29 oct 2008


NOVELA NEGRA (2)
andoliña 29 outubro

A novela negra continúa a antiga epopea adaptada ás estruturas mentais do mundo moderno. Os seus ancestros remotos serían Ulises e Lancelot: así comezou Bieito Iglesias a súa charla nas xornadas sobre novela negra e saúde mental. O escritor ourensán encontra nas claves do xénero, ademais da soidade do heroe, o papel da cidade protagonista, cidade neboenta ou noitébrega onde se editan xornais, pois non hai historia sen páxinas de sucesos. Filla dun tempo de positivismo científico e racionalismo, a NN ten hoxe unha liña dominante nos relatos de psicópatas: tales serían as consecuencias dun Occidente hipocondríaco e da sociedade do espectáculo que banaliza a violencia. “Máis que novela de evasión, que permitiría fuxir da vida real, axúdalle ao lector a recoñecer a súa prisión”, conclúe o Bieito.
Tamén ten moito zume a intervención doutro galego, Xoán Ramón Díaz. Que nos lembra que o doutor House non é máis que un trasunto de Sherlock Holmes e que o espírito da NN xa estaba presente na Biblia (dende logo na súa violencia desmedida) ou en obras como A Esmorga, Macbeth ou Luces de bohemia. Descenso ós infernos, esforzo de desalienación: dúas definicións axeitadas para este universo negro.