1 feb 2009

Bendita crise (outra vez)
Afonso Vázquez-Monxardín

La Región 31-01-2009

Hoxe vou á contra: a crise non existe. Mellor dito, non hai motivo para crise xeral nin global. Hai só unha crise de superprodución e de sobreacumulación de capitais centrada nun par de sectores. O problema rebenta na construción, automoción e banca. E o resto, son arrastres. Vexamos. España non pode ter mercado para tantas vivendas anuais como toda a Unión Europea xunta. Que a cousa ía toupar parecía só cuestión de tempo e dunha circunstancia catalizadora, neste caso internacional, que fixese o tránsito da desconfianza á desbandada. A banca, ilusionada co movemento de diñeiro promovido pola construción, non dubidou en dar cartos a empresas e particulares ao tolo. A ousadía dos solicitantes de créditos -os menos culpables porque non tiñan que ser economistas- non era correspondida co factor corrector da responsabi lidade bancaria. Así, nuns poucos anos, sen subir case as materias primas, nin o chan, nin a man de obra, as construtoras multiplicaron loucamente os seus beneficios ante a pasividade desreguladora dos gobernos. A banca aproveitouse da situación -tamén directamente a través da súa participación nas construtoras- e o caso foi que detraeron millóns de euros do peto do cidadán do común e os traspasaron a unhas contas de beneficio que viron medrar a ringleira de ceros sen máis razón que a urxencia da rapina ‘mentres durase’ e todos contentos.
¿Automoción? Non se trata de que, como en Cuba, usemos coches dos anos cincuenta, pero ¿é lóxico que se venda un millón de coches ao ano, fiados ao crédito, ou sexa a beneficio bancario? ¿Quen se atreve a dicir que hai que reducir o sector e non promover máis vendas? Bens de consumo. ¿É lóxico que haxa unha tenda de roupa por cada dous habitantes -esaxero- e un bar per cápita? ¿É razoable que o noso ocio estea indisolublemente ligado ao consumo compulsivo? ¿É lóxico que o Estado proporcione os libros de texto con carácter xeral a todas as persoas, mesmo aos moi ricos? ¿É bo educar a unha sociedade na sobreprotección do todo feito, todo fácil, todo gratis en vez de inculcar nas persoas a súa responsabilidade máxima no seu destino? Oxalá a crise teña efecto no cambio de mentalidade de ricos desbocados na que andabamos no planeta e reformemos o disparatado sistema global. Se custa menos facer un pantalón na China e traelo a Ourense que unha botella de viño do Ribeiro, algo renxe. Hai que arranxalo. Non vai ser fácil.

VERGOÑA
PAN POR PAN 31-01-2009

Onte sentín vergoña, unha vez máis, escoitando unha nova de tema galego nun telexornal. Non era un crime da Galicia máis profunda nin nada sobre o narcotráfico.A tele informaba que Sogama non incinerou ningún dos millóns de fármacos recollidos en España, en vinte mil farmacias, dende 2002 ata hoxe.Doce mil toneladas de medicamentos usados ou caducados que, en contacto coa auga e outros residuos, poden ser altamente tóxicos. De nada vale o esforzo dos cidadáns levando eses fármacos ós contedores da farmacia, porque, en vez de ser destruídos, logo son enterrados en Cerceda, co perigo evidente de contaminar augas e terras. Pero, en que mans estamos? A alguén lle importa de verdade garantir a nosa saúde? Para que se gastan cifras millonarias en campañas a favor do medio ambiente? Haberá un responsable deste disparate: que poñan xa a súa foto na portada dos xornais.
A cidade dos escritores, Crónica da vella Auria
Xosé Antonio López Teixeira (FARO DA CULTURA, Faro de Vigo)

Poucas veces no panorama cultural galego a obra dun autor suscitou tan unánime aceptación por parte da crítica literaria e o público lector como o volume que agora presentamos: Historia de Ourense, da autoría de Marcos Valcárcel e que edita Xerais. E iso é así porque o libro de Valcárcel aporta rigor, información actualizada, e pódese ler dun tirón. En efecto; en apenas setenta páxinas primorosamente redactadas, o noso autor convídanos a descubrir o percorrido vital dunha cidade cunha delonga historia e un moi poderoso legado cultural. Unha viaxe, por antano e hogano, pescudando nas ideas, nos sucesos e na vida oculta dos personaxes que determinaron o acontecer. Sobre un substrato medieval de notable dinamismo desde o século XII, nace na xeira contemporánea unha nova urbe que ten a máxima expresión no ensanche modernista. Esta será a urbe que, na voz de Valcárcel, “acabe de deseñar, xunto coa súa zona antiga medieval, os horizontes da cidade moderna e a súa identidade máis definitiva, ampliada só despois nalgúns barrios desde este esquema primitivo”. Deste xeito, o noso autor centra o seu exame no Ourense contemporáneo porque, como el mesmo refire, “creo necesario amosar a memoria da cidade que nos está máis próxima; a cidade de quen aínda tivemos a sorte de escoitar a memoria oral con persoas como Otero Pedrayo ou Ferro Couselo”. E isto é así porque a capital do Miño desempeñou unha función de encrucillada, onde converxeron desde antigo comerciantes foráneos e houbo unhas xerazóns culturais esplendorosas, tal a Xeración Nós, na procura da conceptualización do feito diferencial galego. Marcos Valcárcel reivindica Ourense como unha cidade culta que contribuíu como ningunha outra á reconstrución da nosa identidade colectiva. Estamos, pois, perante un notable exercicio de historia local, onde se presta por igual atención tanto ás orixes como ao período contemporáneo. Valcárcel procura unha historia cultural na que os ourensáns e o resto dos galegos poidamos recoñecer as raíces. Na hora das conclusións, polo tanto, vaian os parabéns a unha obra que constitúe algo máis que unha achega erudita ao pasado dunha vila galega, é o pretexto para exaltar a profunda “ourensanía” de alguén ao que si cómpre ler.