13 ene 2008

"As mellores pintadas son as dos ácratas"
Esta semana, na contraportada de A Nosa Terra, publícase unha entrevista con este cronista a propósito da serie que sobre as pintadas apareceu neste blog (en nove entregas). A entrevista é de Horacio Vixiande e a foto, sacada un moi frío día de decembro na Praza de Abastos ourensá, de Paco Vilabarros (creo que a entrevista non está na rede; se lles interesa, terán que buscar o xornal en papel).

aRRAIAnos

Chega no correo o último número da revista ARRAIANOS, de xaneiro do 2008, dirixida por Aser Álvarez e con Lois Codias como coordenador. Quero sublimar, en primeiro lugar, a beleza do novo formato, editada agora por Alvarellos: a portadfa é de Xacobe Neto sobre unha fotografía de M. Sendón.
O tema monográfico do número é a vida nas aldeas. Artigos de Tomás Lijó (Caciques e cacicados. A teoría inconsistente), Xosé M. Pereiro (Caciques os de antes), Augusto Pérez Alberti (O abandono do mundo rural), Pedro de Llano (unha nova paisaxe para un vello país), Francisco Sineiro, Plácido Lizancos, Américo Rodríguez, Felipe Castro Pérez, etc.
Na parte literaria e antropológica unha escolma excleente das letras galegas de hoxe, dende Bieito Iglesias e Anxo Angueira a Chus Pato, Fernández Naval, Rábade Paredes, Emilio Araúxo, Marcial Gondar, José R. Cruz, Elvira Riveiro Tobío, Daniel Salgado, Xavier Queipo, Séchu Sende, Manuel Veiga, entre outros.
Completa o número un magnífico ronsel de libros, entre os que figuran críticas de “Ferrín e outras historias” de Santiago Lamas (do que se falou abondo nesta casa) e da miña edición de “Teoría de Galicia: artigos esquecidos en Vida Gallega, 1926-1963” (Ed. Alvarellos), con palabras gabanciosas nos dous casos (graciñas a Mª Teresa Araúxo García polo que me toca).
En fin, unha revista de alta dignidade e densidade nacida nas terras arraianas. Noraboa.

Otero Pedrayo (2): ucronía.
Pan por Pan domingo 13 xaneiro

Mantívose Otero na disciplina do Partido Galeguista, no partido de Castelao e Bóveda. Aínda que non lle gustaba a alianza coa esquerda no Frente Popular, díxoo moi claro na IV asemblea do partido, abril do 35 en Compostela. Supoño que a Otero non lle chiscaba, como deixou escrito Risco, acudir a mitins nos que se erguía o puño e se berraba “Viva Rusia” e “Viva Stalin”. Fagamos, só por unha vez, historia ficción, ucronía. Imaxinemos que os fascistas non toman as armas e Galicia asume a súa autonomía en 1936. Empeza un novo camiño. Que faría Otero? Nos seus artigos deses días, Otero di que a el non lle interesa galeguizar a “invasión marxista”. Que iso ía contra “o ser inmorredoiro de Galicia”. E que, aprobado o Estatuto, o PG debía recuperar a súa alma. Existía xa a Dereita Galeguista, a de Risco e Filgueira. Nunha Galicia soberana, sería ese o lugar de Otero?



