16 sept 2008

O embaixador estadounidense en Bolivia, X.M. Sarille, ECG 16-9-08

É cousa sabida, case de libro de texto, que antes de Evo Morales a Embaixada dos Estados Unidos posuía a prebenda de nomear os ministros de Defensa e de Goberno. Este privilexio agora desaparecido é unha boa razón para descubrir as cualidades de Philip Goldberg, o embaixador expulsado o outro día. Os perfís dos diplomáticos son sempre determinantes para a diplomacia estadounidense.
Goldberg estivo destinado en Iugoslavia, desde o comezo da guerra civil. Máis tarde, entre o 94 e o 96, foi enviado a Bosnia polo Departamento de Estado, nos meses anteriores a que os separatistas albaneses fixesen estalar o novo conflito. Actuou tamén como asistente especial do embaixador Richard Holdbrooke, un dos enxeñeiros da desintegración iugoslava, e aínda volveu á capital de Kósovo en 2004, antes da separación de Serbia e Montenegro.
Paga a pena volver ver "Estado de Sitio". É un filme de Costa-Gavras que narra a pura realidade. Nel un técnico estadounidense destinado para o Uruguai en 1973, aparentemente coa misión de axudar ao progreso social, é o encargado de organizar escuadróns da morte, formar a policía e crear dentro dela grupos sen control institucional, baixo a súa obediencia. Cambiaron algo as cousas; agora a nova estratexia en América Latina, alá onde é posíbel, consiste en crear e incentivar as condicións para a revolta de provincias e rexións ricas contra os poderes democráticos correspondentes. Pretenden estender esa estratexia a Ecuador, Venezuela e Guatemala. Por iso Goldberg se reunía cos gobernadores da Media Luna, que controlan tamén os grupos da extrema dereita de ascendencia ideolóxica fascista e nazi.
Bolivia parécese moito á vella Suráfrica. Nos anos cincuenta do século vinte aos escravos chamábanlles pongos (un pongo é un orangután) e estaban á venda. Foron legalmente prohibidos en 1952, mais continuaron comerciando con eles. Até 1951, os indios non tiñan dereito a voto, nin a andar polas beirarrúas. E segue habendo escravos en facendas da zona oriental. A Evo Morales nunca lle perdoarán que o seu pobo veña de tan abaixo e que por riba abrigue unha alta civilización.

Cando os xirasoles se murchaban
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 16-9-08
(a foto de Martiño Rivas vai dedicada ás posibles lectoras mozas, que algunha haberá...)

O outro día fun ver, claro, ‘Los girasoles ciegos’. Eu, coma todos, buscaba nos extras e figurantes a coñecidos. E coma todos, non vin a ningún. Entre Salvador -Raul Arévalo-, Maribel Verdú e Cámara enchen a pantalla. Só por xenerosidade e simpatía dese ourensán que é Cuerda xa -pode ir escollendo entre Corda ou Sedeño- grazas a el, a cidade aparece como fermoso telón de fondo, incluso co inhabitual detalle de sinalar explicitamente a localización nun texto ao comezo.E logo do cine, cunha cervexa na terraza sobre o río, xulguei a presenza do Cara al Sol no filme excesiva, e pensei nas veces que eu o cantara. Bastantes, por certo. Creo que os nacidos en 1960 e incluso algúns dos anos inmediatamente seguintes que estudamos no Curros Enríquez fomos os últimos en entoalo de forma regular. (...)
O artigo completo

Tertulias televisivas.
Pan por pan 16-9-08, La Región.

As miserias do xornalismo foi o tema central do meu artigo longo do luns. Pero non collen todas as miserias en corenta e pico liñas e por iso insisto. Que me din dos faladoiros das TV? Lembran vostedes os programas de “La Clave” de Balbín, con debates educados, interesantes e ben argumentados? Xa non hai nada semellante. Hoxe o formato televisivo esixe personaxes mediáticos, canto máis frikis mellor, que berren moito e non deixen falar ós outros. E que insulten a cotío. E que sexan agresivos nas súas formas. Se son políticos, hai ou había un programa que lles decapitaban o micrófono, como a María Antonieta, para que non se “enrollasen” demasiado. En “La Clave” hai anos podíase organizar un debate sobre o marxismo ou calquera tema serio de actualidade. A maioría dos conterulios de hoxe precisarían do Google para esculcar primeiro quen foi ese tal Karl H. Marx.

MISERIAS DUN OFICIO (1)
Andoliña martes 16-9-08

Do xornalismo falo, esa profesión tan fermosa como difícil e polémica. Esoutro día Gabriel García Márquez dicía que sufría cada vez que lía os xornais polo futuro deste oficio: supoño que o Nobel colombiano non se refería nese momento á prensa española, así que o problema é xeral, planetario supoño. Volvamos á nosa contorna. Algún día estudarase coa perspectiva da distancia temporal o xornalismo que se fai neste momento. Ignoro se daquela se considerará periodismo o que vimos estes días. Por exemplo, nunha cadea televisiva, as declaracións dunha señora, por chamarlle algo, que defende ó seu mozo, preso por deixar case morto a outro home. Este home, o profesor Neira, hoxe en coma, saíu en defensa da moza maltratada e agredida polo seu mozo, pero esta non llo vai agradecer, ben se ve.
Pola contra, esta “señora” asume xa o papel da gran mala do espectáculo mediático que, polo de agora, cobra cifras suculentas por aparecer nos medios. Sen coller colores nas meixelas, para nada. Terá futuro na súa nova andaina? Nunca se sabe. De momento asegura audiencias millonarias e iso ten o seu valor nunha sociedade de mercado descarnada como esta. Unha perversión do xornalismo, velaí.