10 jul. 2009

Manifesto

Mil firmas apoian xa "Galego. Patrimonio da Humanidade"

Galicia Hoxe, 10.07.2009

O filósofo Antón Baamonde, o escritor Xabier P. Docampo e o editor Manuel Bragado presentan hoxe en Vigo o texto en defensa da lingua

O Salón de actos da Casa Galega da Cultura de Vigo acolle hoxe ás 12:30 horas a presentación do manifesto Galego. Patrimonio da Humanidade, que foi asinado até o momento por máis de 1.200 persoas. En nome dos redactores do documento, intervirán o filósofo Antón Baamonde García, o escritor Xabier P. DoCampo e o editor Manuel Bragado.
A iniciativa, que se pode consultar na web http://galegopatrimoniodahumanidade.blogaliza.org/, quere constituírse en grupo promotor para a elaboración e presentación no Parlamento de Galicia dunha iniciativa lexislativa popular que protexa a oficialidade do idioma galego. "A pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e de supremacía do castelán", asegura o manifesto. O texto deixa claro que o PP "saíu do consenso" mantido durante estes anos arredor da lingua propia, pero advírtelle ao goberno de Núñez Feijóo que "gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia na nosa sociedade e un dos signos da nosa existencia como país".
"O idioma de Galicia é un patrimonio da humanidade que debemos custodiar e garantir como medio de comunicación e de creación", conclúe o manifesto que se insire dentro dunha serie de movementos de apoio social á lingua como a plataforma "Queremos Galego" que está de impulsar a Mesa pola Normalización Lingüística.


O Concello de Ourense homenaxea ó alcalde Manuel Suárez, impulsor da modernización da cidade nos anos trinta, que foi represaliado en 1937

08/07/2009
Foto:EL País.
(Lolita, filla de Manuel Suárez.)

O Concello de Ourense ven de abrir un expediente de honras en recoñecemento á traxectoria persoal e política de Manuel Suárez, o primeiro alcalde socialista da cidade, que foi fusilado o 27 de xullo de 1937 por ser fiel as súas ideas progresistas nas que predominaba unha grande humanidade e unha actitude pacífica. O prazo de presentación para as Adhesións á homenaxe está aberto ata o día 15 de xullo.
O Pleno do Concello de Ourense aprobou por unanimidade abrir un expediente de honras ó alcalde Manuel Suárez. Ata o día 15 de xullo está aberto o prazo de información pública, no que tódalas persoas que estean interesadas poden presentar as súas suxerencias, impresións, propostas de homenaxe e escritos de adhesión a este recoñecemento que o Concello quere rendir a un alcalde que salientou polo seu compromiso social e o seu traballo a prol da modernización da cidade.
Tódolos cidadáns que o desexen poderán presentar escritos de adhesión a esta homenaxe, no Rexistro Municipal do Concello na Praza Maior ou ben nas dependencias municipais ubicadas na Avenida de Santiago número 7.
Coa apertura do expediente de honra ó ex alcalde da Cidade Manuel Suárez Castro culmínase a iniciativa socialista iniciada no mes de xaneiro de 2004 cando se solicitou que se lle adxudicase o seu mone a unha céntrica rúa da cidade, moción que foi aprobada por unaminidade é á que se engadiu a necesidade de rendirlle unha homenaxe máis por considerar que se trata dun xusto recoñecemento a unha persoa que fixo tanto por Ourense.
Cinco anos despois, Manuel Suárez Castro será homenaxeado o día 27 de xullo na cidade pola que traballou como alcalde preocupado por todolos ourensáns á marxe da sua ideoloxía, crenzas ou condición social tal e como queda recollido nas actas plenarias dos anos en que foi concelleiro e naqueles en que estivo á fronte da Alcaldía.
Político comprometido, impulsor da modernización da cidade nos anos 30
O expediente de honra aprobado polo Concello ten como finalidade realizar un recoñecemento público á traxectoria persoal e política de Manuel Suárez Castro (1890-1937). O que fora alcalde de Ourense é unha das figuras políticas máis notorias da historia recente da nosa cidade.
A súa activa militancia política, no partido socialista e sindical, na UXT, o seu ideario democrático e as súas calidades como persoa fixeron del a principal figura do socialismo ourensán dende os primeiros anos da década do 1910, chegando a ser concelleiro, vicepresidente da Deputación e, posteriormente, alcalde de Ourense en 1936.
A súa foi unha vida dedicada á defensa dos dereitos dos traballadores, á loita contra o caciquismo e polo progreso económico, social e democráctico da cidade. Dende os diferentes cargos políticos tanto no Concello como na Deputación efectuou unha política eminentemente social baseada na modernización das infraestruturas e impulsando iniciativas coma o saneamento das principais rúas da cidade, a mellora na calidade de atención dos servicios médicos do hospital, coa achega de medios materiais e persoais ou o desenvolvemento da Escola de Artes e Oficios.
Dende 1931 Manuel Suárez participou activamente nos traballos de constitución da Caixa de Aforros Provincial de Ourense, da que sería un dos fundadores. Tralos acontecementos revolucionarios de outubro de 1934, foi desterrado da cidade en compaña de José Fernández Pérez, tamén concelleiro socialista, ó atribuirénselle as responsabilidades das actuacións dos sectores obreiros da cidade. Recuperarou a acta de concelleiro en febreiro de 1936, pasando a ser alcalde ata os tráxicos acontecementos de xullo de 1936.
Suárez Castro permaneceu en paradoiro descoñecido durante case 7 meses ata que o 16 de febreiro de 1937 é atopado oculto no seu domicilio e detido para serlle incoado un xuízo sumarísimo que tivo lugar no Paraninfo do Instituto Otero Pedrayo, no que lle foi imputado un delito de rebelión militar e foi fusilado.
Un curioso parecido con Los Girasoles Ciegos
Manuel Suárez foi un de tantos outros políticos, intelectuais ou, simplemente, defensores da democracia, que morreron a mans do exército franquista. Escondido durante 7 meses nun caixón de dobre fondo na súa casa a súa historia lémbranos á de Ricardo, da película de José Luis Cuerda Los Girasoles Ciegos: un mestre de escola obrigado a esconderse pola persecución ideolóxica á que se ve sometido. Tanto o libro como a película, rodada en Ourense, reflexan fielmente a situación da época e o terror e a penuria de persoas que, como Manuel Suárez, eran perseguidas polos seus ideais.