As outras voces.
Andoliña sábado 13 de decembro.
Seguindo o modelo catalán, Voces Ceibes lanzou a Nova Canción Galega da man de artistas como Miro Casabella, Benedicto, Xavier, Bibiano, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso ou Vicente Araguas. Pero houbo outras voces ás que Xan Fraga dedica un pequeno espazo no seu libro sobre Miro Casabella e a NCG (Galaxia).
Voces que, naquela altura, eran criticadas en certos círculos nacionalistas por facer unha canción máis comercial ou quizais menos comprometida. Lembro que a revista madrigalega Chan lles dedicou moitas reportaxes de promoción. O máis popular de todos foi o Andrés do Barro de O tren e Corpiño xeitoso, recuperado nestes anos dende os blogs e a TVG. Na mesma xeira estaban Xoán Rubia, Jei Noguerol, Xil Ríos, Bernardo Xosé ou Juan Pardo, do que lembro de neno escoitar a súa Andoriña, almorzando no mercado vigués de A Pedra. Algúns tamén se achegaron ó cine con películas musicais.
Pola súa calidade eran máis respectados Amancio Prada, coas súas versións rosalianas, ou Luís Emilio Batallán cantando os versos de Curros. Pero, de certo, todos eles forman parte da historia da música galega: cadaquén coas súas características e peculiaridades.
[Na imaxe revista Chan]
Dende esta casa, e dende La Región, alá por febreiro falabamos dos 40 anos de Voces Ceibes.