5 oct. 2006


CIDADE DA CULTURA (Tirado de Chuza: un texto de Bieito Iglesias e unha idea en imaxes de Suso Sanmartín)
Xullo 13. PURO PRESENTE
Asisto a un cónclave de literatos a fin de suxerir contidos prá controversa Cidade da Cultura. Este xénero de reuniós deslízanse cara o arbitrismo e o diletantismo, no mellor dos casos, ou o craso 'dame algo': dame unha sesión de poesía visual, un local pra unha performance, unhas palestras, un obradoiro literario...Existe un problema previo a calquera outra consideración: a obra do monte Gaiás pertence á cultura do espectáculo. Querse dicir, "ao reino autocrático da economía de mercado, unha vez accedeu ao estatuto de soberanía irresponsable, xunto coas novas técnicas de goberno que acompañan o seu reinado" (Guy Debord). Apostila de Félix de Azúa: "Todo o que a sociedade do espectáculo presenta, é verdadeiro, bo e necesario, polo simple facto de telo presentado". O escritor tradicional peta pouco nesta meada. Talvez poda desecarse algún autor emblemático –despois de expirar, non antes- pra exhibilo en vitrina como o museu de Banyoles mostraba un bosquimano.
Bieito Iglesias, Tempos Novos, Nº 111 (Agosto 2006), pág. 81.

Dona Emilia. (Pan por Pan 5 outubro)

Xa lles contei que estiven na Coruña, nun Simposio sobre a Pardo Bazán e o xornalismo. Estaban alí varios reputados pardobazanistas de España e algúns franceses e italianos e aprendín moito sobre a autora de “Los pazos de Ulloa”.
Por exemplo, teño que recoñecer que, a través da lectura das súas obras, tan exactas na descrición dun mundo campesiño en crise, tiña eu unha imaxe en exceso liberal, no plano político, de dona Emilia. Agora sei que estaba contra o parlamentarismo, contra o constitucionalismo e os partidos políticos, segundo estudou Xosé R. Barreiro. E que se deixou influír polos pensadores do tradicionalismo católico francés, como De Bonald e De Maistre. Quedei sorprendido, pero só en parte: unha vez máis demóstrase que o relevante nun escritor son os mundos que é quen de crear e non as súas ideas políticas concretas.
Banquete no Hotel Miño, Ourense, dos galeguistas a Emilia Docet, miss España
Na foto están, entre outros (están todos identificados, se a alguén lle interesa): Otero Pedrayo e a súa dona María Xosefa Bustamante Muñoz; Álvaro Cunqueiro; Blanco Amor; Leuter González Salgado; Vicente Risco; Ramiro Illa Couto; Emilia Docet (miss España, no medio); Manuel Luís Acuña (que recibía ese día o premio do certame literario Manuel Murguía); Xoán Luís Ramos Colemán; Manuel Peña Rey; Esther Peña Bouzas; Alfonso Vázquez Monxardín (avó de...); Xosé Goyanes; Daniel Piñeiro e varios comerciantes da cidade.
andoliña 5 outubro
75 anos do voto feminino (e 3)
Na asemblea nacionalista de Lugo, en 1918, as Irmandades da Fala asinan como primeiro punto do apartado III do seu programa (Problemas Políticos) a ‘Igoaldade de dereitos para a muller’. Non era esta unha posición xeneralizada naquelas datas: non esquezamos que a escritora Francisca Herrera Garrido escribe na revista Nós en 1921 un artigo ridiculizador do dereito ó voto das mulleres. Cando chega o debate na República, o Partido Galeguista crea un Grupo Feminino en Ourense e abre unha sección nova en A Nosa Terra titulada ‘O recanto da muller’, no que escriben varias militantes femininas.
Eran xestos importantes, pero de resultados relativos. Como indica Carme Blanco, os galeguistas utilizaron acotío a imaxe do mito maternal galaico como fundamento da nación, nunha liña próxima á praxe dos nacionalismos irlandés ou vasco. E apelan á súa condición de traballadoras; velaí aquel cartel do Estatuto con dúas labregas e o texto ‘Mulleres que traballades como homes, votade o Estatuto’. Pero tiveron escaso protagonismo orgánico. Só isto: Mercedes Docampo pronunciou un discurso na terceira asemblea do PG e Xosefa Iglesias Vilarelle formou na directiva da Dereita Galeguista de Pontevedra.