Cen anos de historia cultural
1990: narrativa de xénero
13.01.2008

A narrativa do ano 1990 foi abondosa en libros e xéneros e tamén en calidade. A narrativa de xénero semellaba chantar raíces no país, sobre todo no xénero policíaco e nas historias de aventuras. Xavier Alcalá, nesta liña de novela de aventuras, mesmo nos abafantes ambientes tropicais, publicaba Cárcere verde. Falábase moito daquela da pegada do realismo sucio e do apoxeo da novela negra: Ambulancia, de Suso de Toro, que se ten definido como novela negra sen detectives nin policías (S.Gaspar); Non hai misericordia, do seu irmán Xelís de Toro, que mereceu o primeiro premio de narrativa Cidade de Lugo; Os ollos da noite, de Ramón Caride; e Sangue sobre a neve, de Manuel Forcadela. E seguíase a falar do premio Blanco Amor 1989 (O crime da rúa da moeda vella, de Román Raña). No territorio do relato breve foi recibido con entusiasmo polo público e crítica Un millón de vacas, de Manuel Rivas, e Xosé Miranda gañaba a segunda edición do premio García Barros de novela con Historia dun paraugas azul. Das mesmas datas son Ártico, de Xavier Queipo; Riosil, de Valentín Carrera; e dúas obras das que se subliñou o sutil emprego do humor: As baleas de Eduardo Reinoso, de Afonso Álvarez Cáccamo, e Quando o sol arde na noite, de Joel Gómez. Ademais, Xerais reeditaba Caixón desastre (1983) de Suso de Toro e mantiña entre os libros máis vendidos Land rover, do mesmo autor. Darío Xohán Cabana daba a coñecer a súa novela Fortunato de Trasmundi, finalista do Blanco Amor, e o poeta Manuel Forcadela achegábase á narrativa con Paisaxe con muller con barco, premio García Barros, novela complexa e culturalista na que se teñen apuntado ecos oterianos. Galaxia editaba Terra coutada, novela de Antonio Fernández Pérez, mestre da comarca verinense exiliado na Arxentina, unha obra escrita no 1950 e de raíz autobiográfica, que non se publicou ata 1990, con limiar de Otero Pedrayo. Artusa era a contribución do narrador Lois Diéguez, nunha obra de personaxes infantís inseridos no Lugo romano.
Nas letras xuvenís e infantís citemos cando menos títulos como As aventuras de Breogán Folgueira, de Darío Xohán Cabana; O talismán dos druídas, de Pepe Carballude; O buzón dos nenos, de Úrsula Heínze; As flores radioactivas, no rexistro da ciencia-ficción, de Agustín Fernández Paz, e A rota dos adeuses, de Luís Rei Núñez. Pola súa banda Luisa Castro publicaba en castelán a súa primeira novela, El somier.
Edicións Xerais quixo impulsar o novo xénero da narrativa erótica cos dous volumes de Contos eróticos. Eles/ Elas, que con todo non tivo logo continuidade. Entre os ­autores estaban Manuel Rivas, Luisa Castro, Helena Villar, Antonio R. López, Bieito Iglesias, Xela Arias e Manuel Guede. Na poesía, o concello de Noia recuperaba o poemario de María Mariño, Verba que comeza, nunca fermosa edición con debuxos de Reimundo Patiño e co limiar que lle fixera Otero Pedrayo no 1960. Fiz Vergara Vilariño daba a coñecer o volume Nos eidos da bremanza, nunha liña de poesía intimista e da paisaxe. Miguel Anxo Fernán-Vello vía recollida a súa poesía nunha escolma en castelán preparada por Luciano Rodríguez, La raíz poseída (Ed. Olifante). Deste ano é o segundo libro de Antonio Rodríguez López, Manual de masoquistas, breves textos en prosa poética inzados de ironía, lirismo e mesmo o melodrama e a parábola. Outros volumes de poesía do 1990 foron Ningún cisne, de Manuel Rivas, premio Leliadoura, tamén a xogar entre o humor e a ironía como elementos distanciadores; Banquete, de Lino Braxe; Labirinto de inverno, de Fermín Bouza; e O mar perdido, de Manuel Xosé Neira.
Clásicos en galego. Para a normalización cultural e editorial do país, foi unha gran nova o nacemento, no 1990, da colección Clásicos en Galego, publicada pola Xunta, que tivo entre os seus primeiros títulos as traduccións de O Cantar de Roldán (versión de Camilo Flores), das Elexías de Tíbulo (por Xosé A. García Cotarelo) e de varias pezas dramáticas de Shakespeare, da man de Miguel Pérez Romero. Ademais, o Consello da Cultura Galega publicaba a Ilíada, de Homero, na tradución galega do profesor Evaristo de Sela. Outra nova cultural do ano foi a aparición, despois das dúbidas sobre a súa existencia, de Las tinieblas de Occidente, de Vicente Risco, publicada por Sotelo Blanco cun estudo de Manuel Outeiriño. A revista Grial dedicaba un monográfico (n. 107) ós problemas da lingua galega e Luís Rei Núñez, no ronsel de Víctor Freixanes, entrevistaba a doce galegos do mundo cultural en Oficio de escribir: Fole, Ramón Piñeiro, Del Riego, Novoneyra, Ferrín e Casares eran algúns dos escollidos. Na Coruña eran moi seguidas as tertulias dos xoves da A.C. O Facho e en Ourense nacía o Clube Cultural Alexandre Bóveda, que entre as primeiras actividades tivo un ciclo sobre Galicia en Europa.