5 sept. 2008

en poleiro alleo (Davila, Faro Vigo 5-9-08)


Burro e couva (Bieito Iglesias, 4-9-08)

Pasei dúas semanas noutra cidade, nunha Donostia solleira herdeira daquela capital da monarquía balnearia de principios do século vinte. Antes dos casinos e traxes de baño ata os artellos, foi refuxio corsario e porto de pescos de baleas, e despois sumouse a ese país vasco industrial de onde nos chegaron as escopetas, as cociñas de ferro e a Lambretta.
Hogano é vila de bo pasar (a crise económica golpea máis ao tixolo mediterráneo), de restaurantes careiros e parques con nenos xogantíns. Malia que a demografía declina como no resto do vello continente, vense moitas parellas con tres cativos que, polo regular, falan en éuscaro.
Será un efecto da democracia cristiá gobernante alí? O caso de Irlanda, coa poboación máis nova de Europa, convida a considerar o poder euxenésico da relixión, pero talvez Euscadi imite países como Holanda ou Dinamarca, pequenos, ricos, modernos e tradicionais a un tempo, nos que a xente cría fillos porque confía no futuro e non sente fatiga da súa identidade.
Hai un dato que afortala esta suposición: os vascos e as vascas fuman de raio. Pensarán vostedes que é por levarlle a contraria ao goberno, cousas dun pobo levantadizo, pero eu creo que borrean por espírito comunitario, porque ven asegurada a continuación das sagas familiares e descoñecen o medo a morrer do individuo insular, empeñado en vivir sempre.
Non viaxei por ver cinema de festival nin por torrar a pelica na praia da Concha, senón para operar a miña nai nunha clínica privada.
Experimentei así os beneficios do capitalismo puro, tan distinto do capitalismo de estado dominante en Galicia e no noso sistema público de saúde, un furúnculo infecto da seguranza social española.
Algún día converxeremos en benestar cos que nos levan anos e cartos de adianto. Cómpre esperar, aínda temos para burro e couva, se me permiten o dito popular que susbtitúe as calendas gregas por asno e hortaliza.
Andrea Camilleri

Veño de lerlle A pensión Eva, traducida en Galaxia hai un par de anos, e gustoume bastante. Hoxe tamén é noticia (Galicia Hoxe):

Camilleri gaña o Premio RBA de novela negra
O escritor, director teatral e guionista italiano Andrea Camilleri (1925) foi o gañador da segunda convocatoria do Premio Internacional de Novela Negra RBA, dotado con 125.000 euros. A obra gañadora titúlase El crimen del Garlasc, primeira novela negra de Camilleri sen a presenza de Salvo Montalbano, o seu entrañable comisario de policía.
"O crime do Garlasco", que adopta desde a súa primeira páxina un enfoque xornalístico, sitúase en gran parte da súa acción na redacción da RAI en Palermo, no despacho do seu director, e a historia relatada está inspirada nun "elemento histórico", segundo sinalou o autor.

"BONANZA"
(e 2).
Andoliña
venres 5 setembro.

Unhas liñas máis sobre "Bonanza", a serie máis vista nos 60 nos Estados Unidos, con millóns de seguidores en todo o mundo. O pai da idea foi o produtor David Dortort que lle propuxo á NBC unha fórmula televisiva en clave western, mesturando os rexistros cómico e dramático. Á fronte da historia Ben Cartwright, o patriarca viúvo tres veces, e os seus fillos de varias nais: o racional e cerebral Adan, o sentimental Hoss e o pequeno e impulsivo Joe: de nenos queriamos sobre todo ó xigantón Hoss, tan inmenso como candoroso; cando morreu en 1972 Dan Blocker, o actor que o interpretaba, a serie sufriu unha fonda crise.
Cales foron as razóns do éxito da historia do rancho A Ponderosa, que marcou a historia da TV entre 1959 e 1973? Foron varias. A construción deses catro personaxes tan diversos, que ofrecían visións plurais da vida e do mundo. Tamén un certo alegato progresista: os bos dos Cartwright sempre en defensa do Ben, contra o racismo ou o maltratamento ás mulleres. Por exemplo, vimos un episodio en que Joe lle abría todo un mundo novo a unha moza xordomuda, aprendéndolle a lingua de signos. E a utilización atinada das paisaxes, como no western clásico, cunha expresa apelación preecolóxica ó respecto á natureza.