7 ene. 2009


CENTENARIO DE DARWIN

DARWIN FÓRA DAS ESCOLAS. ANDOLIÑA xoves 12 febreiro 2004.
Hoxe celébrase o Día de Darwin que convoca a científicos, antropólogos e estudosos de todo o mundo no 195 aniversario do seu nacemento na localidade británica de Shrewsbuy. Para conmemorar o evento programáronse actos en varias universidades de Inglaterra e Estados Unidos. Neste último caso téñeno máis difícil: hai aínda cinco estados norteamericanos –Georgia, Kansas, Kentucky, Oklahoma e Virxinia do Oeste- que poñen en dúbida nas escolas as teorías do pai do evolucionismo e só admiten a interpretación literal da Biblia. É a América “involucionista”, baixo o pulo da ultradereita relixiosa que logrou que, neses estados, case un 60 por cento da poboación afirme como crible a explicación bíblica da creación, fronte ao 9 por cento que se inclinou pola teoría da evolución (o resto ve ámbalas dúas como compatibles). Debe ser un espectáculo un profesor de Ciencias explicando a orixe do home e rebatindo a Darwin: gustaríame velo.
Por certo, tamén en Santiago de Compostela algún docente foi perseguido e expulsado por querer levar as teorías de Darwin ás aulas. O profesor Xesús Alonso Montero publicou hai anos un traballo en “Los Cuadernos del Norte” sobre a persecución do darwinismo en Galiza. O rector compostelán presumía a finais do século XIX de que na biblioteca da súa Universidade nunca entrara unha soia obra de Darwin. Pero todo iso sucedía hai máis de cen anos. Mira ti por onde levámoslle un século de distancia a Georgia ...

Dedicada a Pepe Trebolle

Como non! A quen íamos dedicar esta fermosa imaxe dunha Baiona das lembranzas, enviada polo amigo XGT., senón a Pepe Trebolle e á súa dona?

Zapping.
PAN POR PAN mércores 7 xaneiro.
Imaxe, Christine Dumbsky.
Está claro que a Televisión ten outras linguaxes, outros medios e outras teimas. Por, exemplo, nos últimos tempos, a obsesión pola neve. Cada dez minutos sae un reporteiro dalgún programa nun pobo asolagado pola neve, entrevistando a algún paisano aterecido: é como se os xornais titulasen todos os días NEVA E SEGUE NEVANDO en letras grandes. A TV domina moi ben a linguaxe fragmentaria, a mensaxe rápida, breve e pouco substanciosa.
Velaí os múltiples programas de zapping con contidos morbosos ou escatolóxicos, curiosidades de bichos e animais, batacazos e choques de coches ou motos e algunha desgraza, ademais de artistas aspirantes a un record Guinness. Con todo ese barullo faise unha televisión fácil, tantas veces repetitiva e, sobre todo, barata. Co auxilio ademais de Youtube onde hai un catálogo millonario de chorradas diversas para copiar e difundir na pantalla de TV.