Imaxe tomada de
http://saltonline.com.ar/salto/images/mu_casariego01.jpgSobre o 1950
Remata o curso e o Colexio Fingoi ten festa; no patio aberto, alumnos e profesores pululan con bastante animación.
Onda o valado exterior, algo arredados, un grupo de nenos populares contempla a escena -cores, tecidos, caras e actos- ben diferente ao seu hábito cotián. Veos Antón de Marcos -propietario do centro-, vai onda o Director e demanda (ou suxire) que os rapaces de Fingoi e Magoi sexan admitidos ao espectáculo. Don Ricardo permite o achegamento ata a parte de aló da cerca.
Dentro, as rapazas dispóñense para danzar metidas nos traxes. Fóra, o Paquiño pensa: “Que guapas!”.
Polo 1966
Na ribeira dereita, o Clube Fluvial ocupa algúns hectómetros do Miño. Un caneiro delimita algo así coma piscina; ao longo da veiga hai espazo para pic-nic; máis aló do edificio, zona de tenis, xogos de pelota e piragüísmo.
Coarse nas instalacións é empeño asumido gozosamente por un número variable de mozos que non son socios; impedilo, esforzo que lles vai no salario aos empregados. Pero hoxe, 29 de xuño, é especial: no San Pedro, o Clube franquea portas e convida a unha xornada de usufruto. Vai calor e está ateigado.
1968, quizá
Detrás do muro pola Ronda, salvando a portaría na rúa López Pérez, o Colexio Marista posúe unha grande área de deporte. Tres ou catro foráneos entran pola tarde xogar ao baloncesto, é a primeira vez e disimulan entre tanto rapaz facendo o propio.
Unha segunda ou terceira, porén, deficiente ratio aro/encestadores, inevitable falta de quen os xulgue compañeiros, certa rivalidade con efecto permanente definen intrusismo e desbotan acollida. Dáse un intento oral de expulsión por iguais, os alleos resisten; é chamada a autoridade.
Chega o Hermano Tomás e demanda adscrición; que do Instituto, recoñece Manel. Afablemente, o marista declara moita amizade co señor Rábade, patentiza o incomodo nunha instalación que -di- xa non chega para os do colexio e autoriza, sempre amable, a seguir xogando.
O Manel dilles aos seus que teñen que vir menos. De feito, nunca han volver.
Contra o 1970
Na rúa do Conde Pallares, un dos pazos ten na planta baixa a coñecida e diocesá imprenta-libraría “La Voz de la Verdad”. No portal de a carón hai placa en material nobre que alude ao primeiro andar e pasa máis desapercibida: “Casino de Lugo”.
Moitísimo lugués da rúa, será a gran maioría, ignora o que hai alí dentro; ende ben ou ende mal, case todo o mundo ha carecer de dato e ansia sobre posibles feitos e faceres. O fillo dun director bancario explica: poucos membros, criterio de admisión notablemente selectivo. A sociedade escolma, e non escolma pouco.
Rodrigo di, por outra banda, que estivo no último baile de disfraces e resultou altamente divertido, moi ben o pasara. Xente falangueira e descontraída, entre eles.
O Círculo das Artes
Sede en lugar de privilexio, é a institución privada máis coñecida e influínte na cidade. Trala porta xiratoria, bo número de socios visitan a cotío salas de billar ou ambigú, soben a escaleira ata a biblioteca-hemeroteca, mandan os vástagos recibir ensinanza artística.
Lugar de realce, unha dependencia interna e espectacular loce con orgullo o nome de Salón Rexio. Madeira boa, metal brillante, dourados, un estilo modernista dotado con boa acústica. Alí son os bailes de gala e outros eventos de relevo, por veces abertos a convenio societario (a Filharmónica non encontraría lugar mellor para os concertos) ou acto con admisión xeral. Os bailes do Círculo conmoven a rutina de familias burguesas e rapaza de estrea. Cando persecución e descreto reducen o Entroido de fóra a lacón e filloas, aqueles salóns seguen acollendo versión elegante da transformación indumentaria; brilla Antonio Penedo, o cronista Rivera Manso -durante anos- relatará as actividades do Círculo baixo o rótulo “Los carnavales de nuestro pueblo”.
Ás veces un entraba con algún socio e, na sesión vespertina do San Froilán, podía escoitar a
Nuestro Pequeño Mundo; ou, achegándose á hemeroteca, follear xornais de cabeceira insólita, repasar lombos de libro trala reixa do andel e albiscar un Sempre en Galiza probablemente inadvertido. Raro era no 71, porén, conseguir acceso libre salvo en día de “rellenos”.
Non se di bingo, si lotaría, hai bólas e bombo. Nas vacacións de Nadal xógase en día corrente no baixo, a tira de papel é barata e o gaño estimable, pero non demasiado alto. Ora, os días sobranceiros (Noiteboa, Anovello) sae caro o cartón e o premio sobe das trinta mil pesetas; membros e alleos acugulan o Salón Rexio cos entresollados, vocéase o número, tenso, tenso, debe estar para caer, fáltanme dous e un “Altooo!” -voz, de gutural e aguda, case rota- decepciona pero acouga. Alguén fixo o día e as festas.
Avanzando a inconformista década, certo día de baile porta e porteiros asisten a un enredo antigaravático. Antonio, fillo de socio, chega co seu carné e un polo de colo alto; non é vestiario admisible. O mozo, que vai presto para a loita, pide emprestado, volve con raquítica chaqueta -mangas deica o antebrazo medio- e garavata anoada sobre o colo de cisne. Os ordenanzas contemplan escépticos, un resolto Antonio abre os brazos, o grupo usual de curiosos parece engrosado. Están para foto.
Os últimos setenta ven no Círculo das Artes moito teatro, concerto, mostra, conferencia ou presentación de acceso libre; será xa dinámica permanente. Decorren máis anos, aumentarán as prazas escolares e festas Fin de Curso. O Casino pechou no 1975. No Colexio dos Maristas, muro pola Ronda, nova e máis alta fachada en López Pérez. O Fluvial ampliou masa social, igual tamén abano; pero os rapaces da Ponte seguen tentando coarse. Os de sempre.