
"O FRACASO DO BLOQUE"
Xosé Manuel Sarille (Correo Gallego:16/06/2009
Cando Anxo Quintana ocupou a vicepresidencia da Xunta, Antón Losada foi o seu principal asesor. A estratexia bloqueira de goberno consistiu en facer que o BNG migrase para o espazo rexionalista de centro, até daquela ocupado pola tendencia boina do PP. O líder e os seus asesores pensaban que para permanecer no poder neste país o único ideario posíbel era o encarnado até daquela en Xosé Cuiña e arbitrado por Manuel Fraga como se fose o espazo natural de Galicia.
Nas eleccións autonómicas moitos votantes do Bloque ficaron na casa, indignados. Era lóxico porque o elefante nin unha formiga pariu en catro anos. Os votos dese centro non saíron da cesta do PP nin de broma, e o BNG desatendeu ao 25% do electorado galego que segundo as enquisas está á súa esquerda. A consecuencia foi unha enorme decepción.
Antón Losada botoulle a culpa da derrota á deserción dos votantes fieis, como se tivesen a obriga de apoiar incondicionalmente a pésimos políticos, incluso despois de asistir á alucinante operación de travestismo. E os novos dirixentes do Bloque (o de novos é un dicir) anunciaron que no sucesivo buscarían máis esquerda e máis nacionalismo. Activouse o caricaturismo da UPG e nas eleccións europeas as xuventudes imprimiron un cartel cunha estrela vermella máis gorda e colorada que as que se puñan no Kremlin. E namentres, a insolvente candidata púxose diante dun mapa con fronteiras e cousas desas. É entón cando Antón Losada aproveita para dicir que o Bloque perde aínda máis votos por non ficar no centro, que é onde os hai. Como se toda esa pachanga de emblemas e proclamas valeiras tivese algo que ver con facer política de esquerdas. Ou con algo máis que cunha organización ao borde do estado de coma. Mais a funeraria situación sérvelle agora a Losada para mangarlle a manta aos antigos compañeiros de cama e tapar con ela o seu lado.
O Bloque fracasa porque está KO, pero fracasa sobre todo porque abandonaron os principios intervencionistas e socialdemócratas, precisamente cando a crise estaba a punto de facer que volvesen. Foi o outro día e nótase moito. Por iso soan a oco e non son críbeis.