24 mar. 2006

Xornalismo literario: unha lembranza de Antón Villar Ponte
A tardiña do xoves estiven en Vigo, nas xornadas sobre Xornalismo e Literatura que organizou o PEN Clube e que continúan ata o sábado. Tocoume compartir mesa redonda con Xosé Carlos Caneiro, o escritor portugués Jose Viale Moutinho e Tucho Calvo, que facía de moderador, pero que tamén interveu a cotío. Falouse de moitas cousas: de xornalismo, de literatura, de censura, da invisibilidade do libro galego, da indiferencia dos responsábeis dos medios respecto dos seus propios columnistas, da diglosia nas páxinas de opinión, etc. Moitas cousas sobre as que se poderá volver en calquera momento.
Na sala predominaban os escritores: estaban alí (por reproducir a atmosfera do lugar) Modesto Fraga, Luís González Tosar, Gonzalo Navaza, Luciano Rodríguez, Ursula Heinze, Carlos Reigosa, Arturo Lezcano, Margarita Ledo (que inaugurou cunha conferencia as xornadas), María Xosé Queizán (que se amosou no coloquio moi cabreada porque xa non a deixan escribir na "Voz", ela di que por censura), e varios escritores portugueses que non tiven a honra de coñecer (perdón polos inevitábeis esquecementos).
Na miña intervención, creo que moi crítica sobre as relacións da prensa galega co feito cultural, botei man dun vello artigo de Antón Villar Ponte, de 1923, que, con matices, case se podería publicar a respecto de moitos dos medios que temos hoxe. Por certo, a presenza de varios xornalistas e escritores vencellados á "Voz" fixo que saísen en defensa ardorosa do medio no que traballan/colaboran, afirmando que non se séntían aludidos polas críticas de Villar Ponte que eu reproducín alí. Ben, pois imos ver ese texto que non gustou a todos. Vostedes dirán se é excesiva a miña afirmación anterior sobre a "actualidade" deste texto:

Un último exemplo chega para constatar a intelixencia analítica e a persistencia de Antón Villar Ponte nesta loita contra o xornalismo máis mediocre do seu tempo. É o artigo “Los defectos de la prensa gallega”, publicado nun especial do Galicia de Vigo (25-VII-1923), facendo balance do primeiro ano do diario de Paz Andrade, “uno de los diarios más imparciales y hasta ahora más modernos entre todos los de nuestra tierra”. Expoño en esquema os seus argumentos básicos contra o modelo de xornalismo dominante naquela hora:
· Falta de independencia (“pocos son los periódicos de nuestra tierra que no están entregados a la devoción de un hombre o a la disciplina de un partido político...”)..
· Mimetismo e dependencia dos xornais madrileños (“hay que esperar los juicios de la prensa madrileña para saber los juicios de la prensa gallega”).
· Dominio no estilo xornalístico do “verbalismo huero” e da mediocridade: “El periodismo lleva aquí al adocenamiento”.
· Rexeitamento a todo o que é novo e moderno, imposición dos xornalistas vellos: “siguen considerando maestros de periodismo a fósiles de la pluma”.
· Falta de personalidade e de carácter no xornalismo galego: “Tener personalidad en Galicia es lo peor que puede ocurrir a quien aspire a vivir del periodismo. (...) La elocuencia del lugar común y la ductilidad del léxico al servicio de los intereses creados son las principales bases para el éxito del periodista gallego”.
Galería de personaxes de hoxe
(Andoliña venres 24 marzo)
Velaí unha galería de personaxes de hoxe. O primeiro deles é un home brután, machista, que cuspe un taco tras doutro mentres corta anacos de xamón entre berros. O segundo, un mozo que é consumidor de sexo impulsivo, incapaz de controlarse, curtiño de entendedeiras e ao que lle sae mal todo aquilo no que se mete. O terceiro dos nosos convidados vai de chulangueiro que presume do seu dominio coas mulleres, que, por outra parte, se burlan del canto queren. O cuarto, un home indeciso, incapaz de seguir a velocidade mental da súa compañeira, que pasa os días no psicólogo consultando os seus múltiples problemas emocionais. O quinto, un froiteiro de longos mostachos, que só pensa en explotar aos traballadores e estafar os clientes, ademais de ser racista contumaz e odiar aos inmigrantes...
A lista podería seguir con outros 30 personaxes máis: vostedes recoñecerían varios arquetipos masculinos en populares series de televisión actuais. Xa sei que a televisión non é a realidade, pero... Para moita xente a TV si é un espello da sociedade. Polo que resulta inevitábel preguntar: Todos os guionistas deste país son mulleres a exercer algunha demorada vinganza polos agravios doutrora?
UNIVERSITARIOS, A FUE DE COMPOSTELA
(Andoliña xoves 23 marzo)
Hai períodos na historia especialmente dinámicos e por iso atractivos para os historiadores: velaí os anos 30, aínda que aquela arela de esperanza rematase nun dramático asolagamento de sangue. Pouco antes da Segunda República os estudantes de Compostela máis ideoloxizados xa berraban “¡Viva Unamuno!” e loitaban contra a dictadura de Primo de Rivera. Logo fixeron campaña para galeguizar a Universidade e en pro dunha escola laica e pública. Moitos eran poetas, escribían sobre a música galega, estudaban a Galiza medieval e se apaixonaban coa figura de Prisciliano. Ese era o espírito daquel tempo.
Toda esa experiencia quedou plasmada na revista “Universitarios” (1932-1933), a revista da Federación Universitaria Escolar (FUE), reeditada hai uns meses polo Centro Ramón Piñeiro, e que dirixía daquela o mozo galeguista Francisco Fernández del Riego. Pero aí estaban tamén Luís Seoane e Carlos Maside coas súas magníficas ilustracións, e Ricardo Carballo Calero, Arturo Cuadrado, Fermín Bouza Brey, Xosé Outeiro Espasandín, Antonio Fraguas, Xurxo Lourenzo, Carlos Martínez Barbeito e moitos outros nomes: outra xeración de luxo da nosa historia cultural, sen dúbida. (Debuxo de Luís Seoane na portada do n.2, o último, desta revista).