emigración e identidade.
Pan por Pan domingo 11 novembro. A caricatura de R. Villares é da autoría de Fausto.
Máis de 300 persoas onte en Auria no I Encontro Galego de Programas Universitarios para Persoas Maiores. Xuntas para falar dos seus problemas e para escoitar a Ramón Villares, que lles falou da Emigración e a Identidade. Con rigor, fina sensibilidade, unhas pingas de humor e retranca. Os asistentes aplaudiron con entusiasmo. Antes, o presidente do Consello da Cultura Galega desmontou uns cantos tópicos sobre a imaxe estereotipada de fracaso e maldición da emigración, en parte forxada polos galeguistas. E explicou como aló da outra banda do mar reconstruíron a súa identidade e sociedade de orixe. Por exemplo, coa análise do xantar nunha romaría habaneira de 1916: xamón de San Simón, embuchado da Serra, queixo de Lanzós, rabanos de Santa Baia, polo de Vilalba, patacas de Distriz, leitugas de Belesar, etc. Ata pan da Julia do Lagüelo: a comida, firme sinal de identidade.
P.S.: Foi unha conferencia magnífica, como aquí se indica. Deume por tomar apuntes e recollína case toda, co máximo detalle. Cando teña tempo procurarei verquela aquí, que dende logo paga a pena. No resto do día varios amigos ourensáns compartimos toda a xornada con Villares e a súa dona Berta, tamén estaba connosco Clotilde Iglesias, a filla do mítico "Tacholas". Sacamos unhas cantas fotos e, se nolas manda Monxardín, algunhas acabarán aquí tamén.