FRAGA. O ENSINO. UN MUNDO MULTIPOLAR
La Región 14 xaneiro
Fraga. En televisión, concretamente en Telecinco, Fraga insiste nas súas coñecidas teses a favor do franquismo e afirma que a etapa de Franco sentou as bases para unha España con máis orde. Nada novo. Vivimos tempos de desmemoria: nun debate na televisión local un político do PP di que non hai ninguén no seu partido que se beneficiase do franquismo. Será logo que Fraga Iribarne, ministro de Franco, non existiu como tal? A historia avaliará a súa figura política pero, ata a chegada da democracia, vai encontrar máis sombras que luces. Velaí o Fraga (e o seu ministerio) que censuraba libros: tamén “Los miedos”, de Blanco Amor, e revistas que non eran “rojas” nin separatistas, dende o diario “Madrid” ata algunhas cristiás ou demócratas de todo tipo: a biografía “Fraga, retrato de un fascista” (2001), de Gustavo Luca, está chea de saborosas anécdotas e datos obxectivos que non teñen desperdicio.
Un mundo multipolar. Presentouse o informe 2007 do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (http://www.igadi.org/) e vexo que é optimista: unha memoria dun equipo de expertos, dirixido por Xulio Rios, afirma que as mudanzas en marcha permiten albiscar unha nova etapa na escena internacional na que a procura do compromiso e o recurso á diplomacia tenderán a desprazar a confrontación e o uso da forza militar como vías para abordar os problemas mundiais. Nese mundo multipolar, Rusia recupera parte do seu peso internacional, China está nun rebulir das súas relacións exteriores e América Latina viver un valioso proceso de integración supraestatal. Sería tamén moi positiva, nesa liña, a consolidación da democracia en África e a posible vitoria dos demócratas nas próximas eleccións de Estados Unidos, que favorecería unha política menos agresiva e militarista. Oxala teñan razón os amigos do IGADI. Aínda que as portadas dos diarios sexan a cotío abondo máis pesimistas.