Víctor Freixanes
La Voz de Galicia, 13/09/2009
As institucións non son adornos, aínda que algúns quixeran que o fosen, nin santos que se sacan de cando en vez en procesión. As institucións teñen unha razón de ser. Afírmanse na medida en que responden á misión para a que foron creadas. A Real Academia Galega (RAG), instituída hai máis de cen anos baixo a presidencia de Manuel Murguía, naceu como unha iniciativa da sociedade civil (non oficial) para a defensa e a afirmación da lingua galega. Tamén da cultura galega. O novo marco político da autonomía, que se configura a partir do ano 1981, considera a RAG como o referente primeiro do idioma: para estudalo, para difundir o seu uso social e para velar polo seu tratamento institucional e político (non só para ratificar as súas normas ortográficas). A saúde da lingua é unha das preocupacións primeiras e institucionais da RAG. ¿Como permanecer á marxe do que está sucedendo? Non é certo que a RAG se posicione respecto dunha ou doutra estratexia política a prol do idioma: é a situación xeral do galego o que a preocupa e obriga. ¿Acaso debería ficar calada? Cos recursos que ten, que non son moitos (e esta é outra cuestión), ten a obriga institucional de pronunciarse. Velaí o documento que o pasado 9 de maio demos a coñecer os académicos: Unha lingua para todos , chamando a atención da sociedade, e moi especificamente das forzas políticas que nos representan (non exclusivamente o Goberno), sobre as circunstancias concretas en que nos atopamos. O lector interesado pode consultalo na web da institución. Trátase de marcar uns principios básicos de dignificación e convivencia e, ao mesmo tempo, de establecer o que podería ser unha folla de ruta para saír do atranco en que estamos metidos. En ningún momento se fala nin dos causantes nin das razóns de por qué nos metemos neste rebumbio (aínda que poderiamos facelo). Trátase de buscar saídas e de ofrecerse como espazo posible para axudar a resolver un problema que non atinxe exclusivamente ao partido gobernante, repito, senón ao conxunto das forzas políticas e, en xeral, ao conxunto da sociedade. Primeiro punto: a cuestión lingüística debe afastarse da liorta partidaria. Segundo punto: a potenciación e uso do idioma galego non é incompatible co coñecemento e utilidade doutros idiomas (o multilingüismo é unha riqueza das sociedades contemporáneas desenvolvidas). Terceiro: o Plan de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, debe ser a referencia básica para calquera política que se pretenda. Cuarto punto: a cooficialidade simétrica dentro da Constitución Española, cooficialidade que debería recoñecer igualdade de dereitos para o castelán e o galego, e que precisa dunha política compensatoria de apoio á parte máis feble, é «a única forma de acadar a igualdade social». Cun parágrafo final que contextualiza a intervención dos académicos: «Os poderes públicos están obrigados a meditar serenamente a qué escenario queren levar a sociedade galega, tendo sempre presente que a lingua galega non é un problema, senón unha oportunidade».