20 may 2006


Segue o debate FALEMOS GALEGO: EN POSITIVO
Naceu neste blog e está tomando forma e cobrando apoios: un proxecto a favor da nosa lingua en positivo, sumando e non restando. Un proxecto que funcione como Laboratorio de Ideas a favor da lingua galega e que sume colectivos, sectores, persoas, hoxe arredados do galego, pero non hostís á lingua. Unha estratexia que deseñe formas de tender pontes e de abrir fiestras. Nesa liña vai tamén o artigo de Víctor Freixanes hoxe en La Voz de Galicia (sección "Vento nas Velas": o pasado mércores falamos destes temas con el e con outras persoas (Ferro Ruibal, Carlos Varela, etc.) e só podo dicir polo de agora que moita xente está esperando un aceno neste sentido. Velaí o artigo de Freixanes:

Emitir en positivo
ERRA de cheo o Partido Socialista de Cataluña con esa campaña a prol do novo Estatuto de Autonomía dirixida contra o Partido Popular. Refírome a esa campaña na que o PSC pide o voto favorable no referendo do próximo 18 de xuño argumentando que dese xeito os votantes derrotarán decididamente ao PP (sen facer referencia ningunha a Esquerra Republicana, por certo), porque o PP disque está contra Cataluña. Nos manuais de estilo da comunicación hai unha lei que advirte contra os que titulan en negativo. Titular en negativo significa sempre restar, nunca sumar. Ás veces é inevitable, certo. Pero sempre que se poida (e en política moito máis) o discurso debe ser o contrario. A sociedade necesita vento a favor para navegar, nunca en contra. ¿Non hai argumentos para salientar os méritos da causa que defendemos? ¿Tan fráxiles son que necesitamos descualificar, arredar, asustar ás audiencias coa ameaza dos que pensan ou defenden unha posición distinta da nosa? ¡Contra Franco viviamos mellor!, aínda sentimos dicir a algunha xente. Son os desesperados, ou os desesperanzados, ou os derrotados. ¡Claro que non viviamos mellor contra Franco! Contra Franco non viviamos. Só dende a simplificación, sen intelixencia, se pode soster semellante afirmación. A democracia esixe propostas, ilusión, proxectos de futuro, trabes e armaduras para levantar a casa, non petardos para derrubala. Ninguén se apunta á destrución, nin á catástrofe, nin aos funerais (por moi ben diagnosticados que estean), nin ás derrotas. ¿Lémbranse dos «profetas do non»? Durante moito tempo o nacionalismo e a esquerda (tamén o nacionalismo galego) construíu o seu discurso á contra: non ás celulosas, non á autoestrada, non ás centrais nucleares, non aos encoros... A maioría desas campañas (non todas) estaban xustificadas, tiñan razón de ser naquel momento, pero a sociedade percibíaas sempre en negativo, e en negativo non se constrúe nada. Agardábamos outra cousa dos cataláns do PSC, francamente. Todo o contrario do manifesto que me chega estes días a través do correo electrónico a prol da lingua galega, asinado polos amigos Alfonso Monxardín e Marcos Valcarcel, dende Ourense. Con humor, con imaxinación e afouteza, di máis ou menos así: «Traballemos polo galego e comámonos a beixos». A lingua é un espazo de todos, un espazo para unir e sumar, non para restar nin arredar aos que non a falan (aínda) ou pensan diferente ca nós. O académico Ferro Ruibal falaba o pasado 17 de maio en Sada dos «falantes pasivos», esas persoas que, aínda estando en condicións de falar o idioma, polas razóns que sexan, moitas delas profundamente enraizadas no ADN dos comportamentos (instalados na xenética do fracaso, a inseguridade e o medo), non a falan, resístense a incorporarse ao pulo común do seu uso normal e normalizado. Houbo un tempo que a táctica de algúns consistía en denuncialos ou descualificalos, como se non fosen galegos. Ferro Ruibal propón, e moitos sumámonos decididamente a esa proposta, a táctica da comprensión e do afecto: xa virán, deámoslles tempo, pero sobre todo deámoslles probas e argumentos para que veñan a ese territorio que nos une e no que nos recoñecemos, o universo das palabras herdadas dos avós, transmitidas felizmente e sen complexos aos fillos e aos netos. ¡Falemos galego e comámonos a bicos! Gústame a invitación. Non necesitamos estar contra ninguén. Temos argumentos abondo para defender a causa que nos convoca. Os cataláns do PSC equivócanse. O futuro só se constrúe dende a ilusión dos proxectos compartidos.

DON RAMÓN: QUERIDÍSIMA MAMACIÑA
(Andoliña sábado 20 maio)
Hai uns días, na súa charla no Liceo de Ourense sobre Otero Pedrayo, Víctor Freixanes anunciou dúas novas editoriais relacionadas co señor de Trasalba. Unha, a publicación das súas cartas con Castelao que está a preparar Alonso Montero e que verán moi cedo a luz: nelas amósase como foi Otero o núcleo activo que transmitiu de vagariño a sorte e saúde do Castelao exiliado, ata a súa morte en xaneiro de 1950, ao conxunto do galeguismo.
E a segunda, a edición, que tardará máis, das cartas que Otero escribiu á súa nai, dende 1905, con 17 anos, ata a morte de dona Eladia Ramona Pedrayo Ansoar, en 1957 (con case 98 anos). Trátase de máis de mil misivas epistolares que están a catalogar Patrias Arias Cachero e Mónica Pazos Martínez. Houbo días que don Ramón mandou na mesma xornada ata tres cartas á súa nai: un caso singular na historia literaria de fecunda comunicación maternofilial.
A revista “Grial” vén de publicar, no seu último número, algunhas destas cartas, que constitúen unha parte relevante das memorias da súa vida que nunca escribiu (só parcialmente): se se len con atención, mesmo se descobren riscos do seu inconfundíbel estilo.

Dona Segunda República debeu quedar abraiada, supoño
Por aí embaixo anda un post no que anunciaba a miña intervención nun debate sobre a guerra civil e o franquismo en Telemiño. Xa deixei alí unha primeira impresión, pero agora veño de ver o programa gravado enteiro e quero engadir algo. A sensación de disparate é aínda maior que cando eu estaba alí. Aquilo semella que rematou sendo un debate sobre Carrillo, Paracuellos e o ouro de Moscú: quizais o moderador debeu acotar máis o tema ao que falaramos previamente, centrado en Ourense e nas tres etapas (República, guerra e dictadura, desta última non houbo tempo a falar).
E, si, na publicidade seguiu o debate. Carmen Nóvoa, socialista acérrima, quería marcharse e estaba indignada porque Virxilio se meteu con Zapatero e Bono (presumiu de berrarlle ao ministro nun acto público na Catedral de Toledo). Coa súa teoría dos "catro tolos" non oímos de don Virxilio nin sequera unha palabra de arrepentemento da súa militancia falanxista naqueles días. E todos sabemos o papel que tivo Falanxe (á marxe do que el fixera, reciclado logo en Acción Católica) naqueles días: o traballo suxo do exterminio, arredor de mil mortos en Ourense, nun concello que non pasaba dos vinte mil, algúns máis se sumamos Canedo. Os "paseados" ("claudiados" en Ourense) aínda están sen contar rigorosamente.
Quizais conveña a emisión destes programas para que saibamos como é a realidade, que non é o que nós percibimos nos nosos círculos máis estreitos e ideoloxizados ou ilustrados: hai moito pensamento franquista aínda vivo e non só nestes "supervivientes de Falange". Non é tamén curioso que as chamadas exteriores fosen en apoio dos pro-golpistas? A Amador coñézoo hai tempo das cousas da cidade, pero non sábía que era tan reaccionario.
E o Virxilio, por se alguén non o sabe, é irmán dos escritores Julio e José Luís López Cid, debe ser a ovella negra (ideolóxica) da familia. Pareceume tamén indignante a súa utilización de persoas republicanas xa mortas, como Alberto Vilanova, para xustificarse, ou mesmo de comunistas como Clemente Jiménez para atacar a Carrillo. Ao seu irmán José Luís López Cid sempre lle quixen ben e sempre me tratou moi ben e mesmo me presentou nunha ocasión a Valente traballando na Biblioteca da Deputación Provincial. Que pensaría deste seu irmán "exaltado"?
Pola miña banda, aínda que tiven pouco tempo para falar (sen ser maleducado), dixen o esencial que quería dicir. Sobre todo, quedei satisfeito da miña intervención final con estes dous reclamos:
(1) Concello de Ourense (grupo de goberno) retire xa as últimas pegadas do franquismo na cidade: eses nomes golpistas de "Coronel Ceano", "Capitán Eloy", etc.
(2) Seguimos a agardar un aceno de perdón e arrepentimento polo papel da Igrexa (institución) bautizando como "Cruzada" e asistindo a esta barbarie no bando gañador. Nin sequera unha palabra en nome dos católicos masacrados: entre outros, A. Bóveda, Camilo Díaz Baliño, o nacionalista catalán Carrasco Formiguera, etc.