29 sept 2009




Nenas góticas e ridículo

Non me estraña que Zapatero forzase a situación para retirar as fotos da parella Obama coa familia Zapatero-Sonsoles ao completo simplemente para que non se visen as súas góticas fillas polo mundo adiante. Se cadra hai motivos máis simples que a protección da privacidade. ¿É lóxico permitirlles a unhas nenas ir disfrazadas de góticas a unha recepción co presidente dos USA? Hai xa unha fotomontaxe de sabor norteamericano pola rede na que aparece Obama cunha grande espada na man e un texto There must be Orcs arround facendo broma con eses seres mutantes do mundo Tolkien e á impropia indumentaria das cativas.

Se collésemos o vello refrán de Nunca un crego caeu dun carballo teriamos unha vía de achegamento ao tema. Imos ver. ¿Pódese considerar privada esa viaxe, esa recepción na Casa Branca? ¿Non é unha descortesía para quen os convidou que lle soliciten retirar as fotos e pasar esa xenerosa hospitalidade á clandestinidade? ¿E tan inxenuo ZP que non sabía que unhas fotos chamadas á ignorancia máis absoluta, coa súa acción censora, ían chegar ás primeiras páxinas de todos os xornais? Pois creo que non. Creo que se trata de xogar ao despiste.

Ese mesmo día producíase no edificio da Organización das Nacións Unidas unha situación profundamente vergonzante para a política española que pasou desapercibida, tamén grazas a este engado. Pois cando o presidente iraniano, Aymadinejad, pronunciaba o seu violento discurso antisemita -dous días despois de adornar os mísiles nos desfiles militares de Teherán con pancartas de Morte aos USA, Morte a Israel, etc.- marcharon da sala os representantes de Francia, Reino Unido, Alemaña, Italia, Estados Unidos, Canadá, Australia, Nova Zelanda, Suecia, Arxentina... ¿e quen quedou por alí? Pois a vangarda do planeta: España, Venezuela, Bolivia, Bulgaria, Turquía... Un par de días antes, nunha entrevista nunha televisión norteamericana insistiu de novo na "alianza co islamismo moderado" e retomou o da Alianza das Civilizacións impulsada por Turquía e España. No seu discurso perante o pleno, non lle entrou a ningunha das grandes cuestións do mundo e soamente se manifestou, simplonamente iso si, sobre Honduras. España, de novo, situando os seus focos de interese lonxe das preocupacións globais de Occidente.

Depois, loxicamente, cando os tres grandes dos nosos -USA, Gran Bretaña e Francia- petaron co puño na mesa e lle leron a cartilla a Irán para marcarlle unha liña na area -o día 1 de outubro- para vir ao rego, ninguén se lembrou del. E nós enredando coa foto.

AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN- Galicia Hoxe:29/09/2009

Fotos insertadas: Trebi