23 dic. 2007


Paratextos

Hai ensaios xa sobre este tema. E mesmo creo que algunha tese doutoral. Aquí en Galicia tamén algún estudo (no Boletín Galego de Literatura, creo relembrar).
Pero poucas veces vin un libro que seleccionara tan ben os paratextos que abren cada relato como fai Fernández Paz en O único que queda é o amor, que ademais é toda unha declaración de amor ós libros e á literatura. Vexan algunhas das súas xoias:


Todas as lembranzas son sucos de bágoas
WONG KAR WAI: 2046.

Hala bicar. E o bico que lle deas será
Polo que medirás todos os outros bicos da túa vida.
SCOTT HICKS: Corazóns en Atlántida.

Chega o tempo de non agardar por ninguén
Pasa o amor, silencioso e fugaz,
Como na distancia un tren nocturno.
JOAN MARGARIT: O primeiro frío.

Ríos da memoria tan amargos.
ANTONIO MARTÍNEZ SARRIÓN.

Un día nos veremos
Al otro lado de la sombra del sueño.
JOSE ÁNGEL VALENTE : Interior con figuras.

É o azar quen goberna o mundo.
PAUL AUSTER: A noite do oráculo.

O tempo cúrao todo. Mais que
Ocorre se o tempo é a enfermidade?
WIN WENDERS: O ceo sobre Berlín. (A imaxe é desta película)


El que da una palabra da un don.
JOSE ÁNGEL VALENTE: El inocente.



Unha descuberta: Pablo Auladell
O último libro de Agustín Fernández Paz estame dando moi bos momentos. Conmovedores os relatos "Esta estraña lucidez" e "Unha historia de fantasmas". E serviume tamén para descubrir a un gran ilustrador e artista: Pablo Auladell (Alacant, 1972). Os seus debuxos son un luxo para calquera texto. Velaí dúas probas. Poden tamén acudir á súa bitácora: www.pabloauladell.blogspot.com. Eu xa o fixen para felicitalo.
E velaí vai a miña... (postais 4)
(A foto é de Eduardo Blanco Amor: nenos en Louro, A Coruña, 1965)


Que o sorriso destes nenos e nenas,

a máis grande verdade do mundo,

vos ilumine a todos nunhas felices Festas de Nadal

e un ano 2008 cargado de traballo proveitoso e gañas de vivir.

(Para todos os lectores/as do blog e tamén para todos os amigos/as que nestes días tiveron o aceno xeneroso de acordarse de min coas súas felicitacións. Esta é a miña postal colectiva para todos eles/elas).




primeiras postais de Nadal (3)
Ademais de todas as citadas en post anteriores, chegaron tamén nestes días postais de nadal da alcaldía de Ourense (Francisco Rodríguez, con tarxeta de UNICEF); da concelleira de Igualdade, Xuventude e Voluntariado (Marta Arribas, con tarxete de Amnistía Internacional e versos de Millán Picouto); do fotógrafo e amigo Eduardo Núñez; de Fíos Invisibles; de Amancio LIñares e Antonio Puentes, da editora 3C3 (coa fotografía de Cristina Durafe, que reproducimos enriba); etc.
Velaí os versos de Millán Picouto na postal de Marta Arribas:
Que o camiño que sigamos
se distinga do dos astros,
que por órbitas de aceiro
circunvoan engastados.
Non, o noso brinque e bula,
mude e forza a cada cando
e, para asombro do universo,
naza só dos nosos pasos.

A fonte da Mirta
Pan por pan domingo 23 decembro
Imaxe do excepcional artista Pablo Auladell, que ilustra o libro de Agustín Fernández Paz citado embaixo.
Foi como a madalena de Proust: ía eu en automóbil, perto do novo acceso centro da autovía, e escoito na radio falar a unha muller sobre as polémicas obras do citado acceso: fala de casas con fendeduras, de terrapléns mal rematados, de pozos secos e da fonte da Mirta, tamén afectada polas obras. E a mente viaxa cara a escena dun campesiño conducindo os regos nas súas leiras de Ervedelo e ó seu arredor un neniño urbano, dez ou once anos, que pasa uns días na aldea materna ó carón dos seus avós. Na fonte da Mirta o neno está a descubrir un mundo novo, negado nos libros escolares e na TV. Xoga as súas fantasías infantís e imaxina aqueles outeiros como as grandes serras que conquistaba César na guerra das Galias. O neno, resucitado ó volante, pensa que algo de razón deben ter os veciños nas súas protestas cando ese acceso se abriu de forma clandestina, sen aplausos políticos.






CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1989: Darío Xohán Cabana, Avilés, A. Risco
(Imaxes: o Darío de Lugo, Andrés do Barro e Chano Piñeiro en caricatura de Siro)
Bo ano literario o de 1989. Empezo pola narrativa e xulguen vostedes mesmos. Darío Xoán Cabana gañaba o premio Xerais, resolto en Santiago, cunha das súas novelas máis populares, Galván en Saor, que dende a recreación da Materia de Bretaña descubría un narrador moi poderoso. Volvía ás letras galegas, dalgún xeito, Antón Risco, o fillo de don Vicente, publicando a súa novela máis ourensá e de gran calidade, As metamorfoses de Proteo; no mesmo ano editábase outra novela súa, O caso, e o libro de relatos Xogo de gardas e ladróns. O Premio Blanco Amor era para unha coidada novela negra de Román Raña, O crime da rúa da moeda vella, ambientada en Compostela. No mesmo xénero movíase Seis cordas e un corazón, de Xelís de Toro, que levou o premio Semana Negra do Concello de Santiago. Marina Mayoral conquistaba os lectores con Chamábase Luís, novela-reportaxe sobre o mundo da droga, e Úrsula Heinze ofrecíamos a novela sentimental, Aniansi, a súa segunda novela, de forte pegada cinematográfica na súa linguaxe. Moi interesantes eran tamén O minotauro, de Xosé Fernández Ferreiro, e Peito de vimbio, de Afonso Álvarez Cáccamo. O ano completábase ademais con obras como Fuxidos de sona, de Carlos G. Reigosa, e Máis alá de Galicia, de U. Heinze e Artesa, de Lois Diéguez, estes dous no campo da literatura xuvenil. María Xosé Queizán sacaba O segredo de pedra figueira, novela de aventuras sobre a viaxe da tribo dos amala na procura dun novo país, nun xeito de recreación mítico-lúdica das orixes da nación galega (DLG). Da mesma autora e data é A semellanza, na que un narrador omnisciente nos presenta a andaina dun homosexual dende a súa infancia no Lugo burgués do franquismo, en tempos de represión, ata o seu duro paso á transexualidade en Barcelona. Outro nome clásico das nosas letras que se achegaba á narrativa en 1989, neste caso por primeira vez, era o poeta Antón Tovar, co seu libro de relatos, cheo de autenticidade, A grande ilusión e outros contos.
O mapa lírico do ano rexistra a volta de Antón Avilés de Taramancos cun dos seus mellores poemarios, As torres no ar, un conxunto de trinta e seis poemas centrados na natureza e no amor. Darío Xohán Cabana publicaba Patria do mar e recibía o Premio Otero Pedrayo e a medalla de ouro do Concello de Florencia pola súa tradución ó galego de A Divina Comedia. De Luís González Tosar aparecía o seu segundo poemario, Remol das travesías, premio da Crítica Española no ano seguinte, unha viaxe poética chea de símbolos e lecturas superpostas (existencial, lectura social, metacultural), segundo o Dicionario da Literatura Galega de Galaxia. Manuel Rivas publicaba Ningún cisne, premio Leliadoura, e Xavier Rodríguez Barrio, Celebración do gozo, achega lírica chea de sensualidade, que foi premio Esquío e finalista do Nacional de Literatura. De Anxo Angueira, Val de Ramirás; de Xulio López Valcárcel, Presaxio de sombras, e de Víctor Vaqueiro, A cámara de néboa, viaxe mítica a través da paisaxe galega e do corpo feminino, completan o panorama anual, ademais do colectivo Ao mar de adentro, no que está presente o poeta ceense Miro Villar.
No campo do ensaio e a investigación tamén cabe reflectir algúns títulos fundamentais. Entre eles, estudos de conxunto como Escolas e mestres, de Antón Costa, ou traballos como Galicia, el bonsai atlántico, de Manuel Rivas, encarga de El País para lectores foráneos que se queiran achegar con tino á nosa realidade social e cultural. No xénero do libro-entrevista, Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán Vello publicaban A nación incesante: conversas con Xosé Manuel Beiras, libro de fondo significado político na súa recepción, e Román Raña estudaba a Manuel Antonio nunha edición anotada do seu poemario De catro a catro e outros textos. Claudio Rodríguez Fer daba a coñecer Poesía galega: crítica e metodoloxía, achega valiosa ós modelos da crítica literaria en Galicia, e o seu estudo Antonio Machado e Galicia, que esculca nas afinidades e relacións entre o gran poeta castelán e os seus referentes galegos.