10 sept. 2007


rENXEN AS eNGRANAXES
La Región 10 setembro

Dous anos. Cumpridos xa dous anos da posta en marcha do goberno bipartito, hai que recoñecer que renxen as engrenaxes do pacto que deu pé a este goberno. A dimisión ou cese de Antón Losada é só o último acto dunha serie de desencontros sucesivos que deturpan a imaxe do goberno socialista-nacionalista. O máis grave do asunto é que as críticas choven non só, como era de agardar, dende a oposición do Partido Popular (bastante despistada, de todos os xeitos), como dende os sectores máis próximos ó propio goberno progresista. Por poñer algúns exemplos, nesta mesma semana publicáronse artigos moi críticos de Manuel Rivas e Manuel Bragado a propósito do escándalo dos “pluses” dos altos cargos: en palabras do primeiro deles, “trátase de algo moralmente insostíbel. E algo que non é explicábel dende a ética, non pode ter tampouco un sentido práctico. En Galicia non só hai que cambiar o futuro, senón cambiar o pasado. Esa prebenda do Plus dos 15.000 fede a pasado. A corporativismo de Antigo Réxime.”
Moito máis duro aínda era Xosé M. Sarille cando afirmaba “O bipartito non ten proxecto e sitúase xa entre os peores executivos do ciclo democrático que xa é dicir (prestiges aparte). Unha política de anécdotas, sen que se fale nunca dos grandes temas pendentes, a natalidade, o caos urbanístico, o desequilibrio territorial, a morte do idioma, a necesaria reforma administrativa, a comarcalización”. Sobra dicir que os tres nomes citados se moven no campo cultural e na órbita do nacionalismo e que pediron o voto para o BNG en diversas ocasións.
Áreas blindadas. O modelo de reparto de poder escollido ten eivas de difícil solución. Sempre é positivo consensuar e intercambiar posicións, dialogar ata chegar a puntos comúns, converxer nun relato común das necesidades do país (na liña que apuntaba M. Rivas). Pero moitas veces semella que non se trata diso, senón só de repartir o poder en “áreas blindadas” para asegurar a presenza dos votos propios nas próximas eleccións: é posible tal cousa cando a política ten hoxe unha complexidade que necesita da complicidade de tantos actores? Pode unha consellería “facer a guerra” por si soia sen o acomodo das outras ou mesmo en direccións contraditorias? O que temos “máis parece o reparto dun botín de guerra que a distribución de áreas de goberno” di un comentarista no meu blog e sospeito que non é do Partido Popular.
As engrenaxes renxen e a opinión pública percíbeo. Cando os dous socios de goberno se pelexan a cara de can pola presenza de cada forza política na TVG, que cabe dicir das promesas de transparencia e obxectividade nos medios de comunicación públicos? Como xustificar o bochorno dunha visita ó país do ministro de cultura na que non figura como convidada a propia conselleira de cultura?
Ideas ou intereses? Sobran os exemplos sobre a primacía dos intereses sobre as ideas. Intereses políticos lexítimos de cada forza de goberno, pero que poden enturbar o panorama e ocultar a propia acción positiva de goberno. Creo que hai ideas interesantes neste goberno, por exemplo en Medio Ambiente, en Medio Rural, en Ordenación do Territorio, en Vivenda, etc. Falta que esas ideas se convertan, na maior parte dos casos, en realidades. A oposición dos medios máis conservadores vai ser brutal (velaí as liortas ridículas sobre os mandilóns nas Galescolas), pero con iso xa se contaba. Hai mesmo campos nos que pouco avance se constata, aínda no campo das ideas novas: Cultura e Normalización Lingüística, por exemplo. Renxen os engrenaxes, pero o goberno está a tempo de buscarlle solución e poñelos en perfecto estado. Terán, iso si, que pensar máis en gobernar e menos nos minutos que saen
en televisión.

(Imaxe: Cástor e Pólux, Museo do Prado)