19 dic 2006


Galería Marisa Marimón (Ourense)

E esta é a magnífica "Collage", tal é o seu título, coa cal a galerista Marisa Marimón se lembra dos seus amigos/as (enviada por correo electrónico, non consta o artista ou artistas que asinan tan orixinal traballo).


Dende Catalunya

Esta chegou polo correo normal dende Catalunya, do amigo Joaquim Ventura e a súa compañeira Conchi. Está redactada en tres idiomas (castelán, galego e catalán); en catalán di así:

Amb el nostre desig d' unes bones festes
i un 2007 profitós i en pau
Fundación Otero Pedrayo
Esta é a tarxeta de nadal que manda Víctor Freixanes, en nome da Fundación Otero Pedrayo de Trasalba, con ese debuxo e a letra minuciosa, redondiña e barroca de don Ramón Otero Pedrayo.

Tarxetas de Bo Nadal e Aninovo
Colgarei aquí algunhas das tarxetas de nadal máis fermosas ou interesantes que me están chegando: xa inicie a serie coa magnífica viñeta de Xaquín Marín.
Esta, dunha beleza tan contida como exótica, é a que envía Francisco González Bouzán, director do Centro Cultural Simeón de Ourense, e reproduce unha obra dun artista do Iraq, Thurata Baqsami.

O tren que me leva…
Pan por Pan martes 19 decembro

Así cantaba o inesquecible Andrés Dobarro: “O tren que me leva, / pola beira do Miño…”. E non foi o único que cantou o tren. O ferrocarril foi presenza constante na música, nas artes plásticas, na literatura e no cine dos nosos tempos modernos. Acabou por converterse na máxima icona da modernidade. Por iso foi moi oportuna a decisión de dedicar un libro ó tren e ás letras, como o que coordinou Maribel Outeiriño, que presentamos onte no Liceo: “Ourense, 31 marzo 1881, 18:00 h.”.
Autores como Curros Enríquez, Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Eduardo Blanco Amor, Julio Camba, Rafael Dieste, Wenceslao Fernández Flórez, Antón Tovar, Luis Lamas (Carlos Casares), entre outros, fixeron literatura cos camiños de ferro. Para uns foi símbolo de aventura, para outros de amor familiar, outros vírono con humor e simpatía. Con emoción en todos os casos.
(P.S.: eu encargueime da selección de textos e o libro, moi ben editado, vai acompañado con abundantes fotografías da colección de miniaturas Fernández Pacheco que se exhibe de xeito permanente na Deputación de Ourense).