19 abr 2008


cabaceiro culé
Para min o fútbol é un mundo totalmente alleo, xa o teño dito. Pero non quero deixar de compartir esta simpática foto, que me envía Tacho. Cosmopolitismo e raíces, fusión total.

FÍO MUSICAL PERMANENTE

Gústame a idea que deixaron algúns contertulios de ter un xeito de Fío Musical Permanente no blog.
E teño unha idea ó respecto. Podería abrirse cada sábado un fío de tema musical, para opinar e desenvolvelo ó longo de toda a semana.
E propoño que o faga cada semana un contertulio diferente. Vostedes teñen o meu correo persoal (está no Perfil do blog). Preparan un texto breve (10-15 liñas) como entrada e nel fagan as súas suxestións musicais, coas ligazóns a Youtube que queiran. Creo que estaría ben recomendar en cada post entre 3 e 5 temas ou cantantes ou grupos musicais. Despois só terían que enviarme ese texto e eu colgaríao, por exemplo, cada sábado (como fixemos no seu día coas entregas de Xosé M. González).
Eu publicaría os post por orde de chegada. E emprazo, para empezar, ós contertulios máis habituais: Xoán da Coba, Apicultor, Jimmy de Rairo, Xabimusic, Julio Medela, Arumes, Trebi, Leituga, Xosé M. González, Jim Morrison, Monxardín, Lourixe, M. Swan, David Paz, Xulio Outumuro, G. Peaguda, M. Fraga, etc., e escusas polos que esquezo neste momento. Se se animan, xa saben. (Isto non impide, por suposto, que deixen cancións ou agasallos musicais noutros fíos, cando queiran).

E, como hoxe non temos aínda redactor do Fío Musical, déixolles un videoclip dunha das miñas cancións favoritas.
Entereime tamén por Miraxes (TVG), que vai cantar na Coruña a marabillosa Elephteria Arvanitakis.

Casos e cousas (de Auria), bis

A miña noraboa a Jesús M. García, xornalista de LVG, premio X.A. Carracedo deste ano polas súas novas e reportaxes sobre temas do patrimonio na nosa provincia.

No mesmo xornal, Xosé M. Rodríguez informa tamén da nova novela de Antón Risco, Obxectos antigos de orixe ignorada, publicada por Galaxia.

E ó grupo Lamatumbá (na foto), polo seu novo disco, que por certo seica fai unha homenaxe nel ó Paraugas Universal de don Xoán da Coba (conta LVG): non sei se o noso amigo XDC non reclamará dereitos de autor.
Casos e cousas (de Auria)

Monxardín reflexiona sobre as fotografías e o seu abuso, en Sobredose fotográfica (La Región 19 abril).

Por outra banda, o concurso de "políticas guapas" que propuña Moncho Conde Corbal esoutro día na súa sección seica non gustou ás agraciadas. Hoxe respóndenlle en La Región tres delas (Marta Arribas, María Quintas e Laura Seara), bastante indignadas (non encontro na web de LR este artigo). MCC puido ser máis astuto e comezar ó revés: cos "políticos guapos homes". Así, logo quizais non lle acusasen de machismo.

"Casos e Cousas" era unha sección fixa do xornal O Tío Marcos d´a Portela. Como outras veces, a nosa cabeceira é unha homenaxe ó xornalismo galego.
O home das pombas
Andoliña sábado 19 abril

Estou a agardar polo autobús, na Alameda de Ourense, e el achégase, silandeiro. Un home de máis de sesenta anos, diría eu, ben vestido, cun xersei de la (vai frío en Auria) e gafas. De seguro, xubilado ou quizais prexubilado dalgún oficio onde sobraba nas contas de resultados. Chega con dúas bolsas de plástico dun supermercado, e sitúase preto do monumento a Cuevillas. De súpeto, vese rodeado de pombas, máis dun cento delas, que o agariman por todos os lados. Unha sóbelle a unha man, outra polo medio do brazo, outras nos ombreiros.
O noso amigo bota alí un bo anaco, por riba da media hora, a espallar todas as migas de pan que trae nas bolsas do Froiz, sempre acompañado polos arrolos das pombas. As aves non paran de voar e de deseñar complicadas rotas máis ou menos elípticas ó seu arredor. O espectáculo é fascinante: toda unha ópera da natureza diante dos ollos. O home está feliz, notáselle ben: estou seguro de que nese momento, se puidese escoller, non preferiría estar en ningún outro lugar.
No mundo do libre mercado e da apoteose do capital, o aceno deste home, repetido a diario, non ten ningún "valor", dito sexa en termos pecuniarios. Quizais por iso sexa, porén, un xesto útil.



Caricaturas en Ourensanía

Esta noite tivemos unha invasión de Caricaturas na Ourensanía. Se teñen un momentiño de vagar e lecer, pasen por alí.

E vanse encontrar con Antón Losada Diéguez, Basilio Álvarez, Xesús Alonso Montero, Eduardo Blanco Amor, Adolfo Domínguez, Xoaquín Lorenzo, Otero Pedrayo, Xavier Casares, Mani Moretón, Xaime Quessada, Manuel de Dios, José Luís Baltar, Victorino Núñez, etc.
Os debuxos son de Siro López, Carlos Quesada, Xosé Lois, Castelao, Omar Pérez, Pepe Carreiro e Antonio Amado Lorenzo e proceden dos catálogos da I e III Bienal de Caricatura (1993 e 1996), que organizaramos dende o Clube Alexandre Bóveda e a Casa da Xuventude, con Benito Losada como artista maior do evento.
Díganme, se lles parece pertinente, cal lles parece a mellor caricatura das colgadas (e, se queren, cal a peor?).