5 feb 2010

Adolf(o) Domínguez, "Arbeit mach frei"
En Auschwitz podíase ler o lema 'Arbeit mach frei', dito en romance galego 'O traballo faravos libres'.
FRAN P. LORENZO
Galicia Hoxe, 04.02.2010


Na diatriba ultraliberal e meritocrátrica de Adolf(o) Domínguez –onte no Forum Europa Tribuna Galicia, celebrado en Santiago–, botei en falta algunha referencia a Lenni Riefenstahl, a realizadora alemá que filmou, en 1935, a moi impactante e sublime película Triumph des Willens (O triunfo da vontade). O triunfo da vontade é, ademais da crónica en imaxes do congreso do Partido Nacionalsocialista, celebrado en Nüremberg en 1934, a icona visual do nazismo, un filme propagandístico, encargado polo propio Adolf Hitler. O Führer fica alí retratado na súa paroxística grandeza, sempre nun contrapicado que enxalza o seu poder sobre a masa entregada, primeiros planos de nenos arios que sorrín no colo das súas nais e hordas uniformadas nas que se dilúe o individuo até desparecer. Para o mal da humanidade, para vergoña de todos os futuros, aquel esperpento ideolóxico cristalizou nunha constelación de pequenos infernos, os campos de concentración e de exterminio. Na boca dun deses pozos do horror, en Auschwitz, podíase ler o tétrico lema Arbeit mach frei, dito en romance galego O traballo faravos libres.
En decembro pasado alguén roubou o rótulo –duns cinco metros de lonxitude e cincuenta quilos de peso– e marchou con el, despois de arrastralo pola neve. O letreiro foi recuperado fisicamente pero estou certo de que onte, á vista das palabras de Adolf(o) Domínguez no Forum Europa, moitas e moitos deron en pensar que o modisto ourensán subtraera a alma desa consigna para gravala na porta das súas fábricas e talleres deslocalizados, como reclamo comercial das rebaixas ou para estampala nunha serie de camisetas de U: El trabajo os hará libres.
Como confío bastante na calidade do zume de laranxa que serven no Hostal dos Reis Católicos, conclúo que a alocución de Adolf(o) Domínguez –as peticións desaforadas de despedimento libre e sen trabas, a chamada ao anticipo electoral urxente, a súa cínica defensa do empresariado aniquilador e o denigrante retrato que fai das relacións laborais en tempos de crise– responde a algo máis intrínseco. Algo estraño, inapreixábel, definitivamente escuro, poida que xenial, que se cifra en opcións estéticas de difícil comprensión: o estilismo capilar das súas sobrecellas ou os exquisitos modelos de temporada para cans e mascotas burguesas.
Poida tamén que eu estea cheo de prexuízos. Iso seguro. Que me empeñe en defender conquistas sociais máis propias doutra era e que, de maneira inxenua, aínda me indigne pola explotación dos traballadores –unha das bases máis sólidas para o crecemento do sector téxtil, iso debería sabelo el–. Esa mala educación miña, tan tendente á paridade entre as persoas –vaia peste a igualdade, vaia delirio!–, é a que me impide deglutir con boa cara a defensa do mérito de Adolf(o) Domínguez, que converte o traballador en man de obra escrava e sen dereitos e que parcela a sociedade nun práctico e bipolar sistema de castes: capaces e incapaces, triunfadores e desposuídos, emprendedores e vagos/chupópteros, superdotados e parvos, empresarios/mesías e escoura obreira con baixa por depresión, que cada día debe gañar o seu dereito a permanecer. O triunfo da vontade, nin máis nin menos. O imperio dos mellores, a aristocracia da raza, versión polígono industrial ourensán. A valentía moral do subvencionado, o mesianismo dun mesías que ninguén agardaba e que un día decidiu resolver a crise económica con métodos que evocan a Solución Final do seu tocaio Adolf, pero en versión prêt-à-porter.
franpl@galicia-hoxe.com