mal, pero ha de saber sacar o brazo pola xanela e soltar no momento axeitado unha frase cargada de futuro que deixe secos aos camiñantes. O lexionario será valente ou covarde, pero levará o pelo do peito por fóra dos botóns da camisa e o aire de desafío no ricto.
O político galego (isto non o di Dorfles) pode ser malo ou pésimo, pero actuará tamén como se as eventualidades fosen o principal. Dirá que non souberon transmitir, que o do lado era un desastre, que a campaña foi porca. E certamente, eses son factores que normalmente importan moito. Por iso os nosos falan desas razóns como se en Galicia tamén fosen fundamentais. Mais aquí hai unha cuestión previa que eles non nomean, porque ninguén se ataca a si mesmo.
A estatua do Alpinche
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 11-3-09

Se un entra no Google Earth e mira as imaxes de Ourense subidas con ese invento español de tantísima rendibilidade que e o ‘Panoramio’ -unha aplicacion que permite visitar unha cidade a través das fotos enviadas ao ciberespazo por outros turistas- encóntrase con que o que máis chama a atención de nós é a estatua do coche que está onde a Subdelegación de Goberno, no Parque. O visitante ve, olla, para, sorrí, pon cara estrañada e tira de cámara de fotos. Nunca, seguro, viu nada parecido no mundo mundial. Os nenos, como está baixa e xa non hai ‘gris’ na porta da Subdelegacion, suben ao teito sen medo; os adolescentes agáchanse para saír na foto sen tapar ese coche; moitos botan confianzudos o brazo polo ombreiro de Lalao Reverter ou do Antonio Colemán. Pero, perdóenme eles, a estrela, o que fai ao grupo inédito é ese coche que Lalao quixo bautizar ‘Realpor’ -acrónimo de Reverter, Alpine, Porche- pero que o inxenuo popular ourensán, picando a republicano, simplificou en ‘Alpinche’, mestura de Alpine e Porche. Porque iso é o que era.Os nenos daquela e os que xa non o eran tanto, lembramos como se construíu no verán de 1971 cando Lalao Reverter fixo o trasplante do motor dun Porche 911 que destrozara Pavón, á carrocería dun Alpine que el comprara. A matrícula era OR-31516, que a tíña eu ben posta nun coche ‘tuneado’ -daquela non existía a palabra- do meu scalextrix. Axiña o ‘monstruo’, demasiado motor para tan pouca carrocería, colleu as cores laranxa butano e banda branquiazul, tal que a bandeira arxentina. Durou cinco anos ata que Beny Fernández o espetou xusto ao comezar o Rally do Sherry, en Jerez de la Frontera.
O coche máis mítico que saiu de Ourense na súa historia. Pois si señor. Está ben que teña unha estatua. E por suposto que con Lalao Reverter. Que para algo participou 12 veces no Rally de Montecarlo e gañou varias ducias, por Galicia e España adiante. E sobre todo por ser o introdutor decidido da paixón polo automobilismo que daquela houbo na cidade ao redor do Rally e da Escudería. Si señor. ¿E o Antonio Colemán? Pois tamén. ¿Por que non? Non todas van ser de homes de letras. Foi un digno organizador e sucesor de Lalao á fronte da Escudería.Con todo, o conxunto garda un par de misterios. Haberá que lle preguntar un ao escultor Ramón Conde, e outro deixalo no aire. Si, lembramos que o Antonio era mellor mozo que o Lalao... ¿pero non se lle iría a man un pouco na diferencia? E o segundo, ¿que diría o Lalao de verse de ‘copiloto’ dun Colemán que nunca conduciu? Cando se esfiañe o fío da memoria vai parecer o que nunca foi.
Nas ondas de Galicia
MARCOS VALCÁRCEL, andoliña 7-3-09


Chégame o último libro de Modesto Hermida, galego da aldea de Vales, das terras de Cea. Titúlase Nas ondas de Galicia. Noticias, opinións, estampas e personaxes (Ir Indo) e leva un limiar de Alonso Montero. O volume recolle duascentas alocucións lidas polo seu autor no Diario Cultural da Radio Galega entre 1990 e 1996.
Convertidas en texto escrito para rescatalas da fugacidade radiofónica, estas crónicas culturais poden lerse a xeito de dietario de novidades culturais: a nova da aparición dun libro, dun suplemento cultural en galego, dun festival musical, dun premio a un escritor, etc. A lingua e a literatura son os temas dominantes e albíscase ben a querenza do escritor polos autores do século XIX, perspectiva que tan ben coñece como director da colección Narrativa Recuperada, do Centro Ramón Piñeiro, e tamén a súa admiración por personalidades como Cunqueiro, Carlos Casares ou Basilio Losada, entre outras.
Escribe co corazón aberto Modesto Hermida, sempre co compromiso fiel coa galeguidade de noso e buscando aquelas lecturas en positivo da evolución da nosa cultura. Xornaleiro da nosa cultura, chamouse a si mesmo nalgures: oxalá houbese moitos coma el.
Os nomes das rúas
andoliña 11-3-09


Tiven a sorte de nacer nunha cidade que mantivo bastante definidos os seus sinais de identidade dende vello: a Auria romana, medieval ou decimonónica perdura nos seus monumentos e no perfil urbano das súas zonas máis antigas. Tamén no seu nomenclátor urbano que mestura os diferentes nomes de rúas, de etapas ben diferentes. Temos a sorte os ourensáns de gardar o celme da cidade en nomes como rúa da Liberdade, da Primavera ou do Olvido, ás veces de fortes acenos románticos: por certo Afonso Vázquez-Monxardín, autor dun rigoroso estudo sobre o rueiro ourensán, debería publicalo xa en libro en canto teña un pouco de vagar dos seus moitos quefaceres.
Recibín un pequeno folleto titulado Apuntamentos sobre a evolución urbana de Celanova, así como sobre os nomes das súas rúas (1840-2008), traballo que non ten desperdicio de Antonio Piñeiro, un dos mellores coñecedores da vila de Curros. Neste volume dáse conta detallada das dificultades que xa dende mediados do XIX tiña bautizar as novas rúas da vila. A dedicada a dona Emilia Pardo Bazán, en vida da escritora, xerou polémica cos republicanos, mentres que a de Curros Enríquez tivo que agardar ata un ano despois da súa morte.