26 may 2008


A ledicia de vivir en Auria (Foto Trebolle)

Xoán Fonseca e Javier Casares cos seus amigos de compaña musical: cando pase por aquí o Xoán pediríalle, por favor, que nos identifique ó resto dos contertulios.

LOITAS DE PODER. AUTOCRÍTICA.
La Región 26 maio (Imaxe: o Saturno de Goya)

O poder. Esoutro día dicía eu neste mesmo xornal que era case imposible esculcar ideas diferentes ou posicións ideolóxicas nidias nos bandos enfrontados dentro do PP. O mesmo pensan dentro e, de feito, confesábao onte Jorge de Moragas, asesor principal de Rajoy: “Esta é unha loita de poder, non de ideas”. Se as ideas son as de sempre, qué move, pois, ás duascentas ou trescentas persoas que foron ata a sede de Genova a abouxar os seus líderes? Pois o deseño das estratexias futuras. Alguén botou contas e decatouse de que é case imposible gobernar España con ningún tipo de maioría sen o apoio dalgún dos nacionalismos periféricos: non saen as contas nin os votos precisos. Por iso Jorge Moragas di agora que el non renuncia a que lle vote un nacionalista moderado desencantado.
Nada novo. Tampouco é nada tan novo. Lembremos que Aznar chegou ó goberno cando falaba catalán na intimidade e demandaba (e lograba) os apoios de CIU e PNV. O centrodereita en España é plural e, dende logo, cataláns e vascos (podemos engadir galegos e canarios) non se senten cómodos cunha dereita de raigames só españolistas, que non entenda a pluralidade estrutural do Estado. Veremos, pois, a Rajoy e ós seus en adiante falando da “España plural”, como fixo Zapatero? Pois non sería mala cousa e, de paso, que o PP galego reivindique a súa propia galeguidade e se arrede radicalmente de campañas que inventan falsas realidades como unha suposta imposición do galego no noso país (pobriños dos castelán falantes, asediados polos xornais en galego, o cine en galego, a xustiza en galego, etc. non sei como poden soportalo!).
Extrema dereita. Di tamén Jorge Moragas que non é bo que haxa extrema dereita, supoño que se refire á organizada en partidos políticos (na sociedade nunca deixou de habela). Pero eu creo que para pular un modelo centrista e reformista, sería bo que o PP deixase caer pola borda toda a súa carga de extrema dereita. Iso non racha a unidade do centrodereita, pola contra define espazos rigorosos. E os votos que se perdan dunha banda, pódense recuper de abondo entre o electorado centrista, maioritario. Doutra banda, os retos do futuro son tan grandes que non creo que haxa posibilidade de convivencia tolerada nun mesmo partido: vexan o exemplo italiano, os extremistas están levando a toda a dereita e ó país en pleno a un discurso integrista, excluínte e xenófobo.
Outra crise. Hai outra crise que case non sae nos xornais, só en columniñas pequeniñas: a de Izquierda Unida. Xentes de vontade e esforzo militante, sumidas na confusión tralo desastre electoral. Cando menos Llamazares e os seus tiveron a valentía da autocrítica ó recoñecer nun comunicado que non coñecen ben a sociedade española. En realidade, iso pásalle a todos os partidos, tamén ós que gañan as eleccións. Só que cando gañas acertas na polaroid, na foto fixa dun momento dado. E con iso xa levas os votos necesarios. E vas tirando.
O Descendemento (vía Tacho).