
Da presenza galega en América, hoxe
Afonso Vázquez Monxardín fala no seu Camiño do Vao de hoxe (galicia hoxe) da presenza galega en América, da súa diversidade ideolóxica, do seu aproveitamento electoral ata o presente e dalgunhas posíbeis medidas a tomar para revitalizar aquel mundo. Velaí o remate do seu artigo:
E sobre o panorama da diversidade ideolóxica que existía, e cunhas crecentes necesidades comúns por envellecemento de poboación e decaemento económico do país de acollida, as forzas políticas españolas -e galegas, por suposto- foron incapaces de deseñar entre todas unha auténtica política de estado sobre o tema emigratorio (asistencia, nacionalidade, cultura, etc.) e xogouse con eles só no tema electoral, tentando todas as forzas arrecadar os seus votos, e impóndolles unha responsabilidade absolutamente inxusta e desproporcionada, a través da obriga de tomar decisións políticas sobre os niveis locais, autonómicos e estatais, dun país que deixaran había décadas e que apenas coñecían na súa realidade actual.
Ata o momento de hoxe, os sucesivos gobernos galegos, apoiáronse alá en quen os apoiaba, e, certamente, naquelas oficinas era difícil establecer separacións entre funcións administrativas e políticas, de xeito que parecía que só uns monopolizaban o contacto coa administración galega.
O ideal sería que o novo goberno galego non cambiase de "socios" senón de política. A Xunta de Galicia podía comprar, por exemplo, o antigo Centro Ourensán -enfronte do Centro Galego e con grande carga simbólica- e facer unha oficina de representación política institucional en terreo neutral, de actuación administrativa, de información económica, turística, de centro de exposicións, de recepcións, de estancia de viaxeiros da administración galega, etc. e que, xunto cun pequeno núcleo de funcionarios de aquí, promovese a execución de políticas deseñadas co máximo consenso a ambas beiras do mar, entre as sociedades, dándolle preferencia, obviamente, ás máis representativas. Cómpre proxectar máis Galicia e menos interese electoral. ¿Será posible? (Imaxe do pintor Sucasas)