8 oct. 2007


O GALEGO DE LIDIA SENRA
La Región 8 outubro
Coidar o idioma. Falabamos no meu blog (As uvas na solaina) da despedida de Lidia Senra, a brillante secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, que deixa o despois de dezaoito anos de loita. Alguén subliñou con acerto o seu fermosísimo galego, nacido das máis fondas raíces do país: engadiu ademais que lle gustaría ter a súa fonética, con vocais átonas, tónicas e nasalizadas, lonxe do galego “de granxa señoritinga”. Outra voz, moi ben ilustrada, anotou que, sen dubidar da excelente pronuncia de Lidia Senra, todas as demais son igualmente galegas. E amosou o seu temor a que unha rixidez a este respecto “impida que calquera poida achegarse ó galego oral con total liberdade. En español, a ninguén lle loan a súa pronuncia, porque todo vale. E nos outros idiomas igual. Se pronuncio un galego de rúa asfaltada urbanita, non podo falar galego?”. Outro amigo, filólogo de profesión, interveu con sentido común: “O caso é falar, benvido sexa, cunha gran aperta, aquel que fale o galego que poida e saiba. Con todo, o modelo existe (é ben que exista) e o diferencial fonético tamén; no caso do galego, coa existencia de factores especialmente interferentes, cobra importancia particular, iso si, máis sentida por uns ca por outros. Tamén os andaluces tenden aínda moito a evitar o seseo en contexto formal, tal a misa ou o Parlamento; non digamos a aspiración do ese implosivo.”
O diálogo seguiu e pareceume pertinente amosar este pequeno exemplo ós lectores deste xornal. Ó remate houbo varias conclusións cifradas na necesidade dunha norma fixa para a escrita (para entendérmonos nunha coiné convencional); na relevancia de conservar a nosa propia fonética, empezando polo vocalismo de sete vocais, para fortalecer o propio sistema lingüístico e, finalmente, na necesidade de ser ó tempo coidadosos co idioma e respectuosos cos novos falantes que se incorporan ó mesmo. Como indicaba un dos participantes, ás veces planifícanse campañas que fan recaer os problemas do galego só na falta de interese dos falantes ou na escasa vontade dos individuos, o cal tamén pode resultar contraproducente.
Monarquía. Fálase de acoso á monarquía e énchense con este tema páxinas dos xornais. Dende os inicios da transición sempre houbo grupellos radicais a queimar bandeiras ou fotografías. Agora o novidoso é que algúns medios constitúen en altofalantes dos mesmos: xornais, emisoras de radio, ata tertulianos dos programas de corazón. Ten toda a razón o socialista Manuel Chaves cando indica que o que máis pode danar a Monarquía son algúns editoriais, títulos e faladoiros. A apropiación da idea de España como pertenza de seu leva a algúns sectores a erixirse en intérpretes do que debe ser España e a monarquía e do que cabe ou non na democracia. Nese camiño pásase da loita lexítima entre forzas políticas a deslexitimar o propio sistema democrático: un camiño que na maioría dos países europeos é o que seguiron sempre as forzas de extrema dereita. (Foto: Andrea Costas)