12 dic 2006









ANTÓN TOVAR NA UNIVERSIDADE DE ALICANTE

A Universidade de Alicante organizou un pequeno ciclo dedicado á poesía do poeta ourensán Antón Tovar. A iniciativa, que contou co apoio da Xunta de Galicia, partiu do escritor Xavier Carro, profesor na citada Universidade, que conta cun importante grupo de alumnos e alumnas da materia de Literatura Galega e que decidiu dedicar as actividades do ano 2006 ó autor de “Arredores” e “Non”.
O ciclo comezou o pasado 30 de novembro cunha conferencia do profesor Xesús Alonso Montero arredor do tema “Antón Tovar na poesía de posguerra”, quen fixo unha demorada e rigorosa análise da personalidade do escritor ourensán, indicando que se trata dun dos máis relevantes exemplos da poesía comprometida do seu tempo en toda España, como poeta comunista e poeta ateo que reflexiona dende o espazo lírico sobre a súa máis fonda realidade persoal e colectiva.
O miniciclo rematará o próximo xoves 14 de decembro cunha nova conferencia, agora a cargo de Marcos Valcárcel, editor para o PEN Club Galego da Obra Completa en galego do autor de “Calados esconxuros”, co tema “Contextos literarios e culturais que marcaron a obra poética de Antón Tovar”.
Marilar Aleixandre, premio Caixanova; Amancio Liñares, premio Murguía
Vaia dende aquí a miña noraboa para Marilar Aleixandre, que obtivo coa súa obra Mudanzas o
V Premio Caixanova de poesía. E tamén para Amancio Liñares polo seu premio Manuel Murguía de ensaio. Que este espazo sirva tamén para felicitar aos amigos/as (e despois cadaquén que opine o que queira, sen insultos, claro).


Botellón municipal (apoiado polo concello de Ferrol)
Pan por Pan martes 12 decembro
O Concello de Ferrol subvencionará con 23.000 euros unha festa universitaria a celebrar o día 15. Esta festa de estudantes quere “relanzar o ocio nocturno” e anuncia un gran espectáculo con gogós de ambos sexos e actuación de DJs e consumo de alcohol a prezo módico. Ademais, os estudantes deben pagar 5 euros de entrada. Dito doutro xeito (cos datos que teño) un monumental botellón: ademais, o concello reparte un folleto con enderezos de pubs e discotecas para os mozos aburridos ás seis da mañá que queiran seguir a esmorga ata as luces do novo día. En fin, se os cidadáns ferroláns lles parece ben que se gasten así os seus cartos, alá eles. Pero hai algo que non me cadra: eu estou farto de escoitar discursos apocalípticos contra o botellón que, de paso, culpan de todos os males do país a Rodríguez Zapatero. Discursos que proceden, mira ti, do mesmo partido no que milita o alcalde ferrolán.