26 sept. 2008


Stephen Hawking
andoliña 26-9-08

A presenza dun científico da talla de Stephen Hawking en Santiago prestixia tanto a propia Universidade como a cidade de Compostela e toda Galicia no seu conxunto. Grazas, pois deben ser dadas, a Jorge Mira e a todas as persoas e institucións que posibilitaron esta visita, que debeu ofrecer de seguro infinitas dificultades.
Disque Hawking se declarou socialista (vota os laboristas e fala ben de Gordon Brown) e escéptico respecto do papel do transcendente: "A ciencia non deixa moito espazo para os milagres ou para Deus". Tampouco se amosou moi optimista sobre o futuro: cre que non se poderá evitar un desastre no planeta nos próximos cen anos e opina que algúns grandes avances, como o coñecemento do xenoma humano, xerarán co tempo unha sociedade dual, cunha raza de "superhumanos" que explotará os "humanos non mellorados". Así, a fuxida ó espazo exterior na busca de condicións posibles de supervivencia é unha opción verosímil nese contexto.
Algo que describiu a ciencia-ficción múltiplas veces, dende Huxley e Orwell ata os autores de hoxe. De certo, somos tan previsibles que non é estraño que coincidan os relatos de científicos e de escritores.

O RACISMO CONTRA OBAMA
PAN POR PAN xoves 25 setembro.
Escribín eu neste recuncho hai meses que o principal perigo de Obama nas eleccións norteamericanas era o racismo latente naquel país. Pois oxalá nos equivoquemos, pero unha enquisa on-line realizada aló amosa que o 40 por cento dos votantes brancos ten unha visión parcialmente negativa” dos afroamericanos. Aceptaban nese traballo adxectivos despectivos cara os negros como “violentos”, “preguizosos”, “irresponsábeis”, etc. Iso afectaría tamén ós votantes demócratas e por iso Obama non dá arrincado nas proxeccións de voto. O comentarista Ben Smith dixo que “aquí hai xente que non votaría por un home negro aínda que viñese camiñando sobre as augas da man de Cristo e Moisés”. Tamén é certo que a crise económica podería axudar ó candidato demócrata, pero nos tempos duros aínda medra moito máis o racismo. En fin, oxalá nos equivoquemos, repito.