11 mar. 2007

A crispación política non é de agora. Un exemplo.
A un ministro acaban de chamarlle imbécil nunha emisora de radio. Do goberno en pleno dixo onte un señor nunha tertulia radiofónica que estaba composto por terroristas. Hai apenas unha semana, un comentarista de prensa acusaba a Felipe González e a José María Aznar de ser un par de carotas. De Matilde Fernández dise de todo, desde que é unha porteira ata que é unha cochina. A Corcuera recórdanlle como insulto o que simplemente é a súa profesión de electricista. E moito máis.
Na prensa e na radio, especialmente nalgúns periódicos de Madrid, estase perdendo o sentido común; a educación e as boas maneiras hai xa bastante tempo que se perderon. Ignoro se do que se trata é de captar lectores a calquera prezo, aínda vendendo a dignidade profesional para conseguir determinados resultados económicos, ou simplemente é un problema de mala crianza.
Tamén pode ser cuestión de talento. Desde logo, o insulto é máis fácil que o enxeño, a ironía ou o sarcasmo, e a simplificación custa bastante menos que a análise feita con rigor. Todo iso resulta comprensible. O que xa non parece tan doado de entender, en cambio, é que tanta miseria se pretenda vender envolta en fermoso papel de regalo. Case todos aspiran a que disimulemos a súa pobreza intelectual e moral e que os teñamos polos firmes defensores das nosas liberdades. A min que non me defendan.
(Carlos Casares, “Os defensores”, La Voz de Galicia, 10 xuño 1993)

CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1958. NACE O GRUPO BRAIS PINTO.

Nacían os Brais Pinto en Madrid: estaban máis novos que nesta foto dos 90, iso si. Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Fernández Ferreiro, Ramón Lorenzo, Bernardino Graña, Herminio Barreiro, Alexandre Cribeiro, etc.
Ferrín publicaba o seu Percival e outras historias. E Otero Pedrayo os poemas de Bocarribeira. E Fole Pauto do demo. E saía o primeiro tomo do Diccionario do Eladio.
E unha Antoloxía de poetas asturianos, con poesía en bable (en realidade en galego e en bable).

E Franco escoitaba firme o Himno Galego nun acto oficial. E celebrábase o primeiro centenario da morte de Aurelio Aguirre. E saía en Buenos Aires Eufonía.
E morrían Cuevillas, Luís Pimentel, Carlos Maside, Serafín Ferro, José Arriola, Avelino Rodríguez Elías e Sofía Casanova.
E nacían, entre outros, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Forcadela, Arturo Casas, Luis Rei Núñez, Gloria Sánchez, Lois Pereiro, Alfonso Armada, Delmi Álvarez, Miguelanxo Prado, Xulio Ríos, Xosé López, José Luís Gómez, Xavier Villaverde, Luz Casal, Miguel Pernas, Laura Ponte, etc. O artigo remata así: "E o cronista que asina estaserie tampouco lle quere mal a 1958: xa se imaxinan o porqué."
(O artigo completo)

Nova bitácora auriense.
E unha conferencia sobre a nosa historia.

Acaba de abrirse unha nova bitácora auriense especializada en temas de música, baixo o nome de Auriamusical. Segundo se informa na mesma, dará información abundante sobre concertos, discos, etc. e atenderá os actos do 50 aniversario do Conservatorio de Música de Ourense (na foto). Entre os anuncios deses actos figura este que vai embaixo:

"Aproveito a ocasión para lembrar que o vindeiro luns terá lugar a primeira das tres conferencias que, dentro do citado ciclo, están programadas. Estará protagonizada por Marcos Valcárcel, ben coñecido no mundo cultural auriense, e ten por título "Galicia, 1900-1936: unha cultura comprometida coa identidade" (conferencia con Power Point). Celebrarase o luns, 12 de marzo, ás 20:30 no Centro Sociocultural que a Fundación Caixa Galicia ten na rúa de Xoán XVIII